GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A UE pide apoio militar á ONU para combater a inmigración ilegal

(12/05/2015)

A UE pide apoio militar á ONU para combater a inmigración ilegal

 

«Asumimos responsabilidades e trabamos duro e rápido, pero non podemos facelo sos», asegurou a xefa da diplomacia europea no Consello de Seguridade

 

Nova York / Correspondente, 12 de maio de 2015.

 

 

 

 

«Non podemos facer isto sos», dixo onte no Consello de Seguridade da ONU Federica Mogherini. A alta representante de Política Exterior da Unión Europea viaxou a Nova York para pedir ao organismo un mandato que permita a Europa pór en marcha o seu plan para combater militarmente ás bandas de traficantes de inmigrantes que operan no Mediterráneo.

 

O principal obstáculo co que se atopa a UE para combater o tráfico de persoas é a intervención en territorio libio, o seu principal foco de actuación aproveitando a situación de caos, desgoberno e conflitos armados que se instalou tras o derrocamento de Gadafi. Un inconveniente que quedaría legalmente resolto co mandato das Nacións Unidas.

 

A alta representante cre que conseguiu convencer os máis remisos dos membros do Consello de Seguridade, Rusia e China . Aínda que para iso, a UE deberá, probablemente, esquecerse do principal dos obxectivos do seu plan: destruír os barcos dos traficantes, ao que Rusia se opón co argumento de que moitos foron roubados e os seus patróns non saben o uso que se lles está dando. A pesar desas reticencias, que Mogherini xa coñecía, no seu discurso non deixou de recordar que ese é un dos obxectivos do plan, sempre «que non haxa ningunha dúbida de que os barcos están baleiros», asegurou.

 

A responsable da política exterior dos Vinte e oito garantiu aos membros do Consello, entre os que está España, que os inmigrantes rescatados «non serán devoltos aos seus países en contra da súa vontade». Precisamente, o representante especial da ONU para a Inmigración asegurou que a metade dos inmigrantes que chegan ilegalmente á UE poderían recibir o status de refuxiados.

 

Mogherini detallou o problema da inmigración no Mediterráneo ao que se enfronta a UE. «Trátase de salvar vidas», defendeu ante os membros do Consello. No que vai de 2015, e segundo os datos do Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados, máis de 1.800 inmigrantes morreron no Mediterráneo mentres trataban de chegar ilegalmente a Europa, unha cifra que multiplica por 20 a de todo o ano pasado.

 

A OTAN non intervén

Pola súa banda, o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, asegurou onte en rolda de prensa en Bruxelas que a organización que dirixe apoia «totalmente» o plan da UE e defendeu a necesidade dese mandato da ONU para levalo a cabo, pero afirmou que a OTAN non intervirá. A razón, que se trata de actuar en augas territoriais libias. A OTAN liderou a campaña internacional para derrocar a Gadafi, tras o que as tropas se retiraron deixando o país nun estado de caos. A súa participación nunha nova operación alí non sería vista con bos ollos.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas