GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O especial “Historias de ida e volta” centra unha nova entrada no legado educativo da emigración

(16/04/2021)

O especial “Historias de ida e volta” centra unha nova entrada no legado educativo da emigración

O Arquivo de Emigración Galega (AEG) ten catalogadas 317 escolas de americanos espalladas por toda Galicia, 103 filántropos que deixaron a súa pegada nos seus lugares de orixe e 162 sociedades instrutivas que conseguiron o seu soño de fundar centros de ensino nas súas parroquias, aldeas ou vilas. 

 

Unhas cifras que dan conta da importancia que a emigración desenvolveu no ámbito educativo no noso país.

 

Isto é o que aborda a sétima entrega do especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración. 

 

Esta iniciativa pretende contribuír á difusión de materiais que custodia o AEG e á visibilización do fenómeno migratorio.

 

Alumnas e alumnos do colexio da Liga Santaballesa da Habana en Vilalba, 1922

Alumnas e alumnos do colexio da Liga Santaballesa da Habana en Vilalba, 1922

 

Listen to this page using ReadSpeaker
 

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2021.

 

A sétima entrega deste especial chámase Escolas da emigración e está enfocada a dar a coñecer o papel que desempeñou a emigración no ámbito educativo. Retratos de filántropos, de alumnas e alumnos posando diante das escolas ou recortes de xornais sobre a inauguración destes centros son algunhas das mostras que serven neste especial para amosar como a emigración contribuíu a configurar a primeira rede escolar galega.

 

Características do legado educativo

 

No marco do especial pódense ver materiais que permiten coñecer as dúas modalidades a través das que se canalizou a achega das e dos emigrantes. Dunha banda, as doazóns ou legados testamentarios moi variados que os filántropos indianos fixeron. Son desde pequenas cantidades para contribuíren ao fornecemento de escolas ou bibliotecas ata importantes cantidades para a construción e o mantemento de varios centros educativos. Da outra, as asociacións de emigrantes microterritoriais, con finalidade instrutiva, que se foron creando en América desde comezos do século XX. A primeira foi a Alianza Aresana de Instrucción, fundada na Habana en 1904, á que lle seguiron centos de entidades creadas principalmente en Arxentina e Cuba pero tamén en Uruguai, Estados Unidos e Brasil. Estas sociedades custearon a implantación, dotación e financiamento das chamadas «escolas de americanos», que representaban unha alternativa complementaria e renovadora á rede oficial de establecementos públicos de ensino. Na súa maioría eran escolas laicas, gratuítas, con programas de estudos modernos e mesmo ás veces con certa orientación técnica, inspirados nos existentes nas repúblicas americanas de acollida.

 

As modalidades de intervención escolar auspiciadas polas e polos emigrantes foron ben diversas: desde a construción de edificios de nova feitura ou o arrendamento de locais, ata o envío de doazóns ocasionais para a mellora das infraestruturas ou dos útiles e materiais da escola. 

 

Arquitectonicamente, seguiron criterios de funcionalidade e hixiene, procurando a calidade dos materiais e tratando de responder dunha maneira máis acaída ás necesidades pedagóxicas da actividade escolar. As escolas tiñan que contar con espazos para o recreo, a práctica dos deportes ou campos de experimentación agrícola. Moitas delas, ademais, dispoñían de vivenda para as e os docentes. Houbo unha preocupación clara por equipar estes centros de mobiliario e material educativo adecuado, instrumental científico, biblioteca, obradoiros, museos etc.; isto é, recursos pedagóxicos pouco comúns nos espazos escolares do seu tempo. Con certa frecuencia mesmo este material era enviado desde América.

 

Todas as imaxes e documentos que aquí se expoñen forman parte do patrimonio fotográfico e documental que se conserva e salvagarda no Arquivo da Emigración Galega. Moitas delas proceden de coleccións particulares que a cidadanía doou á institución, un proxecto que está permanentemente aberto. 

 

Historias de ida e volta

 

O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial “Historias de ida e volta” que, cada terceiro venres de mes, difunde materiais que documentan o fenómeno migratorio. A primeira entrega deste especial explicaba o proceso de partida cunha serie de permisos e documentos que precisaron os e as emigrantes para poder saír do país. A segunda centrouse no Centro Galego da Habana, símbolo do poderío e da grandeza que acadou a colectividade galega na illa ao longo dos séculos XIX e XX. A terceira amosa imaxes e outros documentos dos diferentes procesos que tiveron que pasar as e os emigrantes no momento da chegada a América no século XX. A cuarta centrouse no papel desenvolvido polos homes, mentres que a quinta amosou as diferentes formas de lecer das diferentes comunidades. Na sexta púxose de manifesto os oficios e roles que desenvolveron as mulleres na emigración.

 

Arquivo da Emigración Galega

 

O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinario. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre as e os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luís Domínguez.

 

Non é a primeira vez que o Consello da Cultura Galega se centra en visiblizar o fenómeno educativo da emigración galega. Existe o proxecto web "As escolas da emigración" e tamén a exposición Luces de alén mar, que percorreu moitos concellos galegos e americanos para dar a coñecer este labor.

 

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas