GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A Secretaría Xeral da Emigración adapta os seus programas á nova realidade internacional xerada pola pandemia do coronavirus

(08/05/2020)

A Secretaría Xeral da Emigración adapta os seus programas á nova realidade internacional xerada pola pandemia do coronavirus

O titular do departamento, Antonio Rodríguez Miranda, atende as peticións dos galegos e galegas do exterior para redistribuír os fondos destinados a axudas e para suspender aquelas iniciativas que conleven desprazamentos internacionais.

 

Logo dunha extensa rolda de consultas ás e aos representantes da colectividade dos principais países e á propia Comisión Delegada, acordouse pospoñer ao ano que vén aquelas medidas que, por mor da realidade instaurada pola COVID-19, poidan supoñer un risco sanitario.

 

Imaxe da videoconferencia na sede de Emigración na capital de Galicia

Imaxe da videoconferencia na sede de Emigración na capital de Galicia

 

Listen to this page using ReadSpeaker
 

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2020.

 

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de aprobar unha remodelación dos principais programas que desde hai décadas buscan estreitar os lazos entre a colectividade galega do exterior e a da comunidade. Esta modificación busca adaptar a actividade do departamento autonómico á nova realidade internacional, instaurada como consecuencia da pandemia do coronavirus, que está a afectar en diferente grao a todos os países con maior presenza galega. 

 

Logo dunha extensa rolda de consultas aos galegos e galegas dos estados e rexións cunha poboación galega máis numerosa, tanto con representantes da colectividade de cada país como á propia Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas e os propios subdirectores e xefes e xefas dos respectivos servizos da Secretaría Xeral, o responsable de Emigración decidiu suspender temporalmente aqueles programas que impliquen desprazamentos internacionais.

 

A situación xerada pola COVID-19 fai desaconsellable e pouco prudente manter programas como Reencontros na Casa, Reencontros na Terra, Conecta con Galicia, Escolas Abertas ou Obradoiros, xa que supoñen un risco sanitario, non só para as e os beneficiarios, senón para as súas familias ou, no seu caso, monitores, monitoras e calquera outra persoa que entre en contacto con algunha posible persoa contaxiada. No caso dos programas de Reencontros, os beneficiarios e beneficiarias pertencen, ademais, a un dos principais grupos de risco, o das persoas maiores de 60 anos; e no de Conecta con Galicia gran parte deles e delas son menores de idade, o que tamén complica a celebración destas actividades. A estas dificultades hai que engadirlles as restricións de mobilidade e o peche das fronteiras impostas polos gobernos dos diferentes países de orixe, e destino, das e dos participantes, que en moitos casos non se levantarán ata despois do verán, mentres que estes programas celébranse na súa inmensa maioría no mes de xullo. As e os representantes da colectividade coincidiron, así, en sinalar a conveniencia de pospoñer a continuidade destas iniciativas do departamento autonómico ata o vindeiro ano ou ata que a situación sanitaria o recomende.

 

Aumento de axudas e novas medidas

 

Esta adaptación á nova realidade mundial tamén permitirá redistribuír os fondos que a Secretaría Xeral da Emigración ten reservados para os gastos de funcionamento e para o financiamento das actividades dos centros galegos de todo o mundo, que están a sufrir dun xeito especialmente duro os efectos da pandemia, xa que levan semanas pechados sen poder continuar coa súa rutina. Por iso, a Xunta aprobou recentemente a continuidade destes programas, o que permitirá ao departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda ampliar nun 50% as axudas para sufragar parte dos custos de mantemento e operatividade das entidades galegas no exterior, así como mellorar as das actividades que si se leven a cabo.

 

Ademais, o Goberno galego está a activar outras medidas que axuden á colectividade do exterior a afrontar esta crise con recursos, como a continuidade das Axudas Económicas Individuais dos galegos e galegas en situación de necesidade, cuxa resolución se axilizará o máximo posible. Ou a creación da Aula Galicia Aberta, que pretende paliar as limitacións que as restricións de mobilidade están a impoñer tanto ás e aos particulares como aos centros galegos de todo o mundo, e que están a condicionar gravemente as actividades en materia de formación das entidades galegas no exterior.

 

A Xunta de Galicia segue a estudar, así mesmo, outras accións que poidan axudar aos galegos e galegas do exterior a superar esta pandemia sufrindo as menores consecuencias negativas posibles.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas