GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O Consello da Cultura Galega e Emigración levan a Tui a exposición “Inventio Mundi” que documenta unha parte da historia da navegación marítima galega

(21/05/2021)

O Consello da Cultura Galega e Emigración levan a Tui a exposición “Inventio Mundi” que documenta unha parte da historia da navegación marítima galega

A mostra poderase ver ata o próximo 9 de xuño no Centro de Exposicións do concello tudense.

 

Permite achegarnos a figuras relacionadas coas descubertas e viaxes transoceánicas protagonizadas por galegos.

 

 
Imaxe da inauguración, na Sala de Exposicións do Concello de Tui

Imaxe da inauguración, na Sala de Exposicións do Concello de Tui

 

 
Listen to this page using ReadSpeaker
 

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2021.

 

A mostra Inventio Mundi, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Secretaría Xeral da Emigración pode desfrutarse dende hoxe no Centro de Exposicións do Concello de Tui.

 

Na inauguración estiveron presentes o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro. A mostra poderase visitar no Centro de Exposicións do concello ata o 9 de xuño. 

 

Tui tivo un papel relevante na historia da navegación marítima. Como capital diocesana concentraba o poder civil e eclesiástico deste territorio fronteirizo. Ademais, foi o lugar de orixe dalgunhas figuras destacadas como Sebastián de Ocampo, que descubriu que Cuba era unha illa.   

 

A mostra permite achegarnos a figuras relacionadas coas descubertas e viaxes transoceánicas protagonizadas por galegos. Nomes como o tudense Sebastián de Ocampo, o primeiro que demostrou o carácter insular da illa de Cuba en 1508, ou o do grumete Juanes Hernández, tripulante da nao Concepción na expedición de Magalhaes.

 

Inventio mundi é unha mostra que recolle unha parte da historia de Galicia que se descoñece, que permaneceu practicamente invisibilizada e da que existen poucos documentos e materiais. De feito, unha das grandes fortalezas desta mostra está no relato, en explicar en pouco máis de trinta paneis unha historia da navegación galega que arranca nese interese comercial coas Illas Molucas e remata no século XVII, cando mudan as formas de navegación. Pero tamén está en recoñecer esa historia de navegación que chegou ata os nosos días a través do imaxinario popular e que recolle a nosa literatura. 

 

A mostra xestouse en 2019 en plena conmemoración do quinto centenario da saída da expedición Magalhães/Elcano que completaría a primeira circunnavegación do planeta e as súas consecuencias para Galicia.

 

A Galicia navegante no imaxinario literario

 

A posición atlántica de Galicia é fundamental para comprender a especificidade da cultura galega. Por iso, a través de Inventio mundi tamén se recupera como se mantiveron no noso imaxinario popular os feitos históricos. Na literatura galega medieval, o Atlántico é o Mar Maior, cantado por Paio Gómez Chariño, o poeta almirante sepultado na igrexa de San Francisco de Pontevedra, a Boa Vila, porto importante aínda a fins do século XV. Pero hai máis, a historia do Colón pontevedrés; o Fernando de Magalhães que naceu na aldea de Magaláns, na mesma ría; pero tamén na literatura contemporánea en obras como O triángulo inscrito na circunferencia de Víctor Freixanes, entre moitas outras achegas. 

 

A navegación histórica

 

O relato da navegación galega comeza coa epopea de Magalhães, que descobre unha nova ruta para ir ás illas Molucas, a das especias, pero sen ter que pasar polos territorios adxudicados a Portugal no Tratado de Tordesillas (1494). Como é sabido, Magalhães morreu na ruta pero regresou Elcano, que tentou explorar esa nova ruta. Por aquel entón Carlos V non tiña interese en reforzar o comercio de Sevilla con América e aproveitou as circunstancias políticas para crear na Coruña unha casa de contratación (da que non queda resto ningún). Iníciase así un intento de explotar o mercado con América desde Galicia. Esa nova vía político-marítima concretaríase nun proxecto de colonización e cinco expedicións, das que só se fixeron catro.

 

A exposición dá conta desas catro viaxes, do tipo de embarcacións empregadas e dos nomes propios dos seus promotores e executores. “As expedicións foron un auténtico fracaso en canto ao que se pretendía perseguir (abrir unha vía de comercio coas Molucas sen ter que depender de Portugal), nas que morreron moitísimos homes (moitos deles galegos), nas que non se obtivo ningún beneficio” explica Ofelia Rey. Pero, ao mesmo tempo, a comisaria recoñece que foron moi positivas vistas con ollos de hoxe. “Permitiunos ver as prospeccións xeográficas, o cartografado da costa e un relato dunha tentativa truncada dun peso relevante de Galicia no comercio coas Américas” explicou.

 

A primeira das expedicións tivo lugar en 1524, que é cando sae do porto da Coruña a carabela Anunciada. Á fronte está Estevão Gomes, que busca un paso entre o Atlántico e o Pacífico e abrir deste xeito unha alternativa ás Molucas polo norte. Aínda que fracasou no seu intento, percorreu a costa americana desde Terranova, a Terra dos Bacallaus, ata Florida.

 

A segunda foi a de García Jofre de Loaysa, que arrincou o 24 de xullo de 1525 seguindo a ruta tradicional. Malia que saíu unha armada de sete naves, once anos despois só dúas ducias de superviventes regresaron a Europa.

 

En 1527 saíu desde o cabo de Fisterra a terceira das expedicións. Tres barcos capitaneados por Diego García de Moguer, un experimentado mariño. Nunca chegou ao seu destino, acabou explorando o río Paraná e o Paraguai e volveu a España por Sevilla sen cumprir o seu mandato.

 

A cuarta e última expedición foi a de Simón de Alcazaba, navegante portugués ao servizo da Coroa de Castela. En palabras da comisaria, “foi un fiasco mesmo antes de partir porque este navegante aproveitou todo o seu mando para defraudar á Facenda”.

 

Nesta historia da navegación sobresaen varias figuras galegas como a de Fernando de Andrade (1477-1540), home chave e sempre presente nos proxectos que relacionaron Galicia coa empresa oceánica. Outro nome que ter en conta é o de Gómez Pérez das Mariñas, que tivo importantes iniciativas náuticas no Pacífico. E, por suposto, Sarmiento de Gamboa, que foi moi prolífico en relatos de alto interese histórico e unha figura fundamental para entender a cartografía posterior.

 

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas