O BNG instou á Xunta a empregar os fondos de cohesión europeos para evitar a emigración e facilitar o retorno das persoas emigradas. Ademais, os nacionalistas reclamaron que o Instituto Galego de Estatística (IGE) elabore un informe que permita obter datos “reais” nun contexto de fuga “transversal” de profesionais.

 

Nunha rolda de prensa na que compareceron portando senllas maletas, o deputado Daniel Castro e a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, advertiron da “transversalidade” da emigración. “A día de hoxe os galegos que teñen que abandonar Galicia fano con estudos ou sen eles”, cuestionaron.

 

Castro apuntou que, segundo a EPA, máis de 100.000 mozos deixaron Galicia nos últimos anos, unha marcha que, conforme a datos do Foro Económico de Galicia, motiva que en Galicia se deixen de crear máis de 300 empresas ou que se rexistren uns 500 nacementos menos. Miranda lamentou que os galegos sigan “collendo a maleta” anos despois das ondas migratorias máis intensas por causas como non atopar traballo, que este non sexa adecuado ou pola “precariedade laboral xeneralizada”. Ademais, advertiu que esta fuxida “de talento” non só correspóndese a universitarios, senón a todo tipo de sectores, como a construción ou o naval.