GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Miranda anuncia a prórroga do prazo de solicitude das Axudas ao Retornado Emprendedor, en cuxa difusión colaborará a Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia

(27/09/2018)

Miranda anuncia a prórroga do prazo de solicitude das Axudas ao Retornado Emprendedor, en cuxa difusión colaborará a Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia

 

O colectivo impartirá seis sesións informativas en cada unha das súas principais sedes para promover o autoemprego entre as galegas e os galegos que regresaran a súa terra nos últimos dous anos.

 

O programa da Secretaría Xeral da Emigración, incluído na Estratexia Retorna 2020, concede ata 10.000 euros para gastos correntes co único requisito de que a empresa estea xa constituída.

 

O secretario xeral da Emigración, en Vigo, durante o anuncio de ampliación do prazo de solicitude -ata o vindeiro 29 de outubro- das Axudas ao Retorno Emprendedor

O secretario xeral da Emigración, en Vigo, durante o anuncio de ampliación do prazo de solicitude -ata o vindeiro 29 de outubro- das Axudas ao Retorno Emprendedor

 

Listen to this page using ReadSpeaker
 

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2018.

 

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de anunciar a prórroga, ata o vindeiro 29 de outubro, do prazo de solicitude das Axudas ao Retornado Emprendedor, un dos programas deseñados polo Goberno autonómico para fomentar o regreso de máis de 20.000 galegas e galegos ata o ano 2020. A medida, unha das 52 incluídas na Estratexia Retorna 2020, ten permitido desde a súa posta en marcha que máis dun cento de proxectos empresariais situados en moitas das comarcas que abranguen as catros provincias galegas viran a luz. O obxectivo do Executivo galego ata esa data é chegar á maior cantidade de cidadás e cidadáns galegos que regresaron nos últimos dous anos á súa terra de orixe, e para este fin contará coa colaboración da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Galicia, con cuxo presidente, José Antonio Redondo, mantivo un encontro esta mañá acompañado do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves Castro, para presentar a nova iniciativa posta en marcha de xeito conxunto entre o departamento da Xunta e o colectivo de emprendedoras e emprendedores.

 

Así, a AJE ofrecerá unha sesión informativa en seis das súas delegacións principais durante o mes de outubro, que correrá a cargo de persoal da Secretaría Xeral da Emigración. A sede da Coruña acubillará a xornada o día 16 ás 18 horas, mentres a de Vigo o fará o 17 de 16 a 18 horas, a de Pontevedra o 18 ás 19:30 horas, a de Ferrol o 19, a de Lugo o 24 ás 12 horas e a de Ourense nunha data aínda  por concretar ao longo do mes de outubro. A colaboración desinteresada da Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia será un dos piares fundamentais nos que se baseará a difusión das Axudas ao Retornado Emprendedor entre o tecido empresarial menor de 40 anos da comunidade galega, entre o que conta con preto de mil persoas asociadas e suma máis de 6.500 empregos e unha facturación de 428 millóns de euros. Ademais, a AJE é a entidade que pode ofrecer orientación e asesoramento aos interesados dun xeito máis completo e axeitado a cada perfil.

 

Ata o 80 % dos gastos correntes

 

“Queremos que saiban que as axudas están aí, que existen, e que están ao alcance de todos os galegos que regresaran a Galicia nos últimos dous anos con espírito de emprender, de levar á práctica o seu proxecto vital e de facelo na súa terra. E sabemos que o mellor xeito de chegar á xente con fame de innovar e de mellorar as cousas, de adaptalas á realidade, é precisamente a través doutras persoas, neste caso mozos, que comparten ese interese con eles, como son os xóvenes empresarios de Galicia”, explicou Miranda. 

 

O secretario xeral da Emigración agradeceu a José Antonio Redondo e a todo o equipo de AJE Galicia a súa implicación e disposición a colaborar neste proxecto cuxo único obxectivo é facilitar o emprendemento ás e aos galegos que teñan a condición de persoa retornada. Por iso, para este exercicio 2018 o departamento autonómico volve apostar polos galegos e as galegas do exterior que queren regresar a Galicia a emprender cunha nova partida de 200.000 euros destinada a cubrir ata o 80 % dos gastos correntes da empresa cun máximo de 10.000 euros. 

 

A este programa da Xunta de Galicia poderán acollerse os galegos e as galegas de nacemento, as e os seus cónxuxes ou persoas cunha unión análoga á conxugal e as e os descendentes das persoas nacidas en Galicia ata o segundo grao de consanguinidade que, residindo fóra de España e tendo nacionalidade española, se establezan na comunidade autónoma. Este ano as axudas diríxense, ademais, especificamente aos beneficiarios e beneficiarias das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME).

 

Requisitos para optar á subvención

 

No caso das persoas traballadoras autónomas ou por conta propia ou socias traballadoras de sociedades laborais ou de cooperativas de traballo asociado, deberán ser titulares dun negocio ou explotación ou formar parte dunha sociedade civil ou comunidade de bens constituída previamente á presentación da solicitude e estar dado de alta na Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional con anterioridade á presentación da solicitude. As persoas socias traballadoras de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado, pola súa banda, terán que ter entidades legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais de Galicia ou no Rexistro de Cooperativas de Galicia e afiliadas á Seguridade Social, así como cada un dos seus traballadores e traballadoras. 

 

As Axudas aos Retornados Emprendedores cubrirán os gastos subvencionables, é dicir, aqueles de establecemento relacionados coa actividade, como gastos de notaría e rexistro, cursos técnicos específicos, subscricións, cotas de participación en asociacións empresariais ou profesionais e gastos de colexiación, servizos de profesionais (legais, asesoría, xestoría, consultoría, enxeñaría, arquitectura, auditoría...), servizo de prevención alleo do local e de seguridade, tributos, licenzas administrativas, gastos derivados da páxina web e da pasarela de pagamento para as vendas en liña, posicionamento web, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento e limpeza de local, de maquinaria, de vehículos e de equipamentos informáticos, e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (calefacción, gas, auga, electricidade, telefonía e Internet...), xerados nos tres meses anteriores á alta na Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional. 

 

Medidas da Estratexia Retorna 2020

 

Ademais deste programa propio da Secretaría Xeral da Emigración, o Goberno galego está a fomentar, a través da Estratexia Retorna 2020, tanto a contratación de traballadoras e traballadores como a creación de autoemprego para emigrantes galegas e galegos retornados. Aos dous programas da Consellería de Economía, Emprego e Industria que regulan as axudas para impulsar o inicio da actividade para autónomas e autónomos e as destinadas a favorecer a contratación indefinida de traballadoras e traballadores en empresas de persoas autónomas hai que engadir as axudas que concede para impulsar a contratación nas pemes e para a consolidación do emprego nas pequenas empresas tecnolóxicas e de nova creación. Tamén o programa de incentivos á contratación na empresa ordinaria aumenta a contía dos beneficios no caso de tratarse de emigrantes galegas e galegos retornados, colectivo ao que se presta especial atención tamén noutras iniciativas do Goberno galego de carácter social, como a Tarxeta Benvida, económica e laboral.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas