GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O Grupo Basa asume a xestión do hospital do Centro Galego de Buenos Aires polos próximos 30 anos

(23/05/2019)

O Grupo Basa asume a xestión do hospital do Centro Galego de Buenos Aires polos próximos 30 anos


Asegúrase o Plan Médico Obrigatorio, ao que terán acceso os socios pagando a mesma cota social que viñan pagando, máis os aumentos que determine a Superintendencia de Servizos de Saúde / Tamén o compromiso por parte de Basa do pago total da débeda cos traballadores e que a mutual conserve a perpetuidade, máis aló da posible venda do inmoble, o seu patrimonio artístico e cultural

 

Galicia Exterior. Leo Vellés Buenos Aires | 22 de maio de 2019




Moyano e Olmos ao momento de asinarse o acordo.

 

Co aval unánime dos representantes dos socios do Centro Galego de Buenos Aires, concretouse o pasado martes 21 de maio a firma do acordo polo cal o Grupo Basa (Buenos Aires Saúde) farase cargo da xestión do hospital da centenaria institución polos próximos 30 anos.

O contrato, asinado polo titular do Grupo Basa, Raúl Olmos, e o interventor do Centro Galego de Buenos Aires por parte do Inaes (Instituto Nacional de Asociativismo e Economía Social do Ministerio de Saúde e Desenvolvemento Social da República Arxentina), Martín Moyano Barro, contempla ademais a opción de que o grupo xerenciador adquira o inmoble no que funciona o hospital a medida que se vaia facendo cargo da millonaria débeda que a entidade ten co fisco arxentino, empregados e provedores.

A firma do acordo realizouse logo da finalización da continuación da asemblea extraordinaria que se iniciou o pasado 9 de maio e que fora posposta ata esta data para que a comisión que integran representantes de todas as agrupacións políticas do Centro Gallego, as cales xa aprobaran con carácter xeral a proposta do Grupo Basa, puidese negociar en particular algúns puntos do contrato que consideraban fundamentais acordar para poder dar o seu visto e prace definitivo á operación.

En concreto, a comisión negociadora asegurouse por escrito os contidos do PMO (Plan Médico Obrigatorio) ao que terán acceso os socios (pagando o mesmo valor da cota social que viñan pagando, máis os aumentos que determine a Superintendencia de Servizos de Saúde), o compromiso por parte de Basa do pago total da débeda que o Centro Gallego ten cos seus traballadores, e que a mutual conserve a perpetuidade, máis aló da posible venda do inmoble, o seu patrimonio artístico e cultural, que inclúe a biblioteca, o Teatro Castelao, o sector coñecido como ‘o banquito’, a habitación na que faleceu Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o panteón do Cemiterio de Chacarita e o Anexo de Valentín Alsina.

“Foi unha negociación moi ardua que, con distintos matices, viñamos levando adiante desde o ano pasado, prazo no que tamén se falou doutras propostas, aínda que a nosa foi a única firme e por sorte foi aceptada, así que estamos moi contentos. A partir de mañá xa nos poñeremos a traballar para que os socios, que sufriron moito por non ter asegurada a súa atención sanitaria, vexan resultados en moi pouco tempo”, sinalou Olmos á prensa unha vez finalizada a asemblea.

Recuperar canto antes todos os servizos

Nese sentido, o máximo titular de Basa aseverou que o obxectivo é poñer en funcionamento o hospital o máis pronto posible, polo que se encarará de inmediato a recuperación de todos os servizos prestacionais: “Hai sectores que nunca deixaron de funcionar, como a atención de garda, que igual imos reforzar; tamén habilitaremos algunhas áreas de internación clínica e aos poucos iremos poñendo en marcha o resto dos servizos. Xa estamos a avaliar a incorporación de todo o equipamento necesario para o quirófano, porque o que hai é moi pouco ou obsoleto, substituíndoo con equipos de última xeración, o mesmo no sector de terapia intensiva”.

Así mesmo, asegurou que todos os socios terán de maneira inmediata acceso á rede sanitaria de Basa para que poidan utilizar os servizos das 18 clínicas coas que contan en todo o país ata que o hospital do Centro Gallego logre de maneira progresiva a normalización da súa operatividade.

Poñer ao día os soldos e renegociar a débeda

Olmos tamén resaltou como outra das súas prioridades poñer ao día os soldos dos traballadores, quen fai 19 meses non están a cobrar os seus haberes con normalidade: “Mañá mesmo imos convocar a todo o persoal que está en nómina, que son ao redor de 300 persoas, para pagarlles un mes de soldo, a fin de mes pagarémoslles outro e logo organizaremos un plan de pagos para saldar todo o que se lles debe”, ratificou, aínda que aclarou que a medida que vaia avanzando a súa xestión realizarase unha reestruturación de persoal que contempla manter ao redor de 250 dos traballadores actuais e a incorporación de novos empregados.

Respecto a  multimillonaria débeda do Centro Gallego, que rolda o dous mil millóns de pesos (ao redor de 40 millóns de euros), expresou a súa confianza en poder renegociala a partir da experiencia que o Grupo Basa ten no saneamento de institucións sanitarias.

Finalmente, adiantou que unha vez que o hospital estea en funcionamento ten planeado viaxar a Galicia para reunirse coas autoridades da Xunta “para convidalos a que vexan que o Centro Gallego volveu á vida” e fortalecer a relación entre ambas as partes, e concluíu: “Facemos este investimento porque consideramos que ter un hospital desta magnitude en pleno centro porteño é un elemento moi importante para darlle máis e mellor contido á nosa rede sanitaria. O noso soño é poder competir de igual a igual co Hospital Italiano ou o Hospital Británico, dado que o Centro Gallego ten a infraestrutura necesaria para logralo”.

Acusan o interventor de baleirar e destruír a institución

Un dos momentos máis emotivos da asemblea viviuse cando a representante dos socios Patricia Pérez tomou o micrófono para expresar os sentimentos que lle provocou ter que ceder a xestión do hospital do Centro Gallego. “Hoxe é un día de alegría e de tristeza” afirmou, e explicou que aínda que é un alivio chegar a un acordo co Grupo Basa que evitou que a institución crebe e peche as súas portas, os galegos que emigraron a Arxentina e fundaron esta institución fai máis dun século seguramente estarían moi doídos por chegar a esta crítica situación, “pero non podiamos seguir pelexando contra a corrente e contra unha intervención corrupta”.

Nese sentido, Pérez apuntou ao interventor por parte do Inaes, Martín Moyano Barro, como un dos máximos responsables de “deixar desprotexidos e na rúa a socios de 80 e 90 anos”, e subliñou: “El é o responsable de baleirar e destruír esta institución”.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas