GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Miranda di que a cifra de nacidos en Galicia residentes no estranxeiro baixou en 5.694 persoas dende 2009

(24/10/2014)

Miranda di que a cifra de nacidos en Galicia residentes no estranxeiro baixou en 5.694 persoas dende 2009

Redacción, Santiago

 

| 23 Outubro 2014 - Crónicas da Emigración

Rodríguez Miranda, durante su participación en el seminario sobre nuevas movilidades.
Rodríguez Miranda, durante a súa participación no seminario sobre novas movilidades.

O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, clausurou este mércores o seminario 'Novas movilidades nun contexto de crise. Retos da Emigración para a sociedade galega', que se desenvolveu na sede do Consello da Cultura Galega, organizador desta cita.

Antes da clausura oficial, Miranda ofreceu unha conferencia baixo o título 'Reflexións sobre a Galicia exterior: galeguidade
, emigración e cidadanía', na que o máximo responsable autonómico nesta materia explicou as diferenzas, sinaladas por todos os expertos nacionais e internacionais, entre o concepto tradicional de emigrante e os novos movementos migratorios, formados por grupos heteroxéneos en moitos aspectos, tales como a procedencia xeográfica, o nivel formativo, ou as motivacións no seu cambio de residencia, entre outros.

Na súa intervención, Miranda recordou que a porcentaxe de galegos residentes no estranxeiro e nacidos na Galicia territorial descendeu dende o 41% de 2009 ata o 31% de 2014, ou o que é o mesmo: só 3 de cada 10 galegos inscritos como galegos no PERE
(Padrón de Españois Residentes no estranxeiro) naceu en Galicia.

O secretario xeral afirmou que "dos 477.181 galegos residentes no estranxeiro, o 67,40% son nacidos no estranxeiro, fronte a un 31% nacidos en Galicia; pero é que ademais dos 157.998 cidadáns nacidos en Galicia, o 0,89% teñen menos de 16 anos, o 38,87% teñen entre 16 e 64 anos, e o 60,22% teñen máis de 64 anos. Dende a visión cuantitativa o sector poboacional galego que demanda máis atención non é o dos mozos e mozas galegos emigrantes, senón precisamente o dos maiores".

 

Matices fundamentais

Outro dato que deixa ás claras ata que punto non se pode identificar aumento de inscritos no PERE co número de emigrantes en sentido tradicional é a comparación entre países con maior aumento de inscritos respecto da porcentaxe de galegos anteriormente inscritos nalgunha provincia da Galicia territorial. Así, en 2013, e por aumento "bruto", subiu o número de galegos en Arxentina (5.501), Cuba (4.275), Brasil (2.256), Venezuela (1.924) e Suíza (1.474); pero este quinto país encabeza en cambio a lista de galegos nacidos en Galicia que se rexistraron no estranxeiro en 2013: Suíza (684), Venezuela (375), Arxentina (367), Estados Unidos (que tampouco aparecía na lista "bruta", 337), e Reino Unido (o mesmo, 352).

"O que é necesario facer é dar a dimensión axeitada a este fenómeno na súa realidade numérica. A maior parte das novas incorporacións de cidadáns galegos no exterior non son producidas por un incremento da emigración de galegos procedentes de Galicia, senón polos procesos de obtención ou recuperación da nacionalidade", destacou Miranda.

Seguindo as conclusións da maioría dos expertos na materia, o secretario xeral de Emigración afondou na natureza dos conceptos de galeguidade, emigración e cidadanía, tanto dende unha perspectiva histórica como actual, co fin de poñer foco nas análises que se realizan na actualidade sobre os fenómenos migratorios dende Galicia. Neste sentido, e fronte á concepción tradicional como sinónimos dos conceptos de emigrante e cidadán residente no exterior, Miranda subliñou na súa intervención que, "entre os anos 2009 e 2014 os cidadáns galegos residentes no estranxeiro e nacidos en Galicia diminuíron en 5.694 persoas, mentres os cidadáns galegos residentes no estranxeiro e nacidos noutros países aumentaron en 103.226 persoas".

"Dende o ámbito da comunicación, do político e do económico, estamos a valorar e -ás veces- cuantificando a saída de cidadáns galegos cara á emigración de modo lineal e integrador, sen ter en conta as realidades antes apuntadas," resumiu o secretario xeral de Emigración, quen instou á correcta interpretación das estatísticas sobre a materia.

Neste sentido, destacou que os datos do Instituto Español de Estatística (INE) sobre o fluxo migratorio español cara ao estranxeiro de nacidos en España en 2013 mostran que Galicia é a única das grandes comunidades autónomas en número de residentes no exterior na que diminuíu o número de saídas cara ao estranxeiro.



Espazo común

A xeito de conclusión, Miranda destacou que non estamos a vivir un novo ciclo migratorio con saídas masivas da poboación galega, procedente de Galicia, cara ao exterior, coincidindo cos datos e valoracións dos expertos que participaron nestas xornadas anteriormente. Emigración hai, e seguirá habendo. É máis: se hai unha consolidación da Unión Europea e do seu espazo de mobilidade o futuro mostra unha intermobilidade no espazo europeo máis ampla, con maior número de cidadáns galegos vivindo, estudando e traballando noutras rexións europeas e noutros países do concerto internacional, e tamén máis cidadáns doutros países europeos vivindo en Galicia. Opoñerse a esta realidade e a este futuro é ir contra a lóxica dos tempos e contra a integración plena de Galicia no seu espazo natural de desenvolvemento".

Por iso, o responsable autonómico en materia de Emigración finalizou asegurando que, posto que "as nacións responsables constrúen o seu futuro dende o que son, é importante que coñezamos o noso presente, e neste caso noso presente migratorio e de mobilidade para planificar o noso futuro; e nel, non me cabe dúbida, a nosa poboación asentarase nun espazo común que é Europa".

 

Conferenciantes

Coa charla de Miranda e o debate e clausura oficial posteriores, rematou un seminario que durante dúas xornadas reuniu especialistas de España e Portugal. O martes interviñeron o catedrático de Socioloxía da UniversidadeCoruña Antonio Izquierdo e o subdirector do Centro de Estudos Demográficos e profesor de Xeografía na Universidade Autónoma de Barcelona, Andreu Domingo, en horario de mañá. Xa pola tarde, falou a científica titular no CSIC Amparo González Ferrer, e despois o xefe de Gabinete da Secretaría Xeral de Emigración, Ildefonso de la Campa, e a profesora da Universidade de Compostela Obdulia Taboadela, moderados pola coordinadora das xornadas, Laura Oso, tamén docente na Coruña. Finalmente, o mércores pola mañá, e xusto antes de Miranda, falou o profesor da Universidade de Lisboa Jorge Malheiros.

Foron variados os enfoques sobre os diversos aspectos vinculados á diáspora. Así, Izquierdo falou sobre 'Movilidades e migracións: tendencias, actitudes e explicacións'; Domingo sobre 'Novas movilidades. Tipoloxía e estimación de magnitudes á luz das fontes estatísticas'; González sobre 'Inmigración, emigración e nacionalidade: fronteiras difusas'; De la Campa e Taboadela sobre 'Movilidades actuais no contexto europeo: estudos de caso'; e Malheiros sobre 'As novas migracións entre o Sur e o Norte de Europa: cadro de fluxos e respostas políticas'. Miranda pechou cunha sexta conferencia de 'Reflexións sobre a Galicia exterior: galeguidade, emigración e cidadanía'.

 

 

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas