GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

As iniciativas culturais da emigración centran a oitava entrega do especial “Historias de ida e volta”

(21/05/2021)

As iniciativas culturais da emigración centran a oitava entrega do especial “Historias de ida e volta”

Unha das obras esenciais do rexurdimento galego, “Follas novas” de Rosalía de Castro, publicouse na Habana en 1880, illa na que se xestaron a nosa bandeira e o noso himno.

 

Socias da Casa de Galicia - Unidad Gallega de Nova York, desfilando pola Quinta Avenida (1972)

Socias da Casa de Galicia - Unidad Gallega de Nova York, desfilando pola Quinta Avenida (1972)

 

Listen to this page using ReadSpeaker
 

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2021.

 

Unha das obras esenciais do rexurdimento galego, Follas novas de Rosalía de Castro, publicouse na Habana en 1880. Nesa illa xestáronse a nosa bandeira e o noso himno. Son só algúns exemplos da importancia que para as nosas e os nosos emigrantes tivo a difusión e defensa da cultura galega. A oitava entrega do especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, ofrece fotografías e documentos que poñen de manifesto as importantes iniciativas culturais que se desenvolveron a raíz do fenómeno migratorio tanto nos países de destino como en Galicia.

 

Esta nova entrega do especial “Historias de ida e volta” presenta en vinte imaxes e documentos algunhas das iniciativas culturais que se fixeron dende América por e para Galicia. Proposta que amosa, tal e como se asegura no especial que “a difusión e defensa da cultura galega, tanto en América como en Galicia, pasaron a ser un obxectivo prioritario para moitas das entidades de emigrantes”.

 

Vía de financiamento das iniciativas culturais

 

A emigración motivou que desde a emigración se creasen sociedades culturais, se publicasen libros, xornais ou revistas, se emitisen programas de radio..., pero tamén foi a orixe de remesas de cartos para conmemorar e homenaxear a grandes figuras da nosa literatura, da nosa música, mesmo para axudas puntuais en caso de necesidade ou para fomentar a creación e mantemento de institucións culturais en Galicia, como a Real Academia Galega ou a Universidade galega. Tamén dende América se impulsaron e apoiaron as iniciativas de carácter galeguista como as Irmandades da Fala ou o Seminario de Estudos Galegos.

 

Foi tamén na emigración onde se deron a coñecer ou se publicaron as obras literarias nacidas no Rexurdimento: Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal. Mesmo numerosas asociacións de emigrantes tomaron o nome destas figuras como homenaxe. Ademais, algunhas delas tan destacadas como Curros, Ramón Cabanillas, Roberto Blanco Torres, Antón Villar Ponte, Eduardo Blanco-Amor, Ramón Suárez Picallo, entre outros, viviron en primeira persoa o proceso migratorio, polo que moitas delas crearon e publicaron a súa obra nos países de destino. 

 

A situación política de Galicia condicionou a influencia cultural de América ata tal punto que o especial explica que “tras a Guerra Civil, América, coa chegada do exilio, convértese no baluarte cultural galego. Mentres Galicia estaba reprimida polo réxime franquista, obrigada ao silencio, as manifestacións culturais en galego frutifican en América –revistas, xornais, audicións de radio, editoriais, compañías de teatro, exposicións de arte, cine...–, o que provoca un renacemento da nosa cultura a partir dos anos 50”.

 

Todas as imaxes e documentos que aquí se expoñen forman parte do patrimonio fotográfico e documental que se conserva e salvagarda no Arquivo da Emigración Galega. Moitas delas proceden de coleccións particulares que a cidadanía doou á institución, un proxecto que está permanentemente aberto. 

 

Historias de ida e volta

 

O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial “Historias de ida e volta” que, cada terceiro venres de mes, difunde materiais que documentan o fenómeno migratorio. A primeira entrega deste especial explicaba o proceso de partida cunha serie de permisos e documentos que precisaron os e as emigrantes para poder saír do país. A segunda centrouse no Centro Galego da Habana, símbolo do poderío e da grandeza que acadou a colectividade galega na illa ao longo dos séculos XIX e XX. A terceira entrega amosou imaxes e outros documentos dos diferentes procesos que tiveron que pasar as e os emigrantes no momento da chegada a América no século XX. A cuarta centrouse no papel desenvolvido polos homes, mentres que a quinta amosou as distintas formas de lecer das diferentes comunidades. Na sexta púxose de manifesto os oficios e roles que desenvolveron as mulleres na emigración.

 

Arquivo da Emigración Galega

 

O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre as e os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luís Domínguez.

 

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Setembro 2021
LMMeXVSD
  12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930   
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas