GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Pilar Manso: "A alta tolerancia cara ao comercio sexual favorece a trata"

(24/11/2014)

Pilar Manso: "A alta tolerancia cara ao comercio sexual favorece a trata"

 

 

A fiscal coordinadora de estranxeiría, Pilar manso López, fala sobre o que ela considera a "escravitude do século XXI

Pilar Manso.

Pilar Manso.

Monchi Sánchez 23/11/2014
La Región


A Fiscalía de Ourense está a traballar de novo, afrontando múltiples dificultades, na loita contra a trata de seres humanos a través de procesos penais moi longos onde o principal cabalo de batalla é gañar a confianza das vítimas, principalmente mulleres e nenos, para poder protexelas. Persoas que son obrigadas a prostituírse ou a exercer a mendicidade, empregando violencia, intimidación ou engano, en condicións que atentan contra a dignidade persoal. A fiscal coordinadora de estranxeiría, Pilar Manso López, fala sobre o que ela considera a "escravitude do século XXI", e que en Ourense
se traduciu nos últimos dous anos na incoación de catro procedementos penais dous por dilixencias de investigación da propia fiscalía.

Cal é a realidade da trata de seres humanos detectada pola Fiscalía en Ourense
?

Presentáronsenos denuncias de persoas ás que convenceron de que aquí ían encontrar o paraíso terreal, exercendo a mendicidade ou ofrecéndolles un posto de traballo, e cando chegan quítanlles o pasaporte, ábrenlles unha conta, danlles un móbil para telas controladas mentres, por exemplo, piden esmola ás portas dun supermercado, exercendo a mendicidade ata 14 horas ao día, para entregar despois o recadado á xente que as trae. Ou asuntos de rapazas de Hispanoamérica ou África que, a través dunha ruta determinada, que as mafias van cambiando constantemente, traenas para exercer a prostitución en condicións contra a súa vontade. Déronse supostos de telas encerradas, dándolles malleiras, ameazas... Os asuntos de trata que nos chegan non significa que sexan obrigadas nun prostíbulo de Ourense senón que poden estar en centros de acollida de aquí e deciden falar polo labor realizado pola brigada de estranxeiría, Ongs e a Fiscalía de Ourense
.

Que avances se produciron en España en relación coa loita contra o tráfico de persoas?

A reforma do Código Penal no artigo 177 bis, que contempla unha regulación moi ampla; a modificación da Lei e regulamento de estranxeiría e o Protoloco marco de Protección da vítima de Trata. é importante sinalar que as medidas de carácter asistencial son aplicables a todas as vítimas independentemente de que sexan nacionais ou comunitarias ou estranxeiras, con ou sen papeis.

España está á altura das esixencias internacionais en material de protección ás vítimas?

Si, a Lei de estranxeiría e o regulamento prevén a concesión ás vítimas do período de reflexión, en consonancia coa lexislación europea, e do mesmo modo se prevé a posibilidade de que poidan solicitar un permiso de residencia ben por colaboración coas autoridades españolas na investigación ou persecución do delito, ben por motivos persoais, neste caso aínda sen esa colaboración. Nesta materia, España cumpriu coas esixencias internacionais, aínda que sempre hai que seguir traballando e mellorando.

Considera que as reformas lexislativas son suficientes?

As reformas de carácter lexislativo son suficientes. Non fan falta máis leis nin regulamentos nin protocolos. O que fai falta é que os instrumentos que xa existen se divulguen axeitadamente para que saiban, por exemplo, que non se lles vai expulsar polo feito de denunciar. Á marxe das cuestións lexislativas, si sería necesario que se dotase economicamente a apertura e funcionamento de máis centros de acollida, non só para mulleres senón sobre todo para varóns e menores que captan para o exercicio da mendicidade. É unha carencia importante.

Cales son os principais problemas cos que se enfronta un fiscal na persecución do delito?

Problemas de proba, porque os tribunais adoitan basear a proba no testemuño da vítima. Non debería ser así, pero é. Hai que facer un esforzo por atopar máis probas que poidan fundamentar unha condena, aínda no caso de que as vítimas se retracten. Deberiamos ter en conta a situación de especial vulnerabilidade, o medo, a vergoña a denunciar ou as consecuencias, porque pensan en se as súas familias sufrirán represalias. Teñen medo a enfrontarse a unha organización e cren que poden ser expulsados. No caso das africanas, ameázanas mesmo con facerlles vodú, tan sequera necesitan darlles malleiras para sometelas. Contáronnos casos descarnados de encerros en covas día e noite, violacións nos traslados entre poboados, mulleres camiñando tres días por desertos... Ademais, non confían na policía polo concepto que teñen nos seus países da autoridade.

Como se compensa ás vítimas de trata de seres humanos?

O fiscal está obrigado a solicitar a indemnización nos escritos de cualificación de trata e, se a peza de responsabilidade civil foi tramitada axeitadamente polo xuíz instrutor, bloqueando as contas dos tratantes, non debería haber problema para que as que vítimas cobraran. Nas indemnizacións, téñense en conta os prexuízos e secuelas psicolóxicas que sofren. Todas elas, están destruídas.

Cales son os principais países de orixe das vítimas detectadas en España?

Segundo o datos de 2013, Romanía, China e Paraguai son os países de orixe das vítimas de trata para a explotación sexual. No caso da trata para mendicidade, o 100% son romanesas. En canto á explotación laboral en talleres clandestinos ou algún restaurante, os países de orixe son Romanía, Paquistán e Marrocos. En Ourense, nos casos detectados de trata, as vítimas eran de santo Domingo.

Que incidencia ten a trata para a explotación sexual?

Mentres que a explotación sexual ocupa o 90%, o outro 10% restante é trata para explotación laboral e mendicidade. Isto está relacionado coa alta tolerancia cara ao comercio sexual que hai en España así como da absoluta carencia de criterio respecto a que facer co fenómeno da prostitución, que nin está regulada nin prohibida, xerando un ámbito de clandestinidade a todos os niveis que resulta perigoso. Ademais, a prostitución exercida en pisos, aos que non podes entrar doadamente, pode dar lugar á explotación de menores.

Cales son os retos pendentes?

No caso de Ourense, estou moi contenta porque tanto a brigada de estranxeiría como as Ongs, como, por exemplo, Cáritas e as Adoratrices, contribúen ao 100% coa fiscalía. En cada un dos distintos campos, debe haber especialistas que saiban como abordar o tema.

 

 

 

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas