GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Miranda sitúa os coidados básicos das e dos maiores galegos sen recursos residentes no exterior entre as prioridades da Secretaría Xeral da Emigración

(27/07/2018)

Miranda sitúa os coidados básicos das e dos maiores galegos sen recursos residentes no exterior entre as prioridades da Secretaría Xeral da Emigración

 

O titular do departamento autonómico renovou o convenio de colaboración coa Associação Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada de Río de Janeiro, por un importe de 25.000 euros.

 

A residencia é unha das mellor dotadas e máis completas da cidade brasileira e da diáspora galega, e presta coidados aos galegos e ás galegas sen recursos que residen no país suramericano.

 

 

 Antonio Rodríguez Miranda e Regina Jallas, durante a sinatura convenio esta mañá en Santiago de Compostela

Antonio Rodríguez Miranda e Regina Jallas, durante a sinatura convenio esta mañá en Santiago de Compostela

 

Listen to this page using ReadSpeaker
 

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2018.

 

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, situou esta mañá o benestar das maiores galegas e galegos sen recursos que residen no exterior entre as prioridades do Goberno galego en materia de emigración, tal como se reflicte na Estratexia Emigración 2020, aprobada este mesmo mes polo Consello da Xunta. O responsable autonómico fixo fincapé nos esforzos que a Xunta de Galicia está a facer desde hai anos na procura da cobertura das necesidades básicas para un dos sectores máis desprotexidos da poboación, tanto da Galicia territorial como da que vive fóra das nosas fronteiras, trala sinatura do convenio coa Associação Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada de Rio de Janeiro, que tivo lugar na sede da Secretaría en Santiago, aproveitando a estancia temporal da súa presidenta, Regina Jallas Suárez Figueira, natural de Santa Comba, en Galicia.  

 

Miranda salientou o inmenso labor que os galegos  e as galegas do exterior levan a cabo cada día de xeito altruísta e eficiente en prol das e dos seus conveciños máis desfavorecidos, tanto a través de entidades sociais, como no caso do Recreio dos Anciãos de Río, como doutras fórmulas. “O galego é un dos pobos máis querido alá onde vai, e os galegos uns dos emigrantes máis respectados polo seu talante, marcado por uns valores que, na meirande parte dos casos, lles inculcaron os seus pais e avós na casa, e que definen un carácter, o galego, traballador e honesto, pero tamén altruísta, xeneroso e sen prexuízos”, sinalou o secretario xeral da Emigración. “Regina é un exemplo desta valentía e desta capacidade de traballo e entrega, que tanto ben fixo, non só aos galegos do exterior, senón aos da Galicia territorial, creando, no caso da Associação Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada, en apenas oito anos a mellor residencia de anciáns, non só de Río de Janeiro, senón de toda a diáspora galega”, engadiu o responsable autonómico.

 

Unha das mellor dotadas e máis completas

 

O convenio, dotado con 25.000 euros, permitirá á entidade seguir a dar servizo de xeito completamente gratuíto aos 35 galegos e galegas sen recursos que acubilla. O resto de persoas usuarias da residencia, un total de 170, tanto brasileiras como doutras nacionalidades, acóllense a un réxime privado. A Associação Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada de Rio de Janeiro, fundada en 1940 por emigrantes galegos, é unha entidade benéfica, sen ánimo de lucro, cuxa finalidade é acoller temporal ou permanentemente á anciáns de xeito gratuíto, dando prioridade aos galegos e españois necesitados, é unha das mellor dotadas e máis completas da cidade brasileira, que presta coidados ás cidadás e aos cidadáns galegos sen recursos que residen no país suramericano. Integrado por 355 persoas asociadas, das que 195 son galegas, a asociación presta especial importancia ao seu eido asistencial. A súa residencia de maiores conta na actualidade con 170 usuarias e usuarios. Malia ser un dos seus eixos prioritarios, o asistencial non é o único ao que dedica os seus recursos esta entidade. A Associaçao Recreio dos Anciâos para Asilo da Velhice Desamparada tamén presta servizos ás e aos seus socios no ámbito cultural, como os da biblioteca que alberga a súa sede (que conta con arredor de 300 persoas usuarias) e a publicación que edita con periodicidade bianual e unha tirada dun milleiro de exemplares.

 

Dita entidade é un dos referentes fundamentais na atención socio sanitaria e de asistencia ás persoas de idade avanzada en Río de Janeiro e á súa contorna. Nas súas instalacións, que contan con teatro, capela, biblioteca e unha ampla área de esparexemento e leva a cabo unha asistencia integral ás e aos acollidos que inclúe alimentación, vestiario, servizos médicos, fisioterapia, terapia ocupacional, actividades culturais, etc., mellorando así o aspecto social, emocional e sociolóxico das e dos acollidos, segundo sinala o convenio.

 

Axudas individuais e outros convenios

 

A Secretaría Xeral da Emigración, enmarcado no seu compromiso co benestar da emigración galega e dos seus e as súas descendentes, conta con varias liñas de axudas específicas para as persoas maiores de 65 anos e outras das que a gran maioría das beneficiarias, malia que non as únicas, son as persoas maiores. Entre estas últimas destacan as axudas individuais que se prestan ás e aos emigrantes galegos, cuxos beneficiarios e beneficiarias teñen unha idade media de 77 anos. En 2017 concedéronse un total de 7.811 axudas por importe de 2.034.149 euros. En 2018 esta cifra incrementouse ata os 2,6 millóns de euros. Respecto aos programas específicamente dirixidos ás e aos maiores de 65 anos, divídense en dous: Reencontros na Terra e Reencontros na Casa.

 

Ademais, a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Emigración, colabora con outras entidades sociosanitarias que, ao igual que o Recreio, prestan atención a galegas e galegos maiores sen recursos, como a Hermandad Gallega de Venezuela, en Caracas (Venezuela), a Hermandad Gallega de Valencia, en Valencia (Venezuela) Casa de España de Rio de Janeiro (Brasil), a Sociedade Beneficente Rosalía de Castro São Paulo, en São Paulo (Brasil), a Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro de Santos, en Santos (Brasil), o Hogar Español de Ancianos en Montevideo (O Uruguai) e o Hogar Gallego para Ancianos de Domselaar, na provincia de Bos Aires (A Arxentina).

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas