GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Máis de 30.000 persoas emigraron a outros países ou comunidades no 2014

(16/06/2015)

Máis de 30.000 persoas emigraron a outros países ou comunidades no 2014

 

Das 10.292 que deixaron Galicia polo estranxeiro, 5.750 naceran fóra

 

Santiago / La Voz, 16 de xuño de 2015.

 

 
 

A macroeconomía presenta mellor cara, pero a recuperación deses indicadores aínda non frea a trasfega de persoas que salguen de Galicia para fixar a súa residencia noutros países ou comunidades autónomas. As cifras son aínda moi significativas, porque esa mobilidade implica un xiro nas vidas de máis de 30.000 persoas que cada ano abandonan algunha das catro provincias. Esta barreira volveu pasarse no 2014, cando 30.154 residentes deixaron Galicia para asentarse no estranxeiro (10.292 persoas) ou noutras comunidades autónomas (19.862). Estes traslados forman parte do balance de variacións residenciais que onte difundiu o Instituto Nacional de Estatística (INE), e que cifra en 2.279 os residentes que Galicia perdeu durante o ano pasado.

 

Os datos referidos a emigración revelan que, en relación co ano anterior, 553 persoas menos deixaron esta comunidade ao longo do 2014 para fixar a súa residencia fóra. O cómputo do INE denota unha caída notable do número de persoas que saíron de Galicia para residir no estranxeiro. Das 11.739 que se decidiron por esa opción no 2013 pasouse a 10.292 no 2014. Pero ese recorte tivo un impacto menor no balance xeral de saídas. A explicación está en que o ano pasado aumentaron os residentes en Galicia que se trasladaron a vivir a outras comunidades. No 2013 foron 18.970, pero durante o 2014 aumentaron ata 19.862. En definitiva, redúcese lixeiramente a emigración galega ao estranxeiro, pero crece a que ten como destino outras provincias españolas.

 

Con todo, desa mobilidade participan distintos factores. Entre os que afloran na estatística do INE, un dos máis evidentes é o que pon en relación eses fluxos residenciais co país de orixe das persoas implicadas. Así, das 10.292 que o ano pasado cambiaron o seu domicilio en Galicia por outro fóra de España, 5.750 persoas naceran no estranxeiro. Isto remite a outro tipo de mobilidade, máis relacionada cun retorno de inmigrantes aos seus países de orixe motivada pola crise. Aínda que o balance corrobora que o maior número de movementos é de persoas que cambian de domicilio dentro de Galicia. É unha mobilidade laboral interior.

 

2.279 residentes menos

 

O INE recolle no seu informe que Galicia rexistrou 88.396 altas residenciais no 2014, e 90.675 baixas (45.907 homes e 44.768 mulleres). Estas cifras arroxan ese saldo de 2.279 residentes menos, un resultado algo mellor que o do 2013, cando esta comunidade perdeu ata 2.833 residentes.

 

Entre as 88.396 persoas que o ano pasado fixaron a súa residencia en Galicia hai 10.377 que naceron no estranxeiro. E das 90.675 que deixaron esta comunidade para domiciliarse noutros países ou provincias do Estado, 13.972 naceran fóra. En comparación co 2013, Galicia rexistrou o pasado exercicio case 500 altas máis de persoas que trasladaron a súa residencia a algunha das catro provincias. Aínda que tamén aumentou en 200 o número de residentes que optaron por coller as maletas.

 

60.000 cambios de residencia tiveron como destino outros concellos galegos

 

O último informe do INE mostra que 60.521 dos 90.675 baixas residenciais contabilizadas en Galicia o ano pasado debéronse a cambios de residencia a outros municipios da comunidade. A cifra é algo maior que a rexistrada no 2013, cando os movementos residenciais entre as catro provincias galegas afectaron a 59.766 persoas sobre un total de 90.475 que causaron baixa como residentes nesta comunidade durante ese exercicio.

 

 

 

Peor saldo en seis comunidades

 

 

A pesar de que o saldo de movementos residenciais de Galicia (con 2.279 baixas máis que altas no 2014) está entre os peores desde que, en 1998, o INE comezou a elaborar esta serie estatística, mellora os doutras seis comunidades. Á cola sitúanse a Comunidade Valenciana (que o ano pasado contabilizou 19.456 baixas residenciais máis que altas), Castela-A Mancha (13.620), Castela e León (8.753), Cataluña (5.539), Asturias (4.082) e Estremadura (3.485). Neste grupo hai comunidades que comparten con Galicia o drama da crise demográfica que ameaza o seu futuro, como as veciñas de Asturias e de Castela e León, e Estremadura. Pero tamén hai outras comunidades con maior capacidade para atraer man de obra inmigrante, como Cataluña e a Comunidade Valenciana. Nestes casos, o saldo residencial negativo parece apuntar en maior medida a un proceso de retorno aos seus países ou comunidades de orixe de persoas afectadas pola conxuntura económica adversa.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas