GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A nova produción do CDG transforma a «Odisea» no relato da emigración galega

(12/01/2021)

A nova produción do CDG transforma a «Odisea» no relato da emigración galega

«O charco de Ulises», dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, estréase o xoves

 

«O charco de Ulises» reúne a un elenco artístico de dez actores e terá música en directo

«O charco de Ulises» reúne a un elenco artístico de dez actores e terá música en directo

 


Santiago / La Voz 12/01/2021

 

Ítaca é Galicia. Troia é Bos Aires. O Mediterráneo é o Atlántico. Pero estarán Ulises, Penélope, Telémaco, Circe, Menelao, Calipso... A nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), O charco de Ulises, revisita a Odisea de Homero desde a perspectiva da emigración galega a partir deste xoves, día 14, no Salón Teatro de Santiago, onde ofrecerá dezanove funcións ata o 31 de xaneiro. Despois, nos dous últimos meses do ano fará unha xira por diferentes localidades galegas. Trátase da primeira das tres producións propias que estreará este ano a compañía de teatro pública galega, xa que lle seguirán Terceiro acto e Serva me, servabo te. Haberá que engadirlle, ademais, unha peza a través do programa de cooperación internacional Nós.

 

O charco de Ulises parte dun texto escrito por Santiago Cortegoso no ano 2010, que agora tamén se encarga de codirixir a montaxe xunto a Marián Bañobre. «A peza segue dunha forma bastante rigorosa a liña argumental da Odisea de Homero, pero só a liña argumental, porque os mesmos personaxes teñen unha transformación para adaptalos ao mundo da emigración da sociedade contemporánea. Entón, o texto vaise pegando e separando da Odisea continuamente», explica Cortegoso. Deste xeito, «Ulises é aquel Ulises que escoita as voces das sereas, pero tamén é un emigrante que está en Bos Aires e baila tango». A que será distinta é Penélope, así como a volta á casa. «É un espectáculo con moita sorpresa, con moito movemento e moitas partes corais nos que as nosas raíces tamén están representadas. Está cheo de retos e o que queremos é que agora emocione ao público», engade Marián Bañobre.

 

O elenco artístico está formado por unha decena de intérpretes -Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Fran Paredes, Chusa Pérez de Vallejo, Inés Salvado Gontad e Paulo Serantes-, que serán os encargados de transformar a escena. Tamén contará con música en directo a cargo de Xosé Lois Romero. «Estou moi contenta de encarnar esta Penélope, unha Penélope que xa non é esa idea romántica, senón que pon en valor a valentía de agardar e de decidir onde pon o corazón. É unha muller intelixente, independente e con moita forza», explicou Inés Salvado este luns na presentación do espectáculo, á vez que destacou «a familia» que se creou entre todo o grupo de traballo. Unhas verbas que tamén foron corroboradas por Fran Paredes. «Enfrontarme a un reto como é un clásico como Ulises desde este punto de vista tan terreal é un luxo», afirmou o actor.

 

Novo modelo produtivo

 

O charco de Ulises é a primeira produción propia do CDG desde a chegada de Fran Núñez á súa dirección. Con ela, ábrese un cambio nas dinámicas de produción e distribución de cara a reforzar o papel da compañía como motor escénico a partir da crise sanitaria. Unha das novidades será a retransmisión por streaming desde o Salón Teatro. Será unicamente unha sesión no caso desta peza. «O teatro é para vivilo pel con pel», dixo o director do CDG, destacando, iso si, as posibilidades que se abren con esta tecnoloxía. A función que poderán ver por Internet aqueles que non teñen a posibilidade de achegarse a Santiago é a do día 24 de xaneiro, que tamén será inclusiva e apoiada con interpretación en lingua de signos. Haberá sesións desta versión da Odisea no Salón Teatro de xoves a domingo ata final de mes, con dobre función os venres e os sábados. As entradas xa están á venda.

 

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, mostrouse seguro do éxito desta nova produción do CDG, á vez que destacou o labor desenvolvido para que o sector escénico continúe traballando. Nese senso, lembrou as 74 funcións que se celebraron o ano pasado no Salón Teatro e as 80 previstas neste 2021, así como as 150 persoas que traballan nas tres producións propias da compañía. «O noso compromiso coas artes escénicas ten o seu buque insignia no CDG», proclamou.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas