GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Un total de 2.093.977 cidadáns españois residentes no estranxeiro poderán votar nas xerais do 28 de abril

(08/03/2019)

Un total de 2.093.977 cidadáns españois residentes no estranxeiro poderán votar nas xerais do 28 de abril

 

A clave para solicitar o voto que se envía aos inscritos no CERA é a mesma para as eleccións xerais e para as autonómicas e europeas / O prazo para pedir a participación está aberto ata o 30 de marzo / A maior parte dos censados fóra do país son galegos, 458.180, e da Comunidad de Madrid, 304.675 / En Arxentina viven 420.897 e en Francia 214.357


España Exterior. Redacción. Madrid | 5 de marzo de 2019

 

Impreso para solicitar o voto 

 

Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral

 

Un total de 2.093.977 cidadáns españois residentes no estranxeiro poderán votar nas eleccións xerais do próximo 28 de abril. A Oficina do Censo Electoral (OCE) fixo públicos os datos do Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) o martes 5 de marzo, coa publicación e entrada en vigor do decreto de disolución das Cortes e convocatoria de eleccións publicado ese mesmo día no Boletín Oficial do Estado (BOE).

A maior parte dos electores no estranxeiro son galegos, 458.180, seguidos polos madrileños, 304.675; os andaluces, 245.123; os cataláns, 239.133; os orixinarios de Castela e León, 153.901; os das Illas Canarias, 147.172; os do Principado de Asturias, 117.570; e os da Comunidade Valenciana, 108.655.

En canto ao país de residencia, Arxentina é o que acolle ao maior número de electores españois, sumando 420.897. Séguelle Francia, con 214.357; Cuba, con 136.518; Venezuela, con 130.273; Alemaña, con 125.025; e Estados Unidos, con 121.038.

Como curiosidade podemos destacar que hai seis países onde soamente hai un español inscrito no CERA que son: Burundi, Swazilandia, Eritrea, Tadxiquistán, Micronesia e as Illas Cook.

Entre o 11 e o 18 de marzo os consulados manterán un servizo de consulta dos datos do CERA para todos os cidadáns. Nese mesmo período poderanse presentar as reclamacións que se consideren oportunas.

Prazos

Desde a OCE enviouse a todos os electores residentes no estranxeiro con dereito de voto nas eleccións a Cortes Xerais o impreso oficial de solicitude de voto, que inclúe unha clave que posibilita a súa formulación por internet.

Ao haber eleccións autonómicas e ao Parlamento Europeo o 26 de maio de 2019, que serán convocadas o 2 de abril, a clave que se envía para as eleccións xerais é a mesma que se enviará para as eleccións autonómicas e ao Parlamento Europeo. Quen queira solicitar o voto nas eleccións autonómicas e ao Parlamento Europeo por internet poderá facelo a partir do día 2 de abril coa clave que reciba para as eleccións a Cortes Xerais.

As solicitudes de voto -o que comunmente se coñece como rogo do voto- deben ser formuladas polos electores do 5 ao 30 de marzo e poden realizarse por internet ou ser enviadas á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral correspondente por fax ou correo postal.

Para facer uso da internet é necesario acceder á sede electrónica do INE,  Solicitude de voto dos electores do CERA e identificarse cun certificado electrónico asociado ao DNI do elector e recoñecido pola Sede ou coa clave enviada no impreso oficial.

O impreso de solicitude do voto pódese descargar en castelán, catalán, euskera, galego e valenciano e enviar por correo postal ou fax á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral correspondente ao seu municipio de inscrición vixente para estas eleccións.

En todos os casos, excepto a solicitude por internet con certificado electrónico, o impreso de solicitude debe ir acompañado dun dos seguintes documentos: fotocopia do DNI español; fotocopia do pasaporte expedido polas autoridades españolas; certificado de nacionalidade (de expedición gratuíta polo Consulado ou Embaixada na que estea inscrito); certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular (de expedición gratuíta polo Consulado ou Embaixada na que estea inscrito).

Envío da documentación e voto

A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral enviará do 2 ao 8 de abril a documentación necesaria para que poida votar. Este prazo pode ampliarse ata o 16 de abril naquelas circunscricións onde haxa impugnación de candidatos.

Os electores residentes no estranxeiro poden votar de dúas formas. Unha, depositando persoalmente o seu voto na urna habilitada no consulado ou embaixada na que se atope inscrito do 24 ao 26 de abril.

Outra, remitindo o seu voto por correo certificado ao citado consulado ou embaixada para o que teñen de prazo ata o 23 de abril.

É importante lembrar que o votante non debe enviar o seu voto directamente á Xunta Electoral xa que serán considerados votos nulos os que non fosen recibidos a través dos correspondentes consulados.

Situacións especiais

Os electores residentes ausentes que viven no estranxeiro, que se atopen temporalmente en España, poden solicitar o voto en calquera oficina de Correos do 5 de marzo ao 18 de abril. A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral enviará do 8 ao 21 de abril a documentación necesaria para que poidan votar.

Recibida a documentación, estes electores deben enviar o seu voto á mesa electoral, por correo certificado, non máis tarde do 24 de abril.

Por outra banda, os electores residentes en España que se atopen temporalmente no estranxeiro, unha vez efectuada a convocatoria e que prevexan permanecer nesa situación ata o día da votación, e que desexen participar nas eleccións, deben figurar inscritos no Rexistro de Matrícula Consular como non residentes e solicitar a documentación para exercer o seu dereito de sufraxio desde o estranxeiro á correspondente Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral, non máis tarde do día 30 de marzo. Dita solicitude debe entregarse persoalmente na oficina consular de carreira ou sección consular de embaixada (consulado español máis próximo á súa residencia no estranxeiro).

A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral correspondente remite ao elector ao domicilio no estranxeiro indicado na solicitude, entre o 2 e o 8 de abril por correo certificado, a documentación necesaria para que poida emitir o seu voto. Este prazo pode ampliarse ata o 16 de abril no caso de haber impugnación de candidatos.

Recibida a documentación, os electores deben enviar o seu voto á mesa electoral, por correo certificado, non máis tarde do 24 de abril.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas