GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Os ecos das concertinas da aldea de Olelas chegan ao corazón de París

(31/05/2021)

Os ecos das concertinas da aldea de Olelas chegan ao corazón de París

Emigrantes da localidade ourensá, situada no concello de Entrimo, difunden a súa herdanza cultural en Francia

 

 
 


Ourense / La Voz 31/05/2021

 

 

En Olelas , unha pequena aldea de Entrimo onde basta con alzar a man polo aire para dar o «bos días» aos seus veciños de Várzea, xa en Portugal , segue moi viva a figura de Sindo Álvarez, artista da concertina que faleceu no ano 2017. Polo seu carácter, era imposible que a súa despedida fose convencional. Nunha homenaxe posterior ao seu enterro, o seu fillo Fernando, que tamén toca o instrumento, arrincouse cunhas pezas para amenizar o ambiente. «A miña nai non quería que tocase, pero logo expliqueillo. Fíxeno por respeto ó meu pai, que era unha persoa que sempre quería festa e alegría, nada de funerais ou loito», conta desde París.

 

 

Da cidade de Nancy, Fernando marchouse á capital francesa no ano 1979. Polo camiño non perdeu a súa paixón pola concertina, que segue tocando na súa casa ou entre amigos, nun coro de folklore que fala ás claras do vínculo de Olelas cos seus veciños lusos. «Hai moita xente que é de Arcos de Valdevez, e xuntámonos sempre. Tocamos entre amigos e facemos festas. E non o facemos para gañar diñeiro. Para min é un pracer manter as tradicións da miña aldea. Desde os 14 anos que comecei a facelo xa non parei», explica.

 

O escritor e músico coruñés Xurxo Souto, autor dun libro sobre a figura de Sindo, profunda na transcendencia da concertina como símbolo cultural e identitario máis aló de Olelas. «É fascinante. Hai moitos veciños que viven lonxe da aldea e o que une á súa comunidade é a romaría da Nosa Señora da Peneda, en Portugal, onde chegan a reunirse entre 30 e 40 tocadores de concertina. Xúntanse centos de persoas a bailar», conta. Este sentimento de arraigamento, segundo Souto, vai moito máis alá da morriña. «É algo máis profundo. O referente vital dos veciños de Olelas é a súa terra», expresa.

 

Como nunha chiscadela constante ao país luso, a historia familiar de Fernando entrelázase novamente co outro lado da fronteira. A súa muller é de Ribeiro de Baixo, a só un salto de río de Olelas pero a case unha hora en coche polo accidentado da orografía local. «A un lado e outro somos como irmáns. Eu levo case que toda a vida en Francia. Teño 66 anos e aquí xa son 57, pero a miña idea é volver para quedar en Olelas», conta.

 

A tradición e o ensino familiar

 

Só o fillo de Fernando escapa, por agora, á liña sucesoria familiar da concertina. A esperanza de que os ecos do instrumento sigan soando a personifican un sobriño de Fernando, Diego, e tamén o seu neto, Enzo. O primeiro deles xa tocou con el en agosto; o seu neto, por agora, está nos pasos iniciais. «Ándolle a meter algunhas leccións para que vaia aprendendo. Enzo aínda ten 18 anos e son consciente de que está comezando. E o meu pai era un orgullo para el», di. «E o Diego é o número un nos ranchos folclóricos portugueses de París. Recordo que unha vez pregunteille que por que seguía tocando se el nacera en Francia. E díxome: ‘Porque cada vez que collo a concertina sinto que estou de novo en Olelas co meu avó'», agrega Souto.

 

Fernando, xa xubilado desde hai dous anos, mira agora con ilusión o seu regreso á aldea. Será a finais de xuño, xusto cando a súa muller se retirará. Se todo vai ben, prevén estirar a súa estancia na localidade sen que haxa unha data definida de volta. «O que nos permita a saúde. O que teño en mente é coller unhas pitas para entreterme e coidar un terreo», explica.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Setembro 2021
LMMeXVSD
  12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930   
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas