GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Os musulmáns queren que en Galicia se dea a coñecer máis a súa cultura

(02/10/2018)

Os musulmáns queren que en Galicia se dea a coñecer máis a súa cultura

Están contentos coa educación nos colexios, pero desde as mesquitas piden que se imparta a clase de relixión

 

 


redacción / a voz 30/09/2018

Son máis de 26.000. A comunidade musulmá forma parte desde hai anos da sociedade galega e, por iso, queren compartir os seus costumes. «Facer unha educación proactiva», como explica Renée DePalma, profesora da Facultade de Educación da Universidade da Coruña, que nunhas semanas presentará un libro sobre a integración sociocultural en Galicia, realizado por catro investigadores, en colaboración coa Facultade de Socioloxía. Esa educación «proactiva» da que fala é que se dea a coñecer a súa cultura en Galicia para que os galegos tamén entendan a realidade dunha comunidade coa que conviven.

 

«É unha das cousas que nos comentaron tanto membros de diferentes asociacións que hai en Galicia como profesores de colexios e docentes do Programa de Lingua e Cultura Marroquí que se imparte nalgúns centros por un acordo con Marrocos», explica. Desde a Comunidade Islámica de Galicia, o seu presidente, Mustafá Alendi, fai outra reivindicación. Pide que os alumnos das escolas e institutos galegos que solicitaron cursar relixión islámica poidan facelo. É, engade, ao que se comprometeu no seu día o Goberno central mediante un acordo subscrito coas comunidades musulmás de toda España. O colectivo ten constancia da existencia en Galicia, onde están transferidas as competencias de Educación, de máis de 300 demandas en centros de Arteixo , A Coruña, Vigo, A Estrada, Xinzo, Santiago e Lugo. «¡Mira as solicitudes!», di Alendi, mostrando os folios co selo do rexistro da Xunta.

 

Pero un escrito remitido o pasado 8 de xuño pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria á comunidade musulmá apuntaba que «de acordo coa información existente nos rexistros informáticos desta consellería e sen prexuízo da existencia doutra información non gravada, informamos de que non hai alumnado matriculado nesta materia na convocatoria actual».

 

Preguntada o pasado luns pola cantidade de alumnos de relixión musulmá que hai matriculados en Galicia, a consellería respondeu que o consultou con estatística, pero aínda non respondeu.

 

Para o representante da comunidade musulmá en Galicia «sería moi importante que a relixión islámica se impartise nas aulas porque se evitaría que os nenos ou mozos buscasen información intoxicada sobre ela por outras vías como Internet».

 

Adaptar a dieta

 

Xunto á relixión outra das cuestións que expoñen algúns membros da comunidade musulmá, como coinciden DePalma e Alendi, é a alternativa de poder acceder a menús halal (os que acepta a lei islámica: prohibe o porco ou carne de animais que non teñan sido sacrificados en nome de Alá). «Durante a realización do noso traballo -explica DePalma- puidemos comprobar que había colexios máis flexibles que trataban de adaptar o menú, mentres que outros se rexían polo que di estritamente a norma». Segundo a Consellería de Educación, «o decreto 132/2013, di que o menú será único para todos os usuarios do comedor escolar, agás nos casos de alumnos que padezan intolerancia ou alerxia alimentaria, xustificada por medio de certificado médico». Por tanto, engade, «os centros escolares non teñen ningunha obriga de ofrecer un menú alternativo a non ser que sexa baixo prescrición médica». Neste sentido, Mustafa Alendi recorda o caso dun centro da provincia de Pontevedra no que durante o curso pasado os alumnos trataron de levar a súa propia comida, «pero non lles deixaron».

 

O uso do veo

 

Outra das cuestións abordadas pola investigación de DePalma e os seus compañeiros é o tema do veo na aula: «Vimos un pouco de todo. Hai centros que máis que prohibir do que tratan é de disuadir». Pero máis aló de todas estas cuestións, a integración da comunidade musulmá na escola é boa en Galicia.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas