GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Os emigrantes de Liechtenstein xa puideron estrear o seu local, tras case un ano

(02/06/2021)

Os emigrantes de Liechtenstein xa puideron estrear o seu local, tras case un ano

 

A derriba da histórica sede, a construción dunha nova entre os socios e sobre todo a pandemia atrasou a apertura das novas instalación

 

 


carballo / a voz 02/06/2021

 

Os emigrantes españois de Liechtenstein, que na súa inmensa maioría son da comarca de Fisterra e zonas limítrofes (sobre todo Mazaricos), xa teñen local para reunirse. Xa o tiñan ata o ano pasado, sempre baixo o paraugas da entidade Santiago Apóstol desde hai 41 anos, pero era de propiedade municipal e houbo que derrubalo a principios do verán. Era un dos máis veteranos e activos de Europa, e desde logo de Suíza (para certos temas, o Principado pode unificarse coa confederación), pero chegou o parón. Primeiro, pola falta de sede, e a maiores, pola pandemia.

 

Manuel Figueroa, de Ozón, que leva 41 anos no país e 31 de presidente, xunto a outros compañeiros, comezou a buscar unha alternativa e finalmente apareceu. Non en Schaan , onde estaban (municipio no que só hai que cruzar o río Rin para pórse no Buchs suízo, tamén con notable presenza galega, igual que Grabs, á beira, todo no cantón de San Galo), senón algo máis ao norte, en Bendern , pequena e moi histórica localidade do municipio de Gamprin, duns 1.600 habitantes, onde por suposto tamén se cruza o río para chegar a Suíza.

 

Aí, nas dependencias do que foi unha mueblería, os galegos comezaron no verán pasado a traballar nas súas horas libres para preparar o novo local, como nos vellos tempos dos anos sesenta e setenta (e para aforrar diñeiro), e o resultado foi excepcional. En decembro xa estaba listo, pero as restricións impediron aproveitar ese espazo. E así, ata hai apenas unha semana, incluso uns días antes que en Suíza. É curioso: xeralmente o Principado vai a remolque do veciño maior en canto a medidas, pero sempre mantendo as mesmas. En Suíza, o interior dos bares e restaurantes autorizouse aínda este luns.

 

Así que o novo Santiago Apóstol xa está en marcha, tamén con nova xerencia no local, agora en mans de Ramón Dosil Martínez, natural de Outes, pero que viviu desde mozo en Corcubión (antes, de Juan Barrientos, de Bardullas, e a súa muller Carmen Lema, de Moraime).

 

Ademais das comidas dos habituais, xa houbo celebracións de familias nas confirmacións dos seus fillos, as reunións para xogar a partida ou ver o fútbol... O habitual neste tipo de centros, onde a gastronomía galega e as conversacións cos veciños polo menos unha vez pola semana son claves para levar mellor a morriña, sobre todo entre os emigrados de primeira xeración. Once meses de peche non pasara xamais, e foi un problema engadido aos moitos da pandemia.

 

Figueroa está satisfeito por ter aberto de novo, a pesar de que haberá que adaptarse aos cambios. As festas campestres, posiblemente, xa non poderán celebrarse fose do local, e haberá que buscar outro sitio. E tamén será necesario actualizar o censo de socios, tras o 2020 practicamente en branco. O presidente cre que non andan lonxe dos 200.

 

Tamén terán que pór en marcha actividades, porque obviamente non as hai. «É case como volver a empezar», chancea, a pesar da experiencia acumulada de máis de catro decenios. Un tempo no que outros centros moito máis veteranos, como o de Berna, han ir desaparecendo, e o decano, A Nosa Galiza de Xenebra, cambiou moito.

 

A renovación si chegou a Lyss, por exemplo, e a forza mantense no Sementeira de Basilea, o Irmandade de Xenebra ou o Atees de Delémont, por citar só algúns dos varios que aínda resisten e van algo máis alá de ser só restaurantes.

 

O Santiago Apóstol organizaba cada ano, en novembro, unha festa á que levaba sempre destacadas orquestras e monologuistas galegos, e que xa se verá se este ano pode regresar. Orquestras que ás veces viaxaron en taxi, unha liña que segue moi activa cada semana con vehículos entre a Costa da Morte e Vaduz, a capital, a dous miles quilómetros de distancia. E todo para levar e traer xente e mercancías a este Principado de 160 quilómetros cadrados (como Cabana e Cee xuntos) e 38.000 habitantes (como Carballo e Coristanco).

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Setembro 2021
LMMeXVSD
  12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930   
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas