GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A saída de enfermeiros ao estranxeiro elévase un 33 % en tan só un ano

(29/09/2014)

A saída de enfermeiros ao estranxeiro elévase un 33 % en tan só un ano

Os colexios denuncian irregularidades nos contratos de Alemaña

 

 

Tarefas propias de auxiliares de enfermería ou empregados de fogar, contratos precarios, e multas superiores a seis mil euros se queren buscar un traballo con mellores condicións. Así se atopan algúns enfermeiros españois que decidiron irse a Alemaña despois de que o país xermano viñese buscar titulados en España. No Consello Galego de Enfermería non teñen queixas oficiais, pero certo é que hai constancia do malestar, e tamén que cando un titulado galego traslada o seu expediente ao estranxeiro, as denuncias fanse xa a través doutros organismos.

Os diplomados e graduados galegos en enfermería seguen optando pola emigración como unha das saídas á actual situación de desemprego. No 2013 un total de 72 titulados fóronse a outros países, un 33 % máis que o ano anterior, cando emigraran 54. En oito meses do 2014 xa solicitaron o traslado de expediente a outros países 62, o que reflicte que a cifra seguirá subindo. Certo é que Alemaña non é o destino máis elixido polos galegos, que prefiren ir ao Reino Unido, «alí están ben considerados e hai moitos titulados», di Sergio Quintairos, presidente do Consello Galego de Enfermería. No colexio de Lugo nos últimos anos non teñen constancia de que ninguén se foi a Alemaña, senón que o principal destino foi con diferenza Reino Unido, aínda que tamén houbo titulados que se marcharon a Noruega , Francia ou incluso fose de Europa.

A situación dos enfermeiros en Alemaña levou tanto ao Consello Xeral de Enfermería como ao sindicato que representa a este colectivo, Satse, a esixir ao Goberno central medidas urxentes. Desde os colexios profesionais denunciarán ante o embaixador alemán en España, ante o Ministerio de Traballo e ante o Parlamento Europeo a situación destes graduados, con salarios ata un 40 % inferiores aos seus compañeiros alemáns, cláusulas que os obrigan a cambiar de centro de traballo incluso noutra cidade, multas por deixar o emprego, ou tarefas que non teñen nada que ver coas sanitarias.

Hai uns días precisamente reuníronse os representantes dos colexios de enfermería en Madrid para abordar este tema. Sergio Quintairos, do consello galego, asegura que é unha situación que se daba desde hai anos en Italia, aínda que con titulados doutros países, e agora ocorre en Alemaña e ten ao colectivo de enfermeiros españois como unha das súas principais vítimas. «Teñen que facer de todo e engánanos. Fan labores ata de empregados de fogar», explica. Quintairos denuncia ademais que o engano chega incluso ao económico, xa que en ocasións deben facer cursos de idiomas que custean do seu peto e tamén deben pagar cursos de adaptación ás novas tarefas que terán que desempeñar. «Queixámonos ao Goberno alemán. Dixeron que tomarán nota e tratarán de mirar que irregularidades hai», sostén.

Tamén o sindicato Satse reclamou aos ministerios de Sanidade e Emprego que actúen ante o número cada vez maior de enfermeiros que emigran a Alemaña e unha vez alí denuncian irregularidades. Satse coincide nas queixas, con tarefas propias de asistentes de fogar, traslados a cidades non acordadas, ou multas económicas cando queren renunciar ao seu contrato de traballo.

 

Un colexiado de volta

Aínda que desde os colexios galegos non teñen constancia oficial das queixas, no de Pontevedra si aseguran que un dos seus colexiados que emigrara a Alemaña acaba de regresar a Galicia, xa que a empresa non cumpriu coas condicións que lle explicaron ao formalizar o contrato.

 

«Eu estou contento, pero somos coidadores, non enfermeiros»

-¿Por que decidiu marchar?

-Acabei a carreira no 2008 e desde entón sempre traballei abondo como para vivir independente. Sempre me chamaron, e ademais tiven sorte porque era para a mesma unidade. Facía substitucións seis meses ao ano no Sergas, pero no último so traballei dous meses, así que decidín marchar.

-¿E por que Alemania?

-Foi a miña primeira opción. Alemania era onde máis demandaban e máis facilidades daban para aprender o idioma. Eu tiña o nivel más básico, que é bastante baixo, e esixen o nivel b ou intermedio. Fun con oito galegos máis e outros dous enfermeiros de outras comunidades.

-¿Traballa nun hospital público, nunha residencia de maiores...?

-Traballo nun domicilio coidando a unha persoa. Estamos catro enfermeiros as 24 horas ao día. Traballamos en quendas de 12 horas. O traballo é bastante aburrido e diferente ao que fas aquí.

-¿É un traballo de enfermeiro?

-Somos coidadores, non enfermeiros. O traballo é máis ben de auxiliar de enfermería.

-¿E as condicións?

-No meu caso as condicións son moi boas. O salario si se corresponde cun enfermeiro e ademais págannos o piso e dannos cen euros cando queremos viaxar á nosa casa. Tamén temos algúns días máis de vacacións.

-É dicir, non ten pensado volver a curto prazo.

-Non, a medio prazo non penso volver, alí teño máis estabilidade. Unicamente se me presentara a unhas oposicións e quedara moito máis arriba nas listas.

-Outros compañeiros españois non so falan de tarefas que non se corresponden coas dun enfermeiro, senón tamén de condicións laborais pésimas e mesmo multas por deixar o traballo.

-Na miña empresa non coñezo a ninguén nesa situación. Si que sabemos alá, por boca da xente mesmo alemana, que nalgunhas empresas da sanidade privada os enfermeiros españois non están ben. Fannos traballar practicamente como se fosen empregados do fogar, facendo todo tipo de tarefas para as persoas que coidan. Esta situación publicouse xa nun xornal alemán, é dicir que os propios medios de alí recolleron esta situación.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas