GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O trazo firme de Luís Seoane

(25/09/2020)

O trazo firme de Luís Seoane

Hai 110 anos que veu ao mundo o home que construíu en versos a epopea da emigración galega. A dignidade é o seu trazo inconfundible

 

 


25/09/2020

 

Pasaron 110 anos dende que Luís Seoane veu ao mundo en Buenos Aires. Seus pais, como tantos outros, cruzaran o Atlántico para labrarse un futuro mellor. Dende alén mar, o pequeno Luís coñeceu Galicia a través dos ollos dos seus proxenitores e nel prendeu o sentimento que lle inculcou o pai, un afervoado galeguista. Con seis anos pisou por primeira vez terra galega, na aldea materna quedou asombrado porque, vindo dunha gran cidade, o primeiro que sentiu foi como os pés lle quedaban chantados na lama e lle custaba saír de alí. Quizais foi naquel momento cando quedou cravado na terra con raiceiras fondas e converteu Galicia no motivo da súa existencia.

 

Viñeron os anos de estudante en Compostela, os parladoiros nos cafés, o título de avogado e as visitas case diarias á imprenta Nós, onde Ánxel Casal promovía revistas, xornais e tamén publicacións como Mar ao norde, de Álvaro Cunqueiro, que editou e ilustrou o propio Seoane. Foron anos de entusiasmo, de militancia no Partido Galeguista para o que fixo a cartelería de propaganda do Estatuto de Autonomía. A carón do seu activismo xa destacaba como debuxante e levaba a cabo as primeiras exposicións, mentres os amigos pelexaban polos seus debuxos, moitos deles retratos que lles facía.

 

En xullo de 1936 a súa vida muda. Unha noite, á saída do teatro na Coruña, observa moito movemento, axiña comprende a gravidade da sublevación fascista. De primeiras escóndese en Montrove, mais unha noite sentiu uns coches aproximarse e pensa que o veñen buscar. Asexa pola ventá e ve sacar un home dun vehículo ao que disparan varios tiros e deixan alí tirado. Nese momento decide volver a Arxentina, exiliarse á cidade que o vira nacer.

 

En Buenos Aires, Seoane reorganiza a súa vida arredor de Galicia, sempre fitando o Atlántico. Quen o coñeceu neses anos afirma que era o seu tema de conversa, que sería capaz de demostrar que calquera cousa importante estaba relacionada co país. Alí acompáñase doutros exiliados e emigrantes galegos, pero tamén da intelectualidade porteña. Naqueles primeiros anos traballa de xornalista, colabora como ilustrador e é nomeado director da revista Galicia do Centro Galego de Buenos Aires. Comeza daquela o seu inxente labor editorial: crea as coleccións Hórreo e Dorna con Arturo Cuadrado, e tamén fundan a prestixiosa revista Correo Literario, onde publica o seu primeiro relato Cortázar, con quen manterían unha grande amizade. Nova, Botella al Mar ou Citania son outros proxectos editoriais que nacen para revitalizar a cultura, ao igual que a revista Galicia Emigrante, que el mesmo dirixe, e que tería unha versión radiofónica durante máis dunha década.

 

Combater a desmemoria

 

A preocupación polo pobo estaba en todo o que facía, tamén na súa poesía de temática social, versos anteriores aos de Celso Emilio ou Blas de Otero. Seoane foi quen de construír cos seus poemas a gran epopea anónima da emigración galega. Definía a poesía como «un berro dun home» e nese grito deulle voz aos heroes e heroínas que tan ben coñecía. Na actualidade os versos de Fardel de eisiliado (1952) seguen a ser exemplo dunha estética comprometida ideoloxicamente, do canto dun pobo desterrado cuxas pólas de verso longo medraron mirando a Galicia.

 

Seoane como ensaísta, poeta, dramaturgo ou pintor quixo sempre combater a desmemoria e a opresión do seu pobo e fixouse especialmente na muller: na que traballa no mar, no campo, nas mulleres robustas, sentadas, que son símbolo da nai terra. O seu trazo é inconfundible e, como gran modernizador da plástica galega, foi quen de universalizar as xentes, as tradicións e a cultura de noso sen complexos e con toda a dignidade. Precisamente, xunto a Isaac Díaz Pardo creou o Laboratorio de Formas para impulsar a modernización cultural de Galicia a través de Sargadelos ou do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, ambas as iniciativas celebran o seu cincuentenario.

 

Un derradeiro acto de amor

 

Entusiasta e organizado o día rendíalle. Pola mañá pintaba e pola tarde tiña vagar para outros proxectos, tamén para ir ao cine, unha das súas paixóns. En Buenos Aires as súas pegadas están no gran mural do Teatro San Martín ou nas Galerías Santa Fe. En Nova York, Xerusalén, Detroit ou Filadelfia pódese admirar a Seoane, mais tamén na cidade que o viu morrer, A Coruña.

 

Maruxa Seoane, xa viúva, consumou o derradeiro acto de amor indo a Buenos Aires á procura da súa obra plástica. No aeroporto, para non ter problemas, dicía que levaba alfombras enroladas e así conseguiu que en 1996 se inaugurase provisionalmente a Fundación Luís Seoane que non foi realidade ata o 2003, meses antes do seu falecemento. Dende o pasado ano está a percorrer Galicia unha exposición sobre a súa figura, pois sen Maruxa non sería posible entender a obra humanística dun dos grandes artistas galegos. Seoane chega a nós como exemplo de dignidade, con trazo firme, sen espaventos.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas