GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

As institucións máis importantes da colectividade galega en Bos Aires celebraron o Día de Galicia con senllos espectáculos artísticos

(28/07/2015)

As institucións máis importantes da colectividade galega en Bos Aires celebraron o Día de Galicia con senllos espectáculos artísticos

 

O Centro Galego de Bos Aires, a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina e o Centro Galicia de Bos Aires

 

Leo Vellés
Última Actualización Luns, 27 de Xullo de 2015.


Centos de persoas participaron da cea celebrada na sede social do Centro Galicia de Bos Aires.


O presidente do Centro Galicia, José María Vila Alén, destacou que "a unidade, pois, pasa primordialmente por articular accións en común, por complementarse, por colaborar unhas entidades con outras potenciándose reciprocamente, por estar alí onde unha precise da outra e por ter un proxecto en común que nos identifique como comunidade".

"Estamos demostrando que o Centro Galego merece ser salvado e que se non fóra pola intervención xa tería pechado as súas portas", dixo La Blunda



O Centro Galego de Bos Aires, a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina e o Centro Galicia de Bos Aires, as tres entidades máis importantes da colectividade galega en Arxentina, celebraron o Día de Galicia organizando senllos actos culturais nos que a música e os bailes tradicionais foron a ponte emocional para que centos de emigrantes recordasen con alegría, e tamén morriña, a súa terra natal.

O venres 24 de xullo, o Instituto Arxentino de Cultura Galega do Centro Galego de Bos Aires organizou un festival artístico que tivo lugar no Teatro Castelao ante un cheo total do seu aforamento e que contou coa participación das agrupacións de baile e canto de numerosas institucións da colectividade.

Así, logo do ingreso das bandeiras de Arxentina, Galicia, España e a entidade anfitriona e da entoación dos himnos arxentino, galego e español por parte do Coro Polifónico do Centro Galego co sentido acompañamento de todos os presentes, fóronse sucedendo sobre o escenario do Castelao os diversos números artísticos.

Antes de dar inicio o espectáculo, o interventor a cargo da xestión do Centro Galego por parte do INAES (Instituto Nacional de Asociativismo e Economía Social do Goberno arxentino), Carlos La Blunda, dirixiu unhas breves palabras ao público nas que manifestou a súa satisfacción pola gran concorrencia, invitando a todos os presentes "a vivir unha noite de festa, divertirse e pasala ben".

Cunha entusiasta resposta do público, que aplaudiu e vivou cada actuación, pasaron sobre as táboas os conxuntos da Asociación Residentes de Mos, a Fundación Xeito Novo de Cultura Galega, a Asociación Casa de Galicia, a Sociedade Galega de Arantei, Vilamarín e A Peroxa e a Sociedade Parroquial de Vedra, concluíndo o espectáculo cunha nova participación do coro do Centro Galego, que sumou as voces de todos os presentes cun selectivo repaso dalgunhas das pezas máis tradicionais do repertorio galego, e a tradicional queimada preparada polo xornalista 'O Muxo'.

Pola súa banda, o Centro Galicia de Bos Aires celebrou o Día de Galicia e o trixésimo sexto aniversario da súa fundación ao longo de dúas xornadas: o venres 17, coa tradicional Función de Gala no magnífico Teatro Avenida, onde se celebrou un espectáculo artístico do que participaron os conxuntos de canto e baile da institución e numerosas agrupacións de entidades invitadas, e o venres 24 cunha cea na súa sede social.

Durante o transcurso deste último acto, o presidente da institución, José María Vila Alén, brindou un discurso no que se centrou na importancia que revisten para a comunidade galega as súas entidades: "Avogamos por institucións sólidas, abertas e participativas", resaltou, advertindo que sen estas "a colectividade se reduciría á insignificancia".

Nese sentido, recordou que a Lei de Galeguidade fomenta a fusión de institucións, particularmente aquelas que polo seu pequeno tamaño ou reducido número de socios corren o risco de desaparecer, aínda que aclarou que a devandita unión debe realizarse sen perder a individualidade de cada unha delas.

A unidade, pois, pasa primordialmente por articular accións en común, por complementarse, por colaborar unhas entidades con outras potenciándose reciprocamente, por estar alí onde unha precise da outra e por ter un proxecto en común que nos identifique como comunidade. Se somos capaces de levar a cabo actividades e de ofrecer servizos que a sociedade de hoxe demanda, se conservamos os valores herdados e somos fieis ás raíces, se expoñemos á vez tradición e modernidade, entón haberemos de garantir pervivencia e esencia e formaremos parte do futuro sendo o que somos".

Á súa vez, a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina tamén se sumou ás celebracións cun espectáculo artístico levado a cabo no Teatro Bambolinas o sábado 25 de xullo, no que o público gozou dunha nutrida programación que contou coas actuacións da banda de gaitas 'Dúas Beiras e o corpo de baile 'Estróupele' da casa anfitriona; o corpo de música e baile 'Alborada' da Asociación Benéfico Cultural do Partido de Corcubión; a agrupación 'A Revolta Tango' e o conxunto de cantareiras 'Mouchos e Coruxas' do Centro Noia e Rianxo; o corpo de baile do Centro Arzuano Melidense, e a Agrupación Folclórica 'Baixo Miño'.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas