GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A Secretaría Xeral da Emigración convoca “Reencontros na Terra”, o programa que achega ás e aos maiores galegos do exterior á súa terra e ás súas familias

(17/04/2019)

A Secretaría Xeral da Emigración convoca “Reencontros na Terra”, o programa que achega ás e aos maiores galegos do exterior á súa terra e ás súas familias

 

O programa permitirá a 135 galegas e galegos de máis de 65 anos e residentes en América con poucos recursos económicos pasar ata mes e medio en Galicia.

 

As axudas costearán a viaxe de ida e volta e a estancia nunha residencia de tempo libre durante catorce días, onde poderán participar en diferentes actividades socioculturais.

 

O prazo de solicitude deste programa da Xunta de Galicia ábrese mañá, 17 de abril

O prazo de solicitude deste programa da Xunta de Galicia ábrese mañá, 17 de abril

 

Listen to this page using ReadSpeaker
 

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2019.

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se convoca a edición deste ano do programa “Reencontros na Terra”, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración e desenvolvido coa colaboración da Consellería de Política Social. Nesta edición de 2019, formarán parte do programa un total de 135 persoas, das que 69 prazas estarán reservadas á Arxentina, seguindo criterios de necesidades reais e das demandas constatadas nos diferentes países, 27 a Uruguai, 22 a Venezuela, 9 a Brasil, 5 a Cuba e 3 ao resto de América.

 

O obxectivo é permitir ás e aos participantes redescubrir, non só as súas raíces, tanto de tipo cultural e social como familiar, senón ademais poñerse en contacto coa realidade do seu país de orixe mediante actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas familias, e o intercambio de experiencias co resto das e dos participantes. Aínda que todas as e todos os participantes deben ter 65 ou máis anos de idade, condición sine qua non para beneficiarse do programa, a idade media supera amplamente esta cifra. Segundo as bases hoxe publicadas no DOG, o prazo de presentación de solicitudes remata dentro dun mes natural, é dicir, o vindeiro 16 de maio.

 

Ata 45 días en dúas fases

 

O programa desenvólvese ao longo de ata 45 días, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas consiste nunha estadía de dúas semanas, nunha das residencias da Consellería de Política Social, en réxime de pensión completa, desenvolvendo actividades recreativas e culturais axeitadas ás persoas participantes, e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día. Inclúe unha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental, e recepción institucional. Tamén realizarán visitas a outras vilas galegas.

 

A segunda fase consiste nunha estadía coas e cos seus familiares de Galicia ata un máximo de 45 días. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitas e moitos dos beneficiarios e beneficiarias unha oportunidade única de atopar as súas raíces máis senlleiras e persoais, e redescubrir as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

 

Requisitos para ser beneficiaria ou beneficiario

 

Para se beneficiar do programa, a persoa solicitante deberá acreditar ser emigrante galega e ter nacionalidade española; residir en América de xeito continuado, como mínimo, durante os dez últimos anos; ter máis de 65 anos; ser válida por si mesmo; non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración; non ter participado nos últimos dez anos naturais en programas de viaxes da Secretaría Xeral de Emigración; ter familiares de ata cuarto grao de consanguinidade ou afinidade coas e cos que poidan residir durante a súa estadía en Galicia; así como ter ingresos inferiores a tres veces o importe da pensión asistencial española por ancianidade marcada para o país de residencia (cantidade distinta á correspondente en España). Igualmente, poden beneficiarse as e os cónxuxes dos emigrantes galegos e galegas que cumpran algúns destes requisitos, segundo establece a orde reguladora do programa.

 

Para informar sobre as cuestións relativas ao programa celébranse reunións informativas previas nos diferentes  países nas que participan os beneficiarios e beneficiarias e nas que intervén persoal das delegacións da Xunta ou, no seu caso, das entidades colaboradoras; as e os médicos acompañantes no relativo aos temas de coidado da saúde (en Arxentina e Uruguai); e persoal designado pola axencia de viaxes que resulte adxudicataria do concurso público, no tocante aos asuntos de embarque, conexións, pasaxes, etc.

 

Preto de 350 maiores galegas e galegos do exterior

 

O recente peche do prazo de solicitudes para participar no programa “Reencontros na Casa”, que ofrece a oportunidade a 215 maiores galegas e galegos de achegarse a Galicia, eleva o número total de persoas beneficiarias destes programas a 340 galegas e galegos maiores residentes no exterior.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas