GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Antonio Rodríguez Miranda «Galicia é a suma do que aportaron os que saíron e os que quedamos»

(30/06/2014)

«Galicia é a suma do que aportaron os que saíron e os que quedamos»

Sinala que na Costa da Morte sigue habendo fluxos cara o exterior

Miranda, coa hora de Nova Iorque e Montevideo. mónica ferreirós

 

 

 

Antonio Rodríguez Miranda (A Bola, 1967) anda hoxe polo País Vasco co Día de Galicia. Acaba de chegar de Alemaña, e en poucos días terá outros destinos. Dende que asumiu o cargo, a finais de decembro do 2012, non para de viaxar polo mundo para falar cos emigrantes galegos. Moitísimos deles da Costa da Morte, unha das principais comarcas migratorias galegas a América, Europa ou Canarias. Biólogo de formación, a súa vida política e persoal está en Allariz.

-¿Cales son as liñas xerais de traballo do seu departamento?

-Para nós, o prioritario nestes momentos, nos que tes que axustar orzamentos, son as persoas, así que todo o que se refira ás prestacións de carácter asistencial, ben sexa de tipo individual (discapacidades, incapacidades, dependencia...) ou canalizadas a través de centros ou entidades, nos países de América sobre todo (centros de día, residencias de maiores, con recursos propios ou colaborando con Benestar) é o fundamental. Logo hai outras liñas, como seguir colaborando coas entidades, poñendo en todo o mundo a lingua e a cultura galega: que teñan actividades e que cada día poidan chegar a ser entidades máis solventes, cun abano amplo, para nenos e maiores. E tamén insistiremos, porque así nolo manda a Lei de Galeguidade, en fomentar a unión das entidades pequenas para darlle unha viabilidade futura.

-¿Como se define agora un centro galego?

-A nova lei permite poñer ao día unha norma que tiña 30 anos, cun rexistro de entidades galegas que en si mesmo quedaba obsoleto. A tipoloxía nos centros non é a mesma hoxe. Por iso agora hai unha apertura na galeguidade: imos recoñecerlle a cada un o que é e o que fai. Recoñecemento, si, pero en función do que fai, socios, traballo...

-¿Seguimos emigrando moito?

-Percibimos que o incremento de galegos no exterior é sobre todo de persoas que non naceron aquí. ¿Temos máis galegos no exterior? Si. Pero sobre todo de persoas que non naceron aquí, que adquiriron a nacionalidade ou son fillos de galegos que xa naceron fóra. ¿Hai máis galegos que saian ao exterior? Temos unha lixeira variación en canto a estes procesos, pero para nada comparables cos doutras etapas da historia. Nalgúns lugares hai incremento, pero de números modestos.

 

-Pero hai comarcas como a Costa da Morte con movementos cualitativos que facía anos que non se vían. Como a Suíza.

-Exacto, cualitativamente é así. Hai lugares onde xa teñen asentada unha poboación no exterior, comparativamente, coa poboación do territorio, relevante, e polo tanto hai moitos contactos de tipo persoal e familiar. Poderíamos citar a Costa da Morte, e tamén noutras: xente que xa estivo alí, que ten familiares, que naceu alí... Teñen dificultades de traballo e vanse. En lugares nos que hai esta permeabilidade si se nota.

 

-¿Hai que valer para emigrar?

-Non hai dúbida. Se hoxe calquera galego vai polo mundo, e ten a moito orgullo falar de Galicia, podo dicir con moito orgullo tamén que os nosos galegos, alí onde deixaron e deixan pegada de recoñecemento (acabo de velo en Alemaña), Galicia identifícase perfectamente dentro de España, e de xeito moi positivo, como unha terra próspera, que marca criterios de como facer as cousas, e iso é froito de moitos galegos que saíron fóra, e non me refiro só ás aportacións económicas, moito máis: saír fóra, mesturarte, traballar doutro xeito, o avance da técnica. Hoxe a Galicia que temos, non sei en que proporción, é a suma clarísima do que aportaron os que saíron e os que estivemos aquí.

 

«Se non hai ánimo de defraudar, non se debe ser sancionado»

Non é un tema do seu departamento, pero Rodríguez Mirando si ten unha opinión sobre as multas de Facenda que lle están chegando aos emigrantes retornados que non declararon. Na Costa da Morte hai moitos.

 

-¿Que lle parece todo isto?

-Creo que é algo tan sinxelo como que todo o mundo ten que contribuír co que lle corresponde, pero tamén é certo que unha persoa que non ten ánimo de defraudar, entendo que non debe ser sancionada. Dende Galicia, de xeito claro, témonos pronunciado, tanto dende o Goberno como o Parlamento, e espero que na Facenda do Estado haxa a receptividade axeitada para entender isto, tanto dende un punto de vista político, como que a falta fiscalmente é ter ánimo de non pagar, e creo que neste caso iso non é así.

 

-¿Os emigrantes poderán votar en urna de novo?

-Teño confianza en que a tramitación que se está levando a cabo nas Cortes propicie un avance e mellora nas condicións de exercicio de sufraxio. Porque os índices de participación evidencian que tal e como está regulado, non está ben, e hai que cambialo para exercer ese dereito.

 

-¿Como vai o programa Reencontros? ¿É suficiente?

-Creo que en Galicia temos que estar orgullosos do que estamos facendo. Hai Administracións que non teñen este programa nin equivalentes, ou que o suspenderon, ou que é case anecdótico. Nós permitimos máis de 200 galegos poidan vir aquí a Galicia, ben para estar coas súas familias e axudámoslle a iso, ou facilitámoslles a estancia de 15 días nunha residencia de tempo libre.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas