GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Javier Brandón Vázquez «O cidadán manda moito en Suíza»

(06/08/2014)

«O cidadán manda moito en Suíza»

Orixinario de Carballo e Cerceda, leva sete meses no goberno co Partido Socialista

Dende o mes de xaneiro (substituíu a un compañeiro) é concelleiro socialista no goberno municipal da cidade, un cargo ao que moi poucos estranxeiros acceden (nin nesta cidade nin noutras). E, curiosamente, neste importante concello helvético non está el só, senón que ten un compañeiro de Corme, Alfonso Gómez, aínda que noutro partido, o dos Verdes. Un feito moi chamativo, explicado en certa medida polo carácter participativo e laborioso en asuntos públicos dos veciños da zona.

 

-¿Que tal a experiencia política nestes sete meses?

-Moi boa, moi satisfactoria ao cento por cento. Traballo en tres áreas: deportes, peticións cidadás para arranxar asuntos que lles afectan e naturalizacións de estranxeiros. Temos maioría no executivo local (catro de cinco somos da esquerda e Verdes), así que podemos traballar e facer cousas. No lexislativo da cidade non a temos, pero na práctica si, porque a oposición non se pon de acordo. En xeral, está resultando un traballo moi bonito.

 

-Presentarase de novo, daquela.

-Iso espero. As eleccións son en marzo do 2015. Eu xa presentei a miña candidatura no partido, terán que ser os meus compañeiros (ocorre en todos os casos) os que digan se sigo nas listas. Eu creo que si, confío niso.

 

-¿Como é a política dunha cidade tan importante como Xenebra? ¿Hai moitas diferenzas co resto do país, ou mesmo con España?

-En Xenebra o problema que temos, sobre todo, é que é moi difícil chegar a compromisos entre partidos. Podería poñer moitos exemplos, pero por citar un, en Lausana chegaron hai tempo ao acordo para facer un tren e xa van pola segunda fase, esa mesma obra aquí nin empezou. E así hai demasiados proxectos que non avanzan, hai que negociar sempre calquera cousa, e custa. Ademais, o cidadán manda moito. A xente realmente fai oposición. Cada cinco semanas máis ou menos estamos votando se facemos ou non facemos algo, xa sexa a nivel cantonal ou federal. Entre unha cousa e outra, é moi duro sacar adiante determinados compromisos políticos.

 

-¿Como está agora a emigración?

-Agora mesmo, eu vexo que chega máis xente de Portugal ca de España. Hai un ano, de Galicia viña moita, sobre todo de Bergantiños e toda esa zona. Os portugueses están por todas partes, vense os seus coches continuamente.

 

-¿E hai moitas opcións de traballar?

-Iso é o curioso, que non as hai. Ou, máis ben, hai menos. Entrar é moito máis difícil ca antes, hai restricións xa en marcha, os límites de acceso aumentaron. Tomáronse decisións políticas para que iso fose así, ademais da famosa votación do 9 de febreiro.

 

-¿Como está a situación económica?

-En Xenebra temos un paro alto. Non comparado con España, senón co resto do país. De feito, é onde máis elevado está, cun 5,2 %. A media nacional anda polo 3 %, e hai cantóns con cifras aínda máis baixas. Ocorre a miúdo en lugares de fronteira: a propia Xenebra con Francia, Basilea con Alemaña, no sur con Italia... Entra moita xente a diario, ademais dos emigrantes clásicos. E, aínda así, créase bastante emprego. Pero para nós un 5 % é un paro moi alto, antes non pasaba iso.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Xuño 2019
LMMeXVSD
     12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas