GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

"As ganas de ter un futuro en Europa son maiores que o medo"

(21/04/2015)

"As ganas de ter un futuro en Europa son maiores que o medo"

 

Novas alertas de naufraxio elevan a tensión fronte ás costas italianas


Pablo Ordaz Catania
21 ABRIL 2015 -




Equipos de emerxencia no porto de Catania. / Atlas



Se hai motivos para a esperanza, este luns era moi difícil encontralos no porto de Catania. As noticias que ían chegando durante a longa espera da nave que traía dende Malta a 27 dos 28 superviventes do gran naufraxio do domingo achados ao norte de Libia -un pesqueiro ocupado por centos de persoas que fuxían de África envorcou cando ían ser auxiliados- non podían ser máis desalentadoras. A ilusión, aínda que mínima, de encontrar máis sobreviventes íase extinguindo, as alertas de novos naufraxios ao longo do Mediterráneo multiplicaban a sensación de impotencia ante a traxedia infinita e, para rematar o desacougo, confirmábase -a través dunha operación da policía de Palermo- a extrema crueldade dos traficantes de homes.

Algúns ocupantes agarráronse a cadáveres para manterse a flote

Durante horas, as decenas de xornalistas apostados sobre o peirao de Catania fixéronse uns a outros, sen esperanza de resposta, a mesma pregunta: " Acórdaste de Lampedusa? ". Aquela cuestión era en realidade a resposta: nada, absolutamente nada, cambiou dende que, a principios de outubro de 2013, dous naufraxios sucesivos encheron de cadáveres de homes, mulleres e nenos, moitos nenos, o aeroporto da illa. Dende entón ata agora pasou ano e medio e miles de mortos máis. A similitude dos dous escenarios -o barco que se achega cargado de morte, os fotógrafos disparando as súas cámaras, o pequeno grupo de veciños compunxidos, os políticos locais con caras de circunstancia- era desolador. " En que porto nos veremos a próxima vez? ".

Ribka está seguro de que a traxedia se repetirá. Ten 28 anos, era mestre no seu país ata que, hai agora dous anos, decidiu intentar a aventura. "Eu sabía que podía morrer", asegura sentado xunto ao taller de Catania no que, de cando en vez, lle deixan que faga a limpeza a cambio dun xornal. "Todos sabemos que podemos naufragar, resultar feridos ou que nos devolvan deseguida ao noso país, pero as ganas de deixar de sufrir alí, de ter un futuro en Europa, son moito maiores, afirma.

Ribka tamén embarcou nun pesqueiro nas costas de Libia, pagou máis de 1.200 euros aos traficantes e tivo a sorte de ser auxiliado e de chegar san e salvo a Lampedusa. Agora espera reunir algo de diñeiro para alcanzar os seus familiares en Holanda. "Pero cada vez que se produce unha traxedia como esta", engade sinalando o xornal, "sinto unha angustia moi grande".

No xornal italiano aparecen, cun nivel de detalle que chega a humedecer os ollos de Ribka, as penurias vividas polos superviventes. "Logramos manternos con vida", declararon á garda costeira italiana algúns deles, "porque nos agarramos aos cadáveres que flotaban para non nos afundir. Dáse a circunstancia de que, como noutras catástrofes anteriores, todos os superviventes son homes e mozos; talvez os únicos coas forzas necesarias para esperar a chegada dos equipos de rescate. Un dos 28 superviventes -o que foi trasladado en helicóptero a Catania polo seu delicado estado de saúde- asegurou que na embarcación "ían 950 persoas, entre elas as 40 ou 50 nenos e 200 mulleres".

Ata agora barallárase unha cifra de 700 vítimas, o que sitúa sen dúbida a catástrofe do domingo como a maior rexistrada xamais no Mediterráneo. Non obstante, as autoridades italianas esperarán aos próximos días para facerse unha idea máis aproximada do sucedido. Carlotta Sami, a voceira do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), declarou que espera coñecer pronto máis detalles do número de afectados. "Pero do que non temos ningunha dúbida é de que había moitas mulleres e nenos no barco", engadiu.

A chegada dun novo grupo de inmigrantes a Grecia e a noticia de que outros dous barcos se encontraban sen rumbo no Mediterráneo provocaron sobre o peirao de Catania a sensación dunha traxedia sen fin. Unha catástrofe provocada polos desexos de fuxir da pobreza ou da guerra de miles de africanos, pero tamén pola falta de capacidade dos países europeos para encontrar unha solución conxunta. De todo iso aprovéitanse con infinita crueldade os traficantes de homes, "os escravistas do século XXI", como os denominou o domingo o primeiro ministro italiano, Matteo Renzi.

A policía de Palermo informou da detención dunha rede que se lucraba cos inmigrantes de África. Entre os 24 detidos, irmáns que devoran os seus irmáns, encóntranse un etíope, un eritreo, un marfilés e un ghanés. A un dos arrestados óeselle dicir nunha conversación telefónica: "Din de min que fago subir sempre demasiados ás barcazas, pero son eles os que queren partir rápido e eu conténtoos ". Ao fío da media noite, a nave da Garda Costeira chegou a Catania cos superviventes. Entre eles, e en calidade de detidos, un tunecino e un sirio aos que a policía italiana acusa de ser os traficantes.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas