O IES Laxeiro sumarase esta semana ao “Tolo Festival” para axudar á difusión de valores solidarios e visibilizar a situación de excepción das persoas desprazadas e refuxiadas. A actividade realízase en colaboración co Comité Español do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur) e terá lugar do 1 ao 4 de xuño no patio exterior do centro, o vestíbulo, a aula de segundo B e o salón de actos. Nesta edición participan os seguintes proxectos: “Escape room” (2º ESO B), “Peto solidario”, pasapalabra temático en galego e photocall (3º ESO B), “Videocreación” (4º ESO A), “Pasapalabra temático en inglés. The doughnut game” (4º ESO B) e “Mozo/as inspiradores/as”. O evento ten un horario de 11.00 a 12.30 horas “dependendo dos días e grupos hai varias quendas de recreos que non se solapan”, explican desde o instituto lalinense. O Tolo Festival favorece o desenvolvemento dos valores éticos necesarios para a convivencia democrática, segundo o centro.

 

Doutra banda, tamén no IES Laxeiro o vindeiro luns representantes da Asociación Baiuca Verdescente visitarán aos seus alumnos para explicar o seu proxecto solidario, en concreto aos estudantes de cuarto curso da ESO, en horario previsto de 8.50 a 12.00 horas.