Un operativo que se iniciou en 1854 e rematou dous anos despois nunha crise motivada polo trato denigrante dispensado aos traballadores.
Algúns dos documentos que axudan a comprender esta época están no fondo documental que o profesor Luis T. González del Valle acaba de doar ao Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) con intermediación da Secretaría Xeral da Emigración.
Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2021.
A listaxe de 139 colonos galegos contratados pola empresa de inmigración de Urbano Feijóo Sotomayor é un atípico documento que se integra dentro do fondo que acaba de recibir o Arquivo da Emigración Galega do CCG. Contén información (os nomes dos buques nos que foron transportados, información sobre o servizo militar, orixe dentro de Cuba, número que lle foi asignado….) dos preto de 2000 galegos que foron levados a Cuba no marco do plan de colonización promovido por Urbano Feijóo e que rematou dous anos despois cun grande escándalo polo trato denigrante que sufriron. A listaxe dos colonos é un dos catorce documentos que conforman o fondo doado ao CCG e que suman un total de 92 páxinas que axudan a entender non só a controvertida figura de Urbano Feijóo senón tamén unha época concreta da historia de Cuba.
A doazón inclúe tamén un dosier con 14 documentos datados entre 1854 e 1857 sobre o Ferrocarril Central en Cuba. Tamén hai información sobre a débeda contraída por Feijóo Sotomayor na contratación de traballadores galegos e os termos en que sería saldada. Estes documentos amosan tamén a implicación que Feijóo Sotomayor tivo no paupérrimo trato dispensado aos colonos galegos. A documentación cedida por González del Valle ao Arquivo da Emigración Galega provén de anticuarios e poxas. Luis Tomás González del Valle Río (Santa Clara, Cuba, 1946) é catedrático emérito de Literatura Española e Hispanoamericana da Universidade de Temple (Filadelfia, Pensilvania), foi director do Departamento de Español e Portugués desta universidade entre 2007 e 2014. É un recoñecido hispanista que desenvolveu un amplo labor como editor e como autor.
Sobre Urbano Feijóo
Urbano Feijóo Sotomayor naceu e morreu en Viana do Bolo. Foi un controvertido empresario que tamén fixo carreira política, xa que foi deputado no Congreso por Ourense e polo distrito de Matanzas en Cuba. Como membro da Junta de Población Blanca, elaborou, co apoio do capitán xeneral da illa, Valentín Cañedo, unha Memoria que contiña o proxecto de trasladar galegos a Cuba con dous obxectivos declarados: “socorrer a los desgraciados gallegos” e “contribuir a la agricultura y al aumento de la población blanca de la isla”. Fundamentando a súa actuación no seu amor a ambos os dous países, ofrécelles aos emigrantes galegos un contrato por cinco anos para traballar na illa, con boas condicións laborais e de vida, facéndose cargo dos gastos de aclimatación e asegurando o seu retorno ao fogar ao cabo dese tempo. Presentou a empresa como un proxecto filantrópico e chegou a publicar un folleto co título de Isla de Cuba: Inmigración de trabajadores españoles. A cambio el recibiría unha subvención do Goberno da illa para sufragar os gastos das viaxes, ademais de varias concesións na construción do ferrocarril cubano. En 1853 fúndase a Compañía Patriótica Mercantil, encargada de contratar e xestionar a chegada dos galegos á illa. En marzo de 1854 arriban á Habana os primeiros 314 traballadores galegos na fragata Villa de Neda. En seis meses realizáronse oito expedicións dende Galicia a Cuba, coa chegada dun total de 1744 emigrantes galegos. Pero a realidade foi moi diferente: os contratos asinados por estes traballadores eran totalmente lesivos para os seus intereses e as condicións en que vivían eran infrahumanas. Ante o escándalo por esta situación, Feijóo cobrou as subvencións concedidas e marchou da illa, para finalmente instalarse en Madrid no seu posto de deputado nas Cortes. Houbo un proceso xudicial, pero a empresa foi disolta e Urbano Feijóo Sotomayor saíu libre de cargos.
Arquivo da Emigración Galega (AEG)
Arquivo O da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre as e os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luís Domínguez.
Esta documentación contribúe a completar outros materiais que custodia o AEG relativos ás oito expedicións organizadas en 1854 para levar 1744 emigrantes galegos a Cuba, no momento en que a illa se converteu nun dos principais países produtores de azucre e café.
- As expedicións da Compañía patriótico mercantil de Urbano Feijóo de Sotomayor (1854): picar aquí para descargar