GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A pegada da emigración comarcal resiste con forza en pobos de Suíza

(21/10/2019)

A pegada da emigración comarcal resiste con forza en pobos de Suíza

 

O centro español de Lyss, que se nutre de Xallas e Bergantiños, cumpre 50 anos e abre un local de 355 metros

 

 


carballo / a voz 19/10/2019

 

A histórica emigración da Costa da Morte a Suíza, que cumpre este ano os seis decenios desde que arrincou con forza (axudada por un convenio bilateral con España que deu amparo legal e facilidades aos contratos do éxodo), adoita asociarse, e con razón, ás grandes cidades. Xenebra, Basilea, Zúric, Lausana e Berna, sobre todo, e unha longa lista de cidades menores (Winterthur, Lucerna, Biel-Bienne...) capitalizan o groso dos emigrantes. Os da Costa da Morte e municipios limítrofes, e tamén os do resto de Galicia.

 

Pero hai tamén unha serie de pobos medianos, que para algúns son case cidades (os que roldan os 15.000 habitantes, por exemplo) que son fundamentais na historia migratoria comarcal. Un bo exemplo é Delémont, case unha segunda Camariñas e Laxe, con bares, restaurantes, empresas e centros (houbo épocas de máis e de menos) intimamente ligados á Custada Morte. E outro é Lyss, talvez menos coñecido, pero igualmente relevante desde hai máis de 50 anos. De feito, o pasado abril celebrou o seu medio século, algo do que poden presumir moi poucas entidades das moitas que existen en Galicia. A Nosa Galiza de Xenebra supérao, e o Centro Galego de Berna (sempre ligado a Bergantiños) iguálao, pero este xa non funciona. De feito, os primeiros emigrantes chegaron a mediados dos anos 60, e desde entón formaron unha colonia pequena, pero constante e moi unida. Tardaron un pouco en ter o centro, pero aguantou 43 anos, xusto ata o actual, cando houbo que derrubar o edificio, e non quedou máis remedio que buscar outro. A celebración específica deses 50 anos será en breve, o 16 de novembro.

 

Non foi fácil, explica o secretario Manuel Otero, veciño de Bértoa (Carballo) e oriúndo de Carnota. Houbo que darlle moitas voltas, buscar por todas partes, pero finalmente o traballo deu resultados, e este pasado fin de semana estrearon o local ao grande. Non está moi lonxe do anterior (a uns 7 minutos). Ten 160 metros cadrados de superficie, 120 para cociña, 45 de almacén e 30 máis para oficina. Non é moi habitual poder manexarse neses espazos. Non, desde logo, nos pobos pequenos. Pero aí seguen, realizando actividades, sobre todo enfocadas ao lúdico e á participación social, desde a gastronomía ata o deporte, ou celebrando festas (do outono, de Nadal, da nai...). Tamén, claro, para xogar ás cartas, ao futbolín, tomar algo, comer, ver partidos de fútbol charlar... De momento, só de venres a domingo.

 

A comida foi unha das protagonistas do acto de inauguración do sábado, no que non faltou a pulpeira Lolo do Carballiño, a cargo de Pablo Vázquez e o seu colaborador José Ramón Penido, e ata o Feiticeiro de Breogán, personaxe que encarna Borja Rubio , cun espectáculo que incluíu a inevitable queimada. Aos dous (ambos acudiron desde Galicia) a directiva estalles moi agradecida pola súa implicación neste acto inaugural. O do polbo, por certo, está a converterse en algo moi habitual por numerosos centros de Suíza, nos que prima máis esa parte de goce culinario que aspectos máis ligados a actividades culturais como as que, por exemplo, distinguen a Sementeira de Basilea, que preside un carballés.

 

A xornada, en todo caso, foi moi completa, con 86 persoas ao mediodía e 129 para a cea.

 

En Lyss, o presidente é Javier Ferreiro, de Rieiro; o vicepresidente, José Antonio Brenlla; o secretario, Manuel Otero; caixeiro, Ramón Vázquez, e vocais, Estefanía Brenlla, Diego Mourelle e José Manuel San Martín. Santa Comba, Carballo, Zas e Negreira son as localidades que concentran a estes directivos, pero en xeral Bergantiños e Santa Comba achega unha boa parte do centenar de socios da entidade.

 

A maior parte traballan na construción: yesistas, pintores, albaneis... Tamén hai empregados en fábricas de reloxos (emprego maioritariamente feminino) e en mantemento e limpeza na área sanitaria.

 

O 16 de novembro será un bo momento para compartir recordos deses 50 anos de vida. E, curiosamente, ese mesmo día, pero moito máis cara ao Leste, en Lichtenstein, o seu centro español conmemorará os 40 anos aproveitando a súa gran festa anual, coa música do Combo, A Roda e CDC. Un e outro lugar comparten o papel de ser o cemento que une a emigrados en lugares pequenos.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas