GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A novena entrega do especial "Historias de ida e volta" analiza a emigración masiva a América dos anos 50

(18/06/2021)

A novena entrega do especial "Historias de ida e volta" analiza a emigración masiva a América dos anos 50

Trátase dun proxecto web realizado pola Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega, que ofrece fotografías e documentos que axudan a entender as novas realidades migratorias a América dos anos centrais do século XX.

 

Emigrantes galegos nun ultramarinos en Bos Aires (1962). Foto: Consello da Cultura Galega

Emigrantes galegos nun ultramarinos en Bos Aires (1962). Foto: Consello da Cultura Galega

 

Listen to this page using ReadSpeaker
 

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2021.

 

Arxentina, Uruguai, Brasil e Venezuela foron os principais países de destino da emigración galega a América nas décadas dos anos 50 e 60. Uns movementos que se caracterizaron pola reagrupación familiar e pola captación de traballadoras e traballadores. A novena entrega do especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, ofrece fotografías e documentos que axudan a entender as novas realidades migratorias a América dos anos centrais do século XX.

 

A novena entrega do especial “Historias de ida e volta” titúlase Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX e amosa en vinte imaxes e documentos como foi a emigración dos anos 50 e 60. Entre a crise económica de 1929 e o inicio da Guerra Civil produciuse unha paréntese nos movementos migratorios. Reactívanse no franquismo, que aplica medidas restritivas e en 1946 decide reactivar a Lei de emigración. 

 

Explica este especial que “nesta fase convive unha emigración de chamada xunto cunha emigración asistida e organizada en función das normas emanadas de organismos internacionais como o Comité Internacional para as Migracións Europeas (CIME) e as necesidades de man de obra dos países receptores, cos que se asinan convenios bilaterais”.

 

Arxentina, Uruguai, Brasil e Venezuela son os países que concentran a chegada de emigrantes entre 1950 e 1960. “Estes países vivían un momento de crecemento económico e de desenvolvemento industrial que demandaba obreiros cualificados e técnicos especializados, na construción e nas obras de infraestruturas, así como traballadores agrícolas” apunta o especial. Era unha política selectiva que só permitía entrar nos países a todo aquel ou aquela que fose reclamado ou levase un contrato de traballo; de feito, moitos dos documentos que ilustran esta época son contratos laborais que facilitaron todo o proceso burocrático para poder entrar nos países. Outra característica desta época é que existe un aumento considerable da emigración feminina como resultado da política de reagrupación familiar. 

 

Este período remata coa aparición de novos destinos en Europa: Alemaña, Francia, Suíza ou Inglaterra, que acabarán por converterse, pola súa maior proximidade e polas facilidades para atopar colocación e mellores niveis salariais, nunha nova realidade migratoria para os galegos e galegas, que será analizada noutro especial. 

 

Todas as imaxes e documentos que aquí se expoñen forman parte do patrimonio fotográfico e documental que se conserva e salvagarda no Arquivo da Emigración Galega. Moitas delas proceden de coleccións particulares que a cidadanía doou á institución, un proxecto que está permanentemente aberto. 

 

Historias de ida e volta

 

O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial “Historias de ida e volta”, que cada terceiro venres de mes difunde materiais que documentan o fenómeno migratorio. A primeira entrega deste especial explicaba o proceso de partida cunha serie de permisos e documentos que precisaron os e as emigrantes para poder saír do país. Despois centrouse no Centro Galego da Habana, símbolo do poderío e da grandeza que acadou a colectividade galega na illa ao longo dos séculos XIX e XX. A terceira entrega amosa imaxes e outros documentos dos diferentes procesos que tiveron que pasar as e os emigrantes no momento da chegada a América no século XX. A seguinte centrouse no papel desenvolvido polos homes, mentres que a quinta amosou as distintas formas de lecer das diferentes comunidades. Na sexta puxéronse de manifesto os oficios e roles que desenvolveron as mulleres na emigración e na sétima as actividades culturais.

 

Arquivo da Emigración Galega

 

O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luís Domínguez.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas