(13/07/2018)
peral r. n.
ourense / a voz 12/07/2018
«Escolas Abertas», programa que todos os anos convoca a Secretaría Xeral de Emigración, permite a docentes de distintas comunidades galegas do mundo adquirir técnicas e actualización dos seus coñecementos sobre confección téxtil, baile e instrumentos tradicionais. Este verán, tras unha primeira edición en Santiago, chegaron a Ourense formadores de Arxentina, Cuba, Uruguai, Venezuela, Brasil, Chile, España, Estados Unidos de América, México e Suíza. O proxecto reúne a setenta participantes dispostos a aproveitar a oportunidade de fortalecer os seus vínculos con Galicia.
Na presentación no Centro Residencial Docente da cidade, o secretario xeral de Emigración, o ourensán Antonio Rodríguez Miranda, estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira. Miranda quixo dar a benvida aos participantes no lugar no que se impartirán os diferentes talleres e onde xa onte comezou o programa lectivo.
As modalidades que se imparten de forma histórica en «Escolas Abertas» son gaita, baile típico galego, percusión, canto popular e pandereita e confección do traxe tradicional de Galicia. Nesta edición aparece como novidade o curso de formación de persoal directivo das entidades de Galicia no exterior, dirixido precisamente aos coordinadores destes centros galegos. O seu obxectivo fundamental: reforzar os aspectos máis importantes á hora de asumir a xestión das comunidades galegas noutros países.
«Estades aquí para aproveitar ao máximo esta oportunidade que vos brinda Galicia. Esta, a vosa terra, invítavos a coñecela por dentro e dende dentro, a descubrir os seus segredos, a volver a ela para que a vexades cambiar, para que non vos esquezades nunca de que a tradición, lonxe de estar rifada co progreso, forma parte del. E vós sodes as mellores testemuñas desta realidade», sinalou Miranda.
«É unha experiencia magnífica e moi bonita, porque vimos aprender. Pero tamén nos resulta un tanto diferente, porque é noutro país», afirma Laura Mabel Artimbau Suárez. Levarán os valores da sociedade galega ata a poboación cubana. Para eles, isto é unha oportunidade moi importante para a súa evolución formativa. «O curso ofrécenos a gran posibilidade de nutrirnos de todos os coñecementos que os profesores nos poidan ensinar nestes días e de aprender por nós mesmos», asegura Reidis Delgado Conte.
A súa misión: transmitilo todo nos seus centros. «Vir directamente aquí a Galicia e aprender os bailes que nós desenvolvemos alá pero que seguramente non temos nin a metade dos coñecementos que podemos adquirir aquí», di María Paula Lugo García. Andrés Barreiro Hernández engade: «Queremos acceder á historia, a cultura e os coñecementos».
O programa, ponte entre a cultura galega que se fai aquí e que posteriormente se exporta aos países receptores, terá unha duración de quince días, desde onte ata o 24 de xullo.
OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO
(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
inmigracion@fegamp.es
Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas