GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Monforte acollerá entre tres e catro familias de refuxiados

(17/09/2015)

Monforte acollerá entre tres e catro familias de refuxiados

 

Ningún outro municipio da zona sur concretou á Fegamp os desprazados que acepta

 

 DÍAZ monforte / a voz, 17 de setembro de 2015.

Colaboración de Cáritas. O BNG avoga pola presenza de Cáritas nunha comisión local de traballo que coordine a axuda aos refuxiados. Na foto, entrega de alimentos a esa organización.

 

O Concello de Monforte comunicou a comezos de setembro á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a súa disposición para colaborar nos plans de acollida dos refuxiados que foxen masivamente da guerra en Oriente Medio. No escrito dirixido á Fegamp, o alcalde suxire un número aproximado de persoas que estaría en condicións de albergar este municipio. Monforte ofrécese a recibir, concretamente, a quince desprazados polos conflitos bélicos en Siria e Iraq. A estimación está na liña das propostas doutras entidades locais de similar entidade poboacional, como sería o caso de Lalín.

 

«Calculamos que con ese número de persoas serían tres ou catro familias de refuxiados as que virían a Monforte. Hai que ter en conta que falamos dunha acollida permanente, non de dar unha saída puntual a unha situación de emerxencia», sinala o alcalde, José Tomé . A acollida, neste caso, non está supeditada ás axudas que poidan conceder outras administracións. «Se nos botan unha man mellor, pero o Concello está disposto a facer un esforzo», apunta Tomé , que nesta cuestión conta co apoio de todos os partidos.

 

A concelleira do BNG, Pilar López, propuxo na última xunta de portavoces a apertura dun censo con vivendas que aceptarían ceder os seus propietarios para o aloxamento temporal dos refuxiados. Este grupo expón, por outra banda, a posta en marcha dunha comisión de traballo a nivel local para coordinar estas iniciativas, na que tamén terían cabida organizacións solidarias como Cáritas.

 

Por parte do PP, Julia Rodríguez, coincide co alcalde na conveniencia de actuar de forma coordinada con outras administracións. «O problema dos refuxiados é unha realidade que non podemos obviar. Hai unha necesidade humanitaria e teremos que asumir aquilo que nos corresponda dentro dunha actuación conxunta», apunta a portavoz popular.

 

 

 

Á espera de noticias

 

 

Monforte é o único municipio do sur lucense que puxo en coñecemento da Fegamp o número de refuxiados que entende que estaría en condicións de recibir. Os demais alcaldes consultados din estar á espera de coñecer con máis exactitude as directrices que se seguirán neste proceso.

 

A Consellería de Traballo e Benestar notificou aos concellos a través da Fegamp que as familias acollidas cobrarán a renda de inclusión social e terán garantida a atención sanitaria. Os seus fillos serán escolarizados en centros dos municipios de referencia.

 

Agroma Sober pide que o bloque de vivendas sociais sirva de espazo de acollida

 

«Se as administracións supramunicipais están de acordo na acollida de refuxiados, os concellos debemos estalo», di o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián. Sobre a base dalgún baremo que atende ao número de habitantes, a este municipio podería corresponderlle unha soa familia de desprazados. O rexedor, no entanto, avoga pola prudencia. «Os concellos temos limitacións, non podemos acoller xente sen os recursos para darlle unhas condicións dignas», sinala.

 

A acollida de refuxiados será unha das cuestións que se debatan no pleno que celebrará esa corporación este mes. Agroma Sober presentará unha iniciativa na que, entre outras medidas, expón aproveitar o edificio municipal do bloque de vivendas sociais «como espazo de acollida de persoas refuxiadas e en risco de exclusión social». Esta formación política propón ademais a elaboración dun censo de persoas dispostas a recibir refuxiados.

 

 

 

Cincocentas persoas

 

 

Agroma Sober insta, por outra banda, ás administracións central e autonómica a aumentar as transferencias extraordinarias aos concellos «de acordo co esforzo de acollida e tendo en conta a súa dimensión demográfica e capacidade orzamentaria». No conxunto da Ribeira Sacra, incluídos os municipios de Lugo e Ourense, entende que hai capacidade «para a recepción de cincocentos refuxiados».

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas