GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

«Raigame»: A emigración como fonte de inspiración

(28/09/2018)

«Raigame»: A emigración como fonte de inspiración

Máis de 60 músicos e bailaríns participarán na montaxe dirixida por Pablo Seoane

 

.

 


ribeira / la voz 28/09/2018

Primeiro foi A ruta do sal, unha montaxe que trasladou ao público á etapa dourada da salgadura en Muros, e agora Ximiela regresa con outro espectáculo de gran formato, Raigame. A mítica agrupación volve beber da historia local para presentar un conxunto de coreografías e de pezas musicais que teñen a emigración como fío condutor. Aínda que a estrea non terá lugar ata o mes de xaneiro, a formación xa ten varias citas marcadas na súa axenda e mesmo propostas para saír fóra de Galicia.

 

Do que se trata, segundo explicou Pablo Seoane, o encargado da montaxe, da idea, do guión e da dirección do espectáculo, é de ofrecer unha dobre visión dun fenómeno tan importante para Muros e para o conxunto da comarca como foron as viaxes que moitos veciños emprenderon á procura de traballo: «Tratamos de contar a través do folclore a nosa visión da emigración, retrotraéndonos a comezos do século XX. Tentamos poñernos na pel dos que se foron, os que se afastaron das tradicións e da cultura local, e tamén dos que quedaron sen o cariño dos seus enfrontándose a grandes dificultades».

 

Serán unhas 65 as persoas que esta montaxe situará enriba das táboas, ás que haberá que engadir aquelas que se encarguen da luz e do son, existindo incluso a posibilidade, se o auditorio o permite, de completar o espectáculo cunha proxección audiovisual: «Buscamos sobre todo que a xente da asociación se involucre. Non é unha actuación illada nunha festa, senón que require un día enteiro de montaxe e moito traballo en común previamente, e iso xera lazos de unión», comenta Seoane.

 

Tanto é así que a gran familia de Ximiela leva un ano e medio traballando en Raigame, dándolle forma a cada unha das 18 actuacións que o compoñen. «Imos representando diferentes momentos, comezando pola partida do emigrante e seguindo pola súa vida fóra, tamén desde o punto de vista dos que quedaron na casa. Hai incluso referencias a esas datas sinaladas, como o entroido e o Nadal. E, por último, a volta ou non, xa que algúns que marcharon non regresaron», explica polo miúdo o director.

 

Tres décadas en activo

 

Un dos obxectivos que Ximiela persegue con estes espectáculos de gran formato é demostrar que, despois de 30 anos de traxectoria, a agrupación segue viva e con máis folgos ca nunca: «A pesar dos obstáculos que atopamos polo camiño, seguimos aquí traballando polo folclore». E, deses atrancos, Pablo Seoane destaca o non poder levar as montaxes ás vilas que quixera pola escaseza de teatros axeitados: «Gustaríanos moito actuar en Muros, pero non existe un escenario apropiado para este tipo de montaxes».

 

Aínda que as actuacións de música e baile conforman o eixe de Raigame, hai outro aspecto que ten grande relevancia. Trátase do vestiario. María Mallo encargouse da vestimenta que os membros de Ximiela lucirán no escenario e que será diferente en cada unha das 18 partes que conforman esta grande obra folclórica. No referente aos actores, todos contribuirán por igual: «A banda de gaitas tivo moita repercusión nos últimos tempos, xa que participou dúas veces no festival de Ortigueira, viaxou tamén en dúas ocasións a Nova York e estivo no prestixioso festival de Lorient, pero o bo é que nesta agrupación todos tocan e bailan», explica Seoane.

 

E o futuro do grupo semella estar garantido. Nestes intres son un cento de persoas as que loitan desde o colectivo muradán por manter vivas as tradicións folclóricas. Entre elas atópanse os vinte membros da escola de Ximiela: «É un colectivo que vai a máis cada ano. Tanto é así que o problema que temos é que o local no que ensaiamos, cedido polo Concello, quédasenos pequeno».

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Outubro 2019
LMMeXVSD
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031   
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas