GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Miranda asina en Venezuela un acordo para atención social e sanitaria básica a maiores galegos e galegas en risco de exclusión

(30/03/2015)

Miranda asina en Venezuela un acordo para atención social e sanitaria básica a maiores galegos e galegas en risco de exclusión

 

 
 

O acordo, dotado con 50.000 euros, ten por beneficiarios a aqueles paisanos e paisanas en situación máis desfavorecida.

O secretario xeral da Emigración mantivo asemade unha reunión co conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España, Juan Santana, para coñecer a situación actual das galegas e galegos que están e estiveron residindo en Venezuela.

  • O secretario xeral da Emigración (no centro da imaxe) durante o acto de sinatura do acordo
    O secretario xeral da Emigración (no centro da imaxe) durante o acto de sinatura do acordo

 

 

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2015.

 

Listen to this page using ReadSpeaker

 

 

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e mailo presidente executivo da Fundación España Salud, Francisco González Otero, veñen de asinar un convenio de colaboración entre as entidades que dirixen para contribuír á atención das necesidades socioasistenciais básicas das e dos cidadáns galegos residentes en Venezuela.

A Fundación España Salud comprométese a prestar asistencia sanitaria ambulatoria especializada, hospitalaria, e tamén farmacéutica, a cidadás e cidadáns galegos residentes en Venezuela, maiores de 65 anos e que non dispoñan de rendas superiores ao subsidio previsto para as persoas beneficiarias residentes en Venezuela do Seguro Obligatorio de Vejez e Invalidez polo Estado español para 2014, e que por razóns de idade, estado físico e situación de carencia, necesiten a cobertura das citadas necesidades.

Por mor do convenio, dotado con cincuenta mil euros, establécense as condicións para achegar esa atención, que tamén inclúe dispensa de medicamentos, prestacións e servizo de axuda a domicilio, ou plan de hospitalización e cirurxía se fosen necesarias, para aquelas persoas que non contan con recursos abondo para sufragalas.

Axuda a quen máis o necesita
Sumando diversas liñas de axudas individuais, acordos para atención sociosanitaria con entidades que traballan neste ámbito, e outros programas da Secretaría Xeral da Emigración, este departamento ten investido ao longo do pasado ano 2014 –último exercicio orzamentario executado, sendo similar a previsión para 2015- en accións asistenciais, sociais e culturais en Venezuela un total de 600.000 euros.

Ademais de axudar no coidado ás e aos maiores galegos residentes en Venezuela, e froito da colaboración e o intenso labor das comunidades galegas a pé de campo, Emigración axuda ás galegas e galegos residentes con unidade familiar en situación de precariedade; con situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar; con invalidez ou enfermidade permanente; sen cobertura abondo de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves; a mulleres que sofren violencia de xénero; e as situacións de risco de exclusión social por desemprego na unidade económica familiar; entre outras casuísticas amparadas polos programas e liñas de axuda da Secretaría Xeral, e que se desenvolven precisamente grazas ao esforzo das traballadoras e traballadores, e socios e socias en xeral, das comunidades galegas asentadas en todo o territorio da República Bolivariana.

Son, en definitiva, as e os propios galegos en Venezuela quen posibilitan que as axudas individuais, as de emerxencia social, así como os programas Conecta con Galicia, Reencontros na Casa, Reencontros na Terra, Escolas Abertas, Campamentos de Verán, obradoiros e seminarios, etc., sexan unha realidade para as e os beneficiarios residentes naquel país. Tanto na capital, Caracas, como noutras poboacións de relevancia da República, as comunidades galegas desenvolven tarefas de apoio para facilitar os requisitos administrativos ás persoas beneficiarias destes programas sociais de Emigración.

Na ‘Hermandad’
Miranda asinou o convenio coa Fundación na sede da ‘Hermandad Gallega de Venezuela’ en Caracas, a máis destacada e senlleira da decena de comunidades galegas con presenza na República, en cuxa sede o secretario xeral da Emigración puido compartir con socias e socios, e xunta directiva, a actualidade da situación no país.

A Hermandad non só desenvolve tarefas de apoio para facilitar os requisitos administrativos ás persoas beneficiarias dos programas sociais de Emigración, tanto asociadas como non, e ademais realiza labores de pescuda de galegas e galegos en situación de precariedade, tanto na capital coma noutras poboacións, tarefa que resultaría inviable sen a súa activa colaboración, que a Xunta recoñece e valora.

Con 9.000 familias galegas asociadas directas, que implica a utilización das instalacións practicamente a diario por preto de 30.000 persoas, a Hermandad supón un dos máis importantes referentes na historia da diáspora galega e, aínda na actualidade, o punto de encontro por antonomasia para as e os galegos, e os seus descendentes.

Reunión con Santana
O secretario xeral da Emigración mantivo asemade unha reunión co conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España, Juan Santana, para coñecer a situación actual dos galegos e galegas que están e estiveron residindo en Venezuela. Trátase dunha nova reunión que forma parte do permanente contacto que se mantén desde a Xunta de Galicia coas legacións diplomáticas españolas nas áreas onde hai unha colectividade galega significativa para coñecer a situación real das e dos galegos en cada momento.

A Xunta de Galicia realiza de maneira continuada xestións conxuntas co Goberno de España –a quen corresponde en exclusiva a competencia en materia de relacións exteriores con gobernos estranxeiros- para actualizar a información sobre o desenvolvemento das comunidades galegas en cada país, e atender o máis axiña posible as súas necesidades.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas