O goberno de Ponteareas representado polo alcalde, Xosé Represas, mantivo un encontro coa presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, a ponteareá Maite Illa, para a firma do convenio que permite desenvolver o programa de axuda alimentaria para os campamentos de refuxiados saharauís e así poder cubrir o déficit existente de arroz, aceite, azucre, legumes e almorzo nas escolas dos campamentos de refuxiados saharauís.

 

O goberno e a asociación asinaron un convenio por valor total de 6.000 euros que permite a axuda no financiamento para procedementos de prevención do COVID-19 e evitar unha maior deterioración na situación humanitaria; especialmente porque a taxa de anemia entre as mulleres embarazadas e nais lactantes aumentou ata superar o 73%, como a porcentaxe de malnutrición entre as persoas menores de 5 anos, que se aproxima ao 25%.