GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A Feaer culpa a Montoro da "desastrosa" planificación do proceso de regularización de pensións

(10/07/2015)

A Feaer culpa a Montoro da "desastrosa" planificación do proceso de regularización de pensións

 

 

 Redacción, Vigo | 09 Xullo 2015 -

 

A Feaer (Federación Española de Asociacións de Emigrantes Retornados) culpa o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, da "desastrosa planificación" que se fixo do proceso de regularización das pensións procedentes do estranxeiro, ao tempo que lle pide "establecer os medios necesarios" para "paliar" con medidas que consideran "de xustiza" o dano que, ao seu entender, está a sufrir o colectivo".

"De estimalo oportuno, estamos dispostos a que concrete día e hora nos que poidamos facer un intercambio inicial de impresións e poder darlle a mellor solución a esta grave situación", asegura a presidenta da Federación Eva Foncubierta
, nunha carta dirixida ao titular de Facenda, na que fai balance do acontecido nos seis meses de prazo concedidos pola Axencia Tributaria aos pensionistas retornados que debían regularizar a súa situación con Facenda.

Na devandita misiva, Foncubierta
reprocha á Administración os "erros" cometidos durante o proceso, dos que foron alertados altos cargos da Axencia Tributaria nas sucesivas reunións celebradas con representantes da propia Federación e que "non" foron emendados", apostila.

Entre eses erros, a presidenta da Feaer fai mención ao "pouco tempo concedido" aos afectados para acometer o proceso de regularización e que, lonxe de prolongarse os seis meses estipulados, "se reduciu a tres". Entre outras razóns, comenta, porque algúns dos afectados comezaron a recibir as cartas que informaban da regularización a mediados de febreiro e porque a finais de abril, e coincidindo co inicio da campaña de renda, as delegacións provinciais de Facenda "deixaron de atender regularizacións".

 

Tamén alude á solicitude realizada polas asociacións de retornados para conseguir un maior número de aprazamentos nos pagamentos, xa que "unha regularización extraordinaria necesitaba dun aprazamento extraordinario", di. Pero "en ningún momento Facenda considerou un fraccionamento de débeda distinto ao que se concede a calquera outro contribuínte sen avais". Isto é, "non máis de 18 meses e sempre cuns intereses en torno ao 5% ", aclara.

Igualmente denuncia que, dende o Ministerio, se prometeu "un estudo pormenorizado de cada caso e unha sensibilidade especial para co colectivo" de afectados e non se obtivo "nin unha cousa nin outra".

Dende a Feaer tamén se reprocha ao Ministerio que "en ningún momento se admitiu e se aplicou con carácter xeral as sentenzas dos Tribunais Superiores de Xustiza que dan como exentas as rendas procedentes dos organismos de pensións alemás ata o ano 2013", e que a "Axencia Tributaria admite a trámite a excepción cando é solicitada de forma individual e con sentenza favorable dun Tribunal".

Respecto á homologación de pensións de invalidez recoñecidas noutros países, a Federación recoñece que "non" se acometeu de forma regulada e non se facilitou esta acción". É por iso que "os afectados carentes dunha certificación de homologación do INSS, na maioría dos casos tiveron que declarar as pensións de invalidez coma se de pensións de xubilación se tratase, sen poder acollerse por iso ás reducións fiscais contempladas na Lei Tributaria Española", comenta.

Os complementos que perciben os pensionistas que teñen dereito e perciben unha pensión mínima de xubilación tamén é motivo de controversia, xa que, agora, "eses complementos están a ser revisados e anulados" e a Seguridade Social solicítalles a "devolución retroactiva das cantidades que agora se entende como indebidamente cobradas". Isto, sumado ás contías que deben aboar a Facenda suponlles desprenderse de cantidades que "en moitos casos superan os ingresos familiares mensuais", denuncia a Feaer, que sinala, ademais, que por este motivo, algúns deles "tiveron que acudir a entidades de crédito a refinanciar as súas débedas".

 

Por último, a Federación tamén denuncia a situación pola que están a atravesar pensionistas que "por diversos motivos non tiveron a posibilidade de acudir ás oficinas de Facenda". "A todos eles lles espera enfrontarse a expedientes de comprobación que derivarán en sancións e intereses non recorribles", apuntan.

Por todo iso, entenden que, dende o Ministerio de Facenda e do seu máximo representante, "existiu unha desastrosa planificación neste proceso de regularización e ningunha sensibilidade cara ao colectivo, que, segundo aseguran, se senten "desasistidos, desprotexidos" e reciben "un trato discriminatorio con referencia aos pensionistas nacionais".

Co obxectivo de paliar a situación, dende a Feaer recoñécese que iniciaron contactos cos líderes políticos coa idea de establecer un posible cambio na Lei Fiscal para que "as pensións do estranxeiro teñan un tratamento especial".

"Queremos establecer diferentes compromisos electorais xa que consideramos que existen aspectos que se poderían solucionar, unicamente cun pouco de sensibilidade e vontade política," conclúe Foncubierta.

 

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas