GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Baltar insta os gobernos a solucionar a situación do Centro Galego de Buenos Aires

(16/11/2018)

Baltar insta os gobernos a solucionar a situación do Centro Galego de Buenos Aires



Redacción, Buenos Aires | 15 Novembro 2018 - Crónicas da Emigración


Baltar, durante su visita a la biblioteca del Centro Gallego.

Baltar, durante a súa visita á biblioteca do Centro Galego.


O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, avogou en Buenos Aires “por unha solución a situación actual que atravesa o Centro Galego". Na súa visita ao emblemático edificio da institución, Baltar fixo un chamamento aos gobernos de España e Arxentina para que poñan todo da súa parte na procura dunha solución, “porque é unha cuestión de vontade política e non da frialdade dos números, e estamos a falar dunha institución que representa moito na alma da nosa nación cultural”.

O presidente do goberno provincial expresou que en coherencia co aprobado pola Deputación de Ourense hai uns meses, no pleno de marzo pasado, no que todos os grupos da corporación provincial adheríronse ao manifesto en defensa do Centro Galego de Buenos Aires, quixo visitar as instalacións do edificio para comprobar a situación mostrando “a súa preocupación, non só polo o aspecto asistencial senón tamén á súa vertente cultural, con esa colección de arte, a biblioteca ou a habitación onde faleceu Castelao, que é patrimonio de Galicia, merece un respecto”. “Son 111 anos de existencia dunha institución referente para os galegos en Buenos Aires e por iso fago un chamamento a todos os gobernos, fundamentalmente ao goberno arxentino e ao español, para que poñan da súa parte todo o posible para salvar os obstáculos que dificultan a supervivencia deste centro, emblema da nosa diáspora”.

Baltar defende “por solidariedade e en defensa da nosa emigración” a procura de solucións para o Centro Galego, e remarca o aprobado no pleno da Deputación de Ourense, cuxo obxectivo –como sinala o manifesto– é contribuír a conservar unido ao patrimonio inmobiliario, artístico e cultural que conforma o Centro Galego de Buenos Aires.

Na visita ao Centro Galego, José Manuel Baltar estivo acompañado pola delegación ourensá desprazada a Buenos Aires con motivo dos actos do premio Ourensanía; polo escritor Luís González Tosar; polos alcaldes de Petín, O Carballiño, Celanova e San Amaro, concelleiros e deputados provinciais, e por membros da colectividade ourensá e galega en Buenos Aires, “unha unión na defensa do Centro Galego pola que fago un chamamento á responsabilidade de todos, non permitamos que isto pase páxina senón que esa historia de gloria da nosa emigración siga escribíndose pola honra deste centro referente dentro e fóra de Galicia”, o que solicitou diante das estatuas de Castelao e Rosalía, na entrada do edificio, ante as que fixo unha ofrenda floral, “e que representan a máxima inspiración da nosa cultura”, afirmou.

José Manuel Baltar remarcou o manifesto aprobado por unanimidade polo pleno da Deputación de Ourense, que supón a defensa e a posta en valor dunha das institucións que máis fixo no mundo pola emigración galega, e pola historia, cultura e sentimentos dos ourensáns e dos galegos que puxeron rumbo cara a Arxentina a finais do século XIX e durante a primeira metade do século XX na procura de novas oportunidades. Alí foron acollidos por familiares e amigos, pero sobre todo polo conxunto da colectividade galega, que pola súa numerosa poboación chegou a formar a coñecida como “quinta provincia”.

A necesidade de ofrecer apoio e atención aos miles de emigrantes que chegaban desde Galicia, tanto no ámbito social como laboral e sanitario, forzou en 1907 a creación do Centro Galego de Buenos Aires, que na década dos anos 40 do pasado século sumou a este labor a difusión da cultura e a historia de Galicia.

Para levar a cabo todas as súas actividades, os emigrantes galegos compraron por subscrición popular en 1917 o edificio que hoxe alberga o Centro Galego na capital arxentina, cuxas instalacións acollen o maior patrimonio cultural, artístico e histórico da nosa emigración. Lastrado por unha gran débeda económica e intervido polo goberno arxentino, o Centro Galego de Bos Aires corre hoxe un grave risco de desaparición ante a súa posible venda, o que supoñería a perda dun símbolo identitario da Galicia universal.

Ante tal circunstancia, unha trintena de destacadas personalidades dos ámbitos social, cultural e académico redactaron en Rianxo, o pasado 29 de xaneiro, coincidindo co 132 aniversario do nacemento de Alfonso Rodríguez Castelao, un manifesto de apoio ao Centro Galego de Buenos Aires e en defensa do legado que con moito esforzo e sacrificio deixáronnos varias xeracións de emigrantes. O acordo aprobado no pleno sinala que a Deputación de Ourense súmase a esta iniciativa, que xa reuniu preto de 5.000 firmas de apoio para pedir ás autoridades galegas e españolas que se impliquen na salvación do patrimonio inmobiliario, artístico e cultural deste centro.

O manifesto pola defensa e o porvir do Centro Galego de Buenos Aires recolle que esta entidade emblemática da diáspora galega no mundo, que tivo na súa centenaria vida institucional unha actuación consecuente de defensa e promoción social, cultural e económica da Galicia territorial e da emigración porteña, hoxe require da cidadanía galega unha posición firme de defensa ante o perigo de desaparecer.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas