GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Tributar pola prestación de dependencia?

(02/12/2020)

Tributar pola prestación de dependencia?



Luís Gulín Iglesias, el secretario Provincial de emigración del PSdeG-PSOE de Ourense, es el primero por la derecha
Luís Gulín Iglesias, o secretario Provincial de emigración do PSdeG-PSOE de Ourense, é o primeiro pola dereita


A Rexión Internacional 01/12/2020



TRIBUTAR POLA PRESTACIÓN DE DEPENDENCIA?

Luís Gulín Iglesias. Secretario Provincial de emigración do PSdeG-PSOE de Ourense

Actualmente en España ás persoas que se acollen á Lei de Dependencia e reciben unha prestación económica, a lei tributaria establece que están exentos de tributar por esas cantidades que perciben. A maiores, os coidadores non profesionais desas persoas dependentes poden cotizar na Seguridade Social ese tempo que prestan, maioritariamente adoitan ser familiares directos, case todas mulleres, para non ter contratempos á hora de percibir unha pensión de xubilación.

Pero hai un grupo de cidadáns españois que están a ser discriminados e perseguidos desde o verán pola Axencia Tributaria: os retornados de Alemaña que cobran esa prestación de dependencia do país xermano. Este grupo de persoas cobra única e exclusivamente pensión alemá, sen dereito a outra prestación en España.

Por ese motivo, mes a mes á súa pensión de xubilación, Alemaña réstalle ao redor dun 11 por cento en concepto de seguro médico e seguro de dependencia. Este último foi introducido obrigatoriamente no ano 1997 como novo piar do estado de benestar social xermano e dedúcese a súa cota nas nóminas, nas prestacións de desemprego e nas pensións, mesmo estranxeiras. Estráñanse algúns emigrantes residentes en Alemaña, que perciben a maiores da pensión alemá, unha pequena de España por cotizar algún tempo aquí, que Alemaña retéñalles tamén o 11 por cento á súa paga de xubilación hispana.

Inicialmente a Lei de Dependencia alemá era só para aplicación e prestación en territorio alemán e ocasionalmente poderíase exportar por temporalidade a outro país. Pero unha sentenza do TSJUE do ano 2012 tombou parcialmente a lei de dependencia alemá e recoñece que calquera persoa que cotizase por ela e resida definitivamente noutro país, fálese España, pode solicitala e recibila coma se estivese a residir en Alemaña. E a maiores, o propio seguro de asistencia sanitaria ( Krankenkasse) debe cotizar na Seguridade Social española polos servizos prestados do chamado coidador non profesional. Circunstancia que aquí en Galicia causa moito asombro nalgunhas oficinas da Seguridade Social que non están informadas, nin preparadas para esta situación por descoñecemento, nin saben que facer como puiden constatar persoalmente.

E que fai a Axencia Tributaria española? Pois como é habitual, leala. É certo que a Axencia Tributaria alemá desde o 2018 intercambia información coa española sobre datos fiscais. Evidentemente se vostede cobra só pensión alemá, o organismo tributario alemán informa o español que recibe vostede esa prestación, pero non informa da prestación da dependencia dado que alí está exenta de declarar (como aquí) e por lei tributaria xermana é inembargable sexa para débedas tributarias, da seguridade social ou mesmo privadas, por tanto están blindadas. Como procede a Axencia Tributaria hispana? Non recoñecer esa prestación de dependencia estranxeira como equivalente á española. Resultado: unha muller da provincia da Coruña cunha pensión de 1000 euros bruto (12.000 anuais) estaba exenta de declarar por estar debaixo do límite dos 14.000 euros. Pero como nos últimos tres anos cobraba por ser dependente cunha asistente domiciliaria a axuda máxima de 900 euros mensuais de Alemaña (10.800 anuais), pois inspección fiscal reclámalle que ten que facer a declaración da renda por 70.000 euros dos últimos tres anos e pagar ao redor de 4000 euros en concepto de IRPF. Pódense imaxinar vostedes que a esa anciá e á súa familia, á parte de vivir na situación angustiosa da pandemia, que lle veña  este mazazo da Axencia Tributaria....

 

Por iso é urxente regular, blindar e asegurar que ao redor de 1500 persoas recoñecidas por Alemaña como dependentes en España (e cada ano vai en aumento) non teñan que vivir con esa espada de Damocles encima das súas cabezas e recoñecer esa prestación (lembremos: cotización obrigatoria en Alemaña ao fondo da seguridade social) como equivalente de non declarar en España, senón estaríamos ante unha evidente discriminación con aqueles que perciben a dependencia española.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas