GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Un congreso, unha exposición e un concerto profundan desde Santiago na conexión galega coa Habana

(08/11/2019)

Un congreso, unha exposición e un concerto profundan desde Santiago na conexión galega coa Habana


Redacción, Santiago | 07 Novembro 2019 - Crónicas da Emigración


Un momento de la intervención de Rosario Álvarez en la conferencia 'A Habana Galega'.

Un momento da intervención de Rosario Álvarez na conferencia 'A Habana Galega'.


Galicia ten unha conexión histórica moi especial coa cidade da Habana. Un vínculo que o Consello da Cultura Galega analiza cun programa de actividades que ten lugar este xoves en Santiago de Compostela. Pola mañá comezou o congreso ‘A Habana galega: Historia e memorias cruzadas’; pola tarde, o Museo do Pobo (19:00 horas) acolle a inauguración dunha exposición que recupera a fortaleza, a continuidade e a visibilidade da presenza galega na capital cubana. Pola noite, soarán muiñeiras e ‘ danzóns’ na Foliada habaneira que terá lugar no Auditorio de Galicia (21:00 horas) a cargo de Alejandro Vargas Trío e Rosa Cedrón. Xosé Manoel Núñez Seixas e María Xosé Porteiro son os coordinadores deste programa que chega agora a Santiago pero que arrincou na Habana o pasado mes de outubro.

O 16 de novembro de 2019, A Habana cumprirá cinco séculos. Esta é a efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará cun programa que profunda na importancia histórica que esta cidade tivo para Galicia. A Habana foi, durante décadas, a segunda cidade do mundo con máis habitantes nados en Galicia, só superada por Buenos Aires. Á altura de 1919, máis dun terzo dos inmigrantes españois en Cuba e o 9% dos habaneiros nacera en Galicia. Pero Cuba foi moito máis que o destino de miles de emigrantes, foi o caldo de cultivo que mantivo viva a intelectualidade galega. Non hai máis que ver a pegada que os colectivos galegos deixaron na Habana para facerse unha idea da efervescencia cultural e a importancia que tivo na cultura galega. Ademais dos nomes, títulos e iniciativas que se fraguaron a principios do século XX, hai tres símbolos que marcan a identidade galega que foron froito do espírito creador emigrado na Illa: a bandeira, o escudo e o himno. Xosé Manoel Núñez Seixas e María Xosé Porteiro son os coordinadores das tres propostas que se concentran este xoves: congreso, exposición e concerto.

O congreso

Entre o xoves e o venres haberá unha análise histórica, social e cultural a cargo de numerosos expertos galegos e cubanos. O congreso ‘A Habana galega: Historia e memorias cruzadas’ pretende profundar nas relacións entre estes dous territorios físicos cunha revisión da historia da cidade en clave galega, os movementos migratorios e tamén as pegadas mutuas entre a cultura galega e cubana. Sobre estes eixos centrais falarán os profesores da Universidade da Habana Cira Romero, Julio César González Pagés ou Sergio Guerra, xunto con José C. Moya, da Columbia University en Nova York, e os profesores da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Manoel Núñez Seixas, Alfonso Iglesias ou Pilar Cagiao, entre outros expertos.

A exposición

A exposición ‘O soño cubano da emigración galega’ pretende percorrer as fases e facetas principais da epopea migratoria que levou a preto de 200.000 galegos a Cuba: abarca desde a chegada dos inmigrantes ata o seu retorno, pasando polas súas asociacións, a situación da muller inmigrante, as publicacións e proxectos políticos para Galicia xurdidos en Cuba, e a pegada deixada polos galegos na sociedade cubana.

A mostra, en palabras de Núñez Seixas, “permitirá coñecer unha relación que se remonta moi atrás e que se acentúa no século XX”. O comisario recoñece a dificultade de ter unha cifra exacta pero as estimacións apuntan a que a Isla acolleu máis de 200.000 galegos. “Hai que ter en conta que os nados en Galicia chegaron a ser o 9% da poboación total da Habana”, apunta Seixas. En preto de trinta paneis pódese descubrir o perfil do galego emigrante na Habana (mozos, maioritariamente homes, procedentes de sectores medios, que se integran no pequeno comercio, que chegan a Cuba a través de redes familiares e mecanismos persoais...) e coñecer o espertar dunha conciencia galega en Cuba que explica que boa parte dos símbolos da identidade galega tivesen alí a súa raíz. Fotografías, documentos privados, materiais procedentes do asociacionismo galego ilustran esta mostra inédita que revisa unha destacada e potente relación histórica. A exposición inaugúrase este xoves, ás 19:00 horas, e estará aberta ata o 22 de decembro.


O concerto

O concerto pretende establecer un diálogo musical entre ambas as beiras do Atlántico. Faino a través do proxecto ‘ Foliada habaneira’, de Alejandro Vargas Trío, máis a participación de Rosa Cedrón. O programa inclúe muiñeiras, habaneiras e unha peza inédita de Chané. O concerto terá lugar no Auditorio de Galicia ás 21:00 horas e ten entrada libre.

Recursos web

Ademais, seguindo a liña de difusión do patrimonio documental producido pola colectividade galega do exterior, acábase de actualizar na rede o ‘Repertorio da prensa galega da emigración’ (editado en 1998 e froito dun proxecto de investigación dirixido por Vicente Pena Saavedra), unha lista das publicacións galegas editadas –tanto polas asociacións de emigrantes como por personalidades destacadas da colectividade galega–, que están relacionadas co feito migratorio. En total hai unhas 756 referencias hemerográficas correspondentes a publicacións que presentan unha variada tipoloxía: boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, revistas e boletíns internos das asociacións de emigrantes, prensa política, e publicacións institucionais, entre outros documentos.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas