Como consecuencia, a metade dos concellos aumentou o número de estranxeiros na última década. A comunidade galega perdeu 98.154 habitantes en dez anos, que serían 116.766 (un 18% máis) se non se produciu a chegada de 18.162 estranxeiros entre 2010 e 2019. Esta é unha das claves de que a poboación galega aumentase en 2019. A outra foi que as nais estranxeiras tiveron máis descendencia. Por primeira vez na historia, o peso dos nacementos foráneos en Galicia rozou o 10% (9,9%), cando en 2015, por exemplo, era do 6,2%. A explicación hai que buscala non só nun incremento dos alumeamentos das proxenitoras estranxeiras, senón tamén nun acusado descenso dos partos de nais galegas. De aí, que a porcentaxe dos nacementos de nais foráneas non pare de crecer nos últimos anos, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).

 

O peso destes partos en Galicia no que vai de século ten varios dentes de serra, sempre ligados á economía, tanto cando había unha crise como unha recuperación. Entre 2000 e 2008, estes alumeamentos multiplicáronse por máis de tres ao pasar de 529 a 1.974. Pola contra, o total caeu un 20% (de 19.418 a 23.175). A inmigración convertíase, por tanto, nun dos motores demográficos de Galicia e os partos de nais que non tiñan a nacionalidade española servían para aumentar as cifras de poboación na comunidade.

 

Con todo, desde 2008, ano do estalido da recesión, ata 2015, os nacementos caeron de forma abrupta. Pero non o fixeron coa mesma intensidade se a nai era española ou doutro país. Os primeiros esborralláronse case un terzo (32%, de 23.175 a 19.427), mentres que os segundos fixérono a metade (16%, de 1.794 a 1.207). A partir de 2015, coa chegada da recuperación vólvense a restablecer os índices positivos de natalidade nas nais estranxeiras, que suman cinco anos de crecemento, pero non así nas galegas que seguen en declive e encadean 11 anos de descenso. Polo que, de novo, a inmigración vólvese a converter no motor demográficos da comunidade.

 

Entre 2015 e 2019, os partos de proxenitoras doutros países incrementáronse un 28% (de 1.207 a 1.547), mentres que o total caeu un 19% (de 19.427 a 16.668). Pese ao incremento destes últimos anos, o nivel de partos de nais estranxeiras aínda non se recuperou do descenso que sufriu durante a crise e os 1.547 son unha cifra similar á que houbo en 2011. Lonxe aínda da marca de 1.831 de 2009.