GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Miranda visita a nova oficina fixa de información ao retornado de Fevega, a terceira de Galicia, que abrangue toda a provincia de Lugo

(11/07/2019)

Miranda visita a nova oficina fixa de información ao retornado de Fevega, a terceira de Galicia, que abrangue toda a provincia de Lugo

 

O secretario xeral da Emigración lembrou que dúas das principais axudas específicas do Goberno galego para as galegas e os galegos que regresan á comunidade, as Axudas ao Retornado Emprendedor e as extraordinarias, seguen abertas. 

 

As instalacións, que entraron en funcionamento o mes pasado grazas ao convenio da Secretaría coa federación de venezolanos, atende unha media de catro consultas ao día.

 

Á provincia volveron preto de medio milleiro de cidadás e cidadáns galegos en 2018, un 17,2% máis ca no ano anterior, e un total de máis de 3.000 na última década, o que constitúe un piar fundamental para superar o reto demográfico.

 

O secretario xeral da Emigración e a xefa territorial de Política Social da Delegación de Lugo, na súa visita á nova oficina do retorno de Fevega na capital lucense

O secretario xeral da Emigración e a xefa territorial de Política Social da Delegación de Lugo, na súa visita á nova oficina do retorno de Fevega na capital lucense

 

Listen to this page using ReadSpeaker
 

Lugo, 10 de xullo de 2019.

 

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado pola xefa territorial de Política Social da Delegación de Lugo, Cristina Abades, visitou esta tarde a nova oficina fixa de información ao retornado que a Federación Venezolana en Galicia (Fevega) abre na comunidade grazas ao convenio asinado entre o departamento autonómico e a agrupación. As instalacións, as terceiras nas que a federación ofrece asesoramento gratuíto continuado –o acordo inclúe unha cuarta itinerante- aos galegos e galegas que regresan a Galicia, están situadas en Lugo e comezaron a funcionar o pasado 3 de xuño. 

 

Desde entón, atenden unha media de catro consultas diarias, tanto de xeito presencial como telefónico, o que suma arredor de 80 persoas en pouco máis de vinte días. Esta elevada demanda pon de manifesto as necesidades que trae consigo o incremento do retorno de cidadás e cidadáns galegos á súa terra de orixe, que só en 2018, e segundo os últimos datos das Estadísticas de Migraciones publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE), ascendeu a 7.024 persoas, máis dun 7% por riba das cifras do ano anterior, cando regresaron 6.548 galegas e galegos. O ano 2018 suma, así, o quinto consecutivo de crecemento do retorno a Galicia.

 

Do total de cidadás e cidadáns galegos que regresaron á comunidade autónoma o pasado exercicio, 485 o fixeron á provincia de Lugo, a de menor tradición emigrante da comunidade, o que supón un incremento do 17,2% respecto a 2017, cando volveron 412. Só na última década regresaron máis de 3.000 lucenses, de nacemento e descendentes, que constitúen un piar fundamental para superar o reto demográfico, tal como recolle a futura Lei de Impulso Demográfico da Xunta de Galicia. “O retorno é un dereito de todos os lucenses que residen no exterior, tanto daqueles que marcharon para emprender unha nova vida como dos que, unha ou varias xeracións despois, queren recuperar a súas orixes e as oportunidades que Galicia lles brinda. E que tamén para ela, para todos nós, supoñen un importante revulsivo económico e social”, sinalou Miranda.

 

Axudas para emprendedoras e emprendedores e familias

 

Precisamente para favorecer o retorno das e dos galegos do exterior o Goberno galego aprobou en abril de 2018 a Estratexia Retorna 2020, que recolle preto de 60 medidas tanto específicas como transversais, que inclúen incentivos para os retornados e retornadas. Entre as deseñadas exclusivamente para os galegos e galegas que regresan á comunidade destacan dúas, as Axudas ao Retornado Emprendedor e as Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado, que manteñen aberta a súa convocatoria. As primeiras, cuxo prazo remata o 30 se setembro, inclúen este ano cambios de relevancia que buscan facilitar a tramitación e a xestión das subvencións, como a ampliación das axudas ás sociedades mercantís, por unha contía de 5.000 euros que pode ampliarse en 1.000 máis se a solicitante é muller e outros 2.000 euros se a empresa se asenta no rural. Desde a súa posta en marcha esta iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración permitiu a posta en marcha de máis de 125 negocios en toda Galicia, dos que cinco se solicitaron na provincia de Lugo.

 

Outra das liñas de axuda do departamento autonómico que conta con máis demanda é a que buscar dar un primeiro soporte aos galegos e galegas que volven á comunidade. As Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado, que se poderán solicitar ata o vindeiro 31 de agosto, incorporan, ademais, este ano unha contía para aquelas familias que regresen con fillas ou fillos menores de idade, e que lles permitirá percibir 1.000 euros por cada unha ou un dos menores de idade, e 1.500 a partir do terceiro. Esta medida complementa a Tarxeta Benvida da Consellería de Política Social, que ofrece incentivos económicos ás familias con menores de 3 anos, e que facilita o acceso ás e aos retornados a esta axuda adaptando o prazo de solicitude á realidade desta colectividade.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas