(29/04/2020)
Son 240 os alumnos da Universidade de Vigo que deciden seguir os seus estudos no exterior
Varios alumnos optaron por permanecer de forma voluntaria nas súas estancias no estranxeiro
A Rexión Internacional 28/04/2020
Un total de 240 estudantes da UVigo seguen fóra de España cursando os seus estudos universitarios nas súas facultades de acollida, uns por vontade propia de continuar coa experiencia e outros porque non tiveron ocasión de regresar ás súas casas, algo que si puideron facer 215 alumnos que agora completan o segundo cuadrimestre de forma virtual desde as súas casas en liña coas súas universidades de acollida.
Debido a que non todos os países manteñen o mesmo grao de confinamento, tampouco os estudantes que viven unha estancia no estranxeiro fano baixo as mesmas circunstancias. Un exemplo é a estudante de Comercio Paula Rosalía Losada, que está a vivir a crise do coronavirus desde Taipei. "En Taiwan dende ou primeiro minuto tomáronse todas as medidas precisas para frear ou virus e, de feito, hai moi poucos casos, non temos corentena e seguimos cas clases presenciais", polo que o curso continúa con certa normalidade. É un caso similar ao da alumna de Tradución e Interpretación Marta Fernández, que actualmente reside en Seúl. Alí, a pandemia logrou controlarse de forma temperá pero si están obrigados ao uso de máscaras e luvas e completa o curso de forma virtual.
Non lle ocorre o mesmo a Andrés Rey, alumno de Educación Primaria que se atopa en Macedonia, onde as medidas vanse tornando similares ás adoptadas en España e o curso ségueo en liña, do mesmo xeito que o fai Diego Mosquera, estudante de Economía, desde Eslovaquia.
Os problemas burocráticos que podía carrexar a súa volta a España obrigaron a Mencía González a permanecer en Polonia, onde as restricións de mobilidade son algo máis flexibles que en España. Pola súa banda, José Antonio Iglesias si conseguiu volver e deixar a medias a súa estancia en Alemaña, algo que lle resulta "frustrante".
OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO
(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
inmigracion@fegamp.es
Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas