GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Cecilia Vázquez e Rodríguez Miranda reciben a 70 participantes nos programas ‘Conecta con Galicia’ e ‘Escolas Abertas’

(16/07/2015)

Cecilia Vázquez e Rodríguez Miranda reciben a 70 participantes nos programas ‘Conecta con Galicia’ e ‘Escolas Abertas’

 

 
 

En total, nestes programas desenvolvidos pola Secretaría Xeral da Emigración, coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, participan este ano 260 galegos e galegas residentes no Exterior. 

 

A Campaña de Verán do departamento de Traballo oferta en total 8.530 prazas, para destinatarias e  destinatarios a partir dos 9 anos. 

Na imaxe, Miranda e Cecilia Vázquez posan cos e coas participantes dos programas 'Conecta con Galicia' e 'Escolas Abertas' que hoxe chegaron ao aeroporto de Lavacolla (Santiago de Compostela)
 
Na imaxe, Miranda e Cecilia Vázquez posan cos e coas participantes dos programas 'Conecta con Galicia' e 'Escolas Abertas' que hoxe chegaron ao aeroporto de Lavacolla (Santiago de Compostela)

 

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2015.

 

 

Listen to this page using ReadSpeaker

 

 

A directora xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, Cecilia Vázquez Suárez, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañaron esta mañá á súa chegada a Lavacolla a cadanseu grupo de mozas e mozos participantes nos programas ‘Conecta con Galicia’ e ‘Escolas Abertas’.

 

Cómpre destacar que no avión que enlazou desde Madrid a Galicia a estas e estes participantes retornaba precisamente Rodríguez Miranda desde Brasil, onde concluía a súa viaxe para asinar convenios de colaboración en materia socio asistencial con dúas entidades da diáspora, e para achegarse a coñecer a actualidade das comunidades galegas no país carioca.

 

Concretamente, no voo IB3874 chegaron a Lavacolla 31 dos beneficiarios e beneficiarias do ‘Conecta con Galicia’ (30 deles procedentes da Arxentina e 1 do Brasil) e 39 de ‘Escolas Abertas’ (23 de Arxentina, 10 de Uruguai, 3 de Chile, 2 de Estados Unidos, e 1 do Brasil). Sen embargo, o número de integrantes total dos programas –que se irán achegando nas vindeiras datas ata a Galicia territorial- ascende a 180 no caso de ‘Conecta con Galicia’, e 80 no de ‘Escolas Abertas’.

 

No caso da primeira iniciativa, a idade tope marcada na convocatoria é de 30 anos, e no caso da segunda, gran parte das e dos beneficiarios roldan esa idade. Trátase daquela de liñas de acción desenvolvidas polo departamento que dirixe Miranda, e apoiadas por Xuventude, destinadas fundamentalmente á mocidade, e deseñadas para que as segundas xeracións de galegos –algúns xa nados na diáspora- manteñan vivos os vencellos coa terra dos seus pais e avós.

 

‘Conecta con Galicia’
Este ano aumentou un 5 por cento o número de prazas convocadas neste programa, e téñense adiantado os prazos de convocatoria e resolución, para facer máis áxil a xestión aos beneficiarios e beneficiarias. O programa ten como obxectivo fortalecer esas ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra das súas familias e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitas e moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

 

A iniciativa desenvólvese en dúas modalidades. A primeira delas son actividades de aire libre, modalidade da que se beneficiarán 160 mozos e mozas galegos residentes fóra de Galicia, distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos. Este total supón 8 prazas máis ca na convocatoria do ano pasado. Estes 160 beneficiarios e beneficiarias do programa compartirán con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días no mes de xullo, as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar. Nestas instalacións  realizarán dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, os participantes aloxaranse nas residencias xuvenís Lug II de Lugo, e Florentino López Cuevillas de Ourense, onde participarán en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorrerán o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvólvese baixo o paraugas do epígrafe “O mar de Galicia” no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizarán actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.

 

A segunda modalidade son os campos de traballo, para participantes con idade comprendidas entre os 20 e 30 anos. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da cultura galega, da mellora ambiental da contorna, e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico.

 

2’4 millóns
Estas modalidades forman parte da Campaña de verán da Consellería de Traballo e Benestar, que no seu conxunto oferta este ano un total de 8.530 prazas, un 3,2 por cento máis que en 2014. As actividades, que se prolongarán ao longo do verán, favorecerán tamén a contratación de máis de 900 persoas monitoras e directoras de campamentos, que son na súa maioría xente nova.

 

A Xunta inviste 2,4 millóns de euros en desenvolver esta campaña, que inclúe: campamentos para menores de entre 9 e 17 anos, oferta concertada, campos de traballo para maiores de idade, e actividades para maiores de 18 anos. 

 

‘Escolas Abertas’
A través destoutro programa, oitenta cidadáns residentes no exterior acceden á formación especializada en diversas áreas, para despois divulgala nas súas áreas de residencia habitual. A convocatoria deste ano tense adiantado un mes respecto do pasado ano, co obxectivo de facer o máis áxil posible a tramitación das solicitudes, e tamén para outorgar máis tempo aos beneficiarios e beneficiarias, e ás e aos seus docentes, para a planificación da viaxe e das actividades a desenvolver.

 

Trátase dun programa que pretende espallar a cultura, modo de vida e actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e estadía de persoas que transmitirán a súa experiencia propia a moitas e moitos outros nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos. Desta maneira, a Galicia actual dáse a coñecer da maneira máis efectiva e afectiva.

 

As e os alumnos deste programa son, á súa vez, formadores nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega así aos cidadáns da Galicia do Exterior. Coa instrución e mellora de habilidades das persoas participantes na iniciativa, acrecéntase o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nados, fóra da Galicia territorial.

 

Así, e segundo o secretario xeral da Emigración Antonio Rodríguez Miranda, “a formación, a través dos participantes en Escolas Abertas, espállase a decenas de milleiros de alumnas e alumnos polos centros e casas de Galicia no mundo”. Ata o momento, téñense formado directamente nas distintas edicións do programa en torno a 700 persoas, pero cada unha delas transmite despois os seus coñecementos e aprendizaxe aos respectivos alumnados nos centros e casas de Galicia onde imparten as clases.

 

Os cursos que se levan a cabo nesta edición de 2015 consisten en obradoiros de especialización das seguintes modalidades: gaita tradicional galega, baile tradicional galego, canto popular, percusión tradicional galega, e confección de traxe tradicional galego. Cómpre salientar que sempre se trata de obradoiros que teñen unha ampla demanda nas entidades galegas no exterior, criterio básico seguido por Emigración para a convocatoria destes cursos.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas