GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración lembran o vínculo de Celanova con Cuba na inauguración da mostra “O soño cubano da emigración galega”

(05/12/2020)

O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración lembran o vínculo de Celanova con Cuba na inauguración da mostra “O soño cubano da emigración galega”

A Casa dos Poetas de Celanova acolleu esta mañá a inauguración da mostra “O soño cubano da emigración galega”, unha proposta do Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración, que ilustra a fortaleza, a continuidade e a visibilidade da presenza galega na Habana.

 

Estiveron presentes o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o alcalde de Celanova, Antonio Puga.

 

  • Imaxe da inauguración desta mañá na Casa dos Poetas de Celanova
    Imaxe da inauguración desta mañá na Casa dos Poetas de Celanova

 

Imaxe da inauguración desta mañá na Casa dos Poetas de Celanova

 

 

Listen to this page using ReadSpeaker
 

Celanova, 4 de decembro de 2020.

 

A Casa dos Poetas de Celanova acolleu esta mañá a inauguración da mostra O soño cubano da emigración galega, unha proposta do Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración, que ilustra a fortaleza, a continuidade e a visibilidade da presenza galega na Habana.  

 

Estiveron presentes o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o alcalde de Celanova, Antonio Puga.

 

Xosé Manoel Núñez Seixas e María Xosé Porteiro son os comisarios desta aposta que percorre, por primeira vez, a relación histórica que Galicia mantivo coa Habana, onde se xestou a Galicia moderna e na que naceron os nosos símbolos: a bandeira, o himno e o escudo. A presidenta do CCG destacou o vínculo entre Galicia e Cuba que afondou na pertinencia desta parada en Celanova. “O próximo domingo cómprense 112 anos da morte de Curros e foi precisamente no primeiro cabodano dun dos nosos grandes intelectuais cando se puxo unha placa na súa casa natal coa que se abriu un longo camiño de apoios e colaboracións dos galegos e das galegas de Cuba que contribuíu a construír esta casa e esta fundación” explicou.

 

“Dende a Secretaría Xeral da Emigración estamos moi satisfeitos con poder amosar en Galicia esta exposición que mostra a importancia da nosa pegada no exterior” apuntou Antonio Rodríguez Miranda. O secretario xeral da Emigración destacou que “non se pode falar de Cuba sen falar dos ourensáns, non só de Manuel Curros Enríquez, insigne veciño deste pobo, senón tamén do fundador da librería La Moderna, José López Rodríguez, de Nan de Allariz, poeta, músico, escritor… de José Docampo, o primeiro presidente da Unión Ourensana ou de Olga Negreira, impulsora da comisión xestora que refundou o Centro Unión Ourensana, sen esquecer ao actual presidente, Roberto Ogando, con quen a bo seguro a entidade terá unha longa existencia”.

 

O Alcalde, Antonio Puga, lembrou que é “tan intensa e extensa a relación entre Celanova e Cuba que daría pé a unha propia exposición en si mesma”.

 

A exposición

 

O soño cubano da emigración galega pretende percorrer as fases e facetas principais da epopea migratoria que levou a preto de 200.000 galegas e galegos a Cuba: abrangue desde a chegada das e dos inmigrantes ata o seu retorno, pasando polas súas asociacións, a situación da muller inmigrante, as publicacións e proxectos políticos para Galicia xurdidos en Cuba, e máis a pegada deixada polos galegos e galegas na sociedade cubana.

 

A mostra, en palabras dun dos seus comisarios, Xosé Manoel Núñez Seixas, “permite coñecer unha relación que se remonta moito atrás e que se acentúa no século XX”. O comisario recoñece a dificultade de ter unha cifra exacta pero as estimacións apuntan a que a illa acolleu máis de 200.000 galegas e galegos. “Hai que ter en conta que os nados en Galicia chegaron a ser o 9% da poboación total da Habana” apunta Seixas. En preto de trinta paneis pódese descubrir o perfil da e do galego emigrante na Habana (xente nova, maioritariamente varóns, procedentes de sectores medios, que se integran no pequeno comercio, que chegan a Cuba a través de redes familiares e mecanismos persoais...) e coñecer o espertar dunha conciencia galega en Cuba que explica que boa parte dos símbolos da nosa identidade tiveran alí a súa raizame. Fotografías, documentos privados, materiais procedentes do asociacionismo galego ilustrarán esta mostra inédita que revisa unha destacada e potente relación histórica.

 

Ademais, permite recoñecer o mesto tecido asociativo galego dende 1871, unha esfera pública artellada por cabeceiras de prensa propias e decenas de sociedades microterritoriais ou de instrución. Nela resoarán ademais os movementos sociais e políticos desenvolvidos en Galicia dende finais do século XIX, dende o rexionalismo até o agrarismo e o nacionalismo.

 

Galicia-A Habana

 

A Habana foi, durante décadas, a segunda cidade do mundo con máis habitantes nadas e nados en Galicia, só superada por Bos Aires. Á altura de 1919, máis dun terzo das e dos inmigrantes españois en Cuba e o nove por centro dos habaneiros e habaneiras nacera en Galicia. Pero Cuba foi moito máis que o destino de milleiros  deemigrantes, foi o caldo de cultivo que mantivo viva a nosa intelectualidade. Non hai máis que ver a pegada que os colectivos galegos deixaron na Habana para facernos unha idea da efervescencia cultural e a importancia que tivo na nosa cultura. Ademais dos nomes, títulos e iniciativas que se fraguaron a principios do século XX, hai tres símbolos que marcan a nosa identidade que foron froito do espírito creador emigrado na illa: a bandeira, o escudo e o himno.

 

Esta exposición inaugurouse na Habana en 2019 co gallo da conmemoración do quinto centenario de creación da capital cubana. Chegou en novembro ao Museo do Pobo en Santiago de Compostela e itinerou por Vigo, Ares e chega agora a Celanova.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas