GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Galicia e a fuga de talento: ¿mito ou realidade?

(11/01/2021)

Galicia e a fuga de talento: ¿mito ou realidade?

Os datos oficiais que permiten achegarse á medición deste problema, tan debatido socialmente, revelan unha perda neta moderada, e moi inferior á doutras comunidades do ránking que saen perdedoras, como son Castela e León, Estremadura ou Asturias: así o reflicte un informe elaborado polo Foro Económico de Galicia

 

 


10/01/2021 

 

Para poder aproximarse de forma correcta a este fenómeno temos que partir da premisa de que non toda a mobilidade de persoas entre territorios é negativa. En efecto, a mobilidade desexada ou voluntaria xera externalidades positivas, potencia o fluxo de ideas, coñecementos e posibilita un mellor axuste do mercado laboral. O problema xorde cando a citada mobilidade é forzada e afecta á poboación de 19 a 34 anos (ou incluso ata os 44 anos) e con estudos universitarios, posto que as posibilidades de retorno son moi limitadas. Neste último caso deberiamos preguntarnos en que situación quedaría Galicia; unha comunidade autónoma na que esta emigración pode facer máis dano que a outras, debido ao seu envellecemento poboacional, as baixas taxas de natalidade e unha menor porcentaxe de poboación con estudos superiores.

 

Unha primeira aproximación para coñecer a incidencia real deste fenómeno sería a través do saldo migratorio neto, isto é, a diferenza entre inmigrantes e emigrantes para a cohorte sinalada con estudos universitarios para os últimos vinte anos en Galicia. No entanto, non hai información oficial que permitan responder a esta cuestión. Isto esixe achegarnos a esta realidade a través de estatísticas e estudos indirectos para intentar dar resposta a esta pregunta da forma máis axustada posible.

 

A Estatística de Variacións Residenciais do Instituto Nacional de Estatística permite sinalar como Galicia, entre 2011 e 2019, presenta un saldo migratorio neto positivo, isto é, que as entradas superan ás saídas, pero negativo co resto de España e positivo co estranxeiro. A partir da estatística de Mobilidade do Mercado de Traballo de Axencia Estatal de Administración Tributaria, compróbase como entre 2016 e 2018 Galicia mostra un saldo migratorio neto negativo, posto que chegaron a saír anualmente ata máis de 2.500 traballadores que os que entraron, sendo Madrid e Cataluña o seu destino preferente.

 

Facendo un cruzamento entre ambas as estatísticas, coa debida cautela, pódese concluír que o 37 % das saídas recollidas nas variacións residenciais en Galicia débense a cuestións de natureza laboral, mentres que o 27 % das entradas responderían a estes mesmos motivos. Centrando a nosa análise nos estudos previos, entre 2003 e 2010, un 47 % das persoas que saen de Galicia teñen menos de 29 anos e un 12 % teñen estudos universitarios, focalizando a saída cara a Madrid e Cataluña. A partir dos Censos de Poboación de 2001 pódese obter como en Galicia se produce unha perda neta do 2 % respecto da poboación nativa con estudos universitarios residente en Galicia. En 2011 a perda neta sería do 7 %. Aínda con todo, Galicia está lonxe dos resultados obtidos noutras CCAA como Castela e León (24 %), Estremadura (14 %) ou Asturias (13%). Polo tanto, en Galicia esta perda é moderada, posto que dentro do ránking de CC.AA. que perden, a nosa comunidade é a quinta que menos o fai.

 

En consecuencia, non se pode responder con rotundidade a se en Galicia se produce unha perda neta de universitarios, porque faltan estatísticas que recollan os datos referentes aos movementos de poboación co estranxeiro, onde Galicia reflectía un saldo migratorio positivo. Si se pode responder a esta cuestión para os movementos co resto de España, aínda que as últimas cifras dispoñibles refírense a 2011. En calquera caso, esta saída neta de mozos universitarios supón para Galicia uns custos relevantes, como aqueles derivados da formación universitaria dos egresados que emigran, os nenos e nenas que deixan de nacer ou as empresas que non se crean. Desde unha perspectiva económica e social, desexariamos que o saldo neto guindase un signo positivo. Ou, dito doutra forma, que entrase máis capital humano formado do que sae.

 

¿Que recomendacións podemos realizar? En primeiro lugar, é necesario contar con estatísticas oficiais que permitan unha aproximación á fuga de talento. Mentres non se conte con elas, non se poderá coñecer a verdadeira intensidade deste fenómeno. En segundo lugar, é preciso mellorar os hard factors, isto é, as posibilidades de emprego e as condicións laborais, non só salariais senón tamén de flexibilidade e conciliación ou de proxección da carreira profesional. Ademais, habería que traballar para que os soft factors, especialmente aqueles derivados da oferta de servizos públicos, como os educativos ou os socio-sanitarios que oferte a nosa comunidade autónoma sexan o suficientemente atractivos como para reter e atraer a ese talento.

 

 Alberto Vaqueiro García. Grupo XENE de investigación- Universidade de Vigo

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas