GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Galicia precisa a inmigración de 20.000 mulleres anuais ata 2050

(27/06/2014)

Galicia precisa a inmigración de 20.000 mulleres anuais ata 2050


26/06/2014 - Noticias EFE



Galicia precisa unha inmigración neta de 20.000 mulleres para manter estable o número de nacementos ata 2050, polo que sería necesario un programa específico de atracción de inmigrantes que só funcionará con altas probabilidades de emprego.

Esta é unha das conclusións do informe sobre demografía presentado hoxe polo Foro Económico de Galicia e o Círculo de Empresarios de Galicia e do que foi relator o profesor da USC Xaquín Fernández Leiceaga.

Segundo este estudo, nas próximas décadas, os galegos seremos menos, cunha perda dun millón de habitantes nos próximos 40 anos, máis vellos e ocupando unha porción menor do territorio, pois "estamos a cumprir as peores previsións do Instituto Galego de Estadística (IGE) para o período 2002-2051.

Co título " Que futuro demográfico nos espera e como pode incidir no noso benestar? ", o traballo, que recolle os debates desenvolvidos no foro e o círculo empresarial, revela que a poboación galega só crece historicamente cando as circunstancias externas impiden as saídas de emigrantes.

Por iso, conclúe tamén que "fixar poboación activa no territorio é un obxectivo moito máis urxente hoxe do que se concentra en aumentar a natalidade".

Sinala así mesmo que a fecundidade non a frean os "valores (desexos) " das persoas en idade fértil, senón "as condicións concretas", singularmente as "expectativas estables de renda e emprego".

De acordo co estudo presentado hoxe, "de proseguir as tendencias actuais, no curto e medio prazo, o volume de poboación de Galicia vai caer sensiblemente, mentres o envellecemento progresará intensamente e a concentración de habitantes no territorio (nas zonas urbanas) agravarase".

O autor considera que "estas tendencias poden ser matizadas ou corrixidas, pero dificilmente invertidas".

Aínda que Galicia se sitúa no que Leiceaga describiu como a "periferia católica do sur de Europa", o caso galego é máis grave, o que se sustenta en datos como que entre 2001 e 2011 a poboación española aumentou un 14,61 por cento, mentres que a galega o fixo nunha quinta parte, o 2,86 por cento.

Así, despois de 1987 en todos os exercicios se produciron máis mortes que nacementos, cunhas perdas netas acumuladas de poboación de 168.000 persoas ata finais de 2009.

Na presentación do estudo, Leiceaga resaltou que temos un grave problema co presente e o futuro demográfico de Galicia", unha situación que é "inevitable", pero que permite "incidir na intensidade", actuando en dúas variables, os nacementos e os fluxos migratorios.

Estes son un "compoñente indispensable de calquera solución", xa que son máis rápidos e flexibles, mentres que no primeiro caso, é precisa a creación de emprego estable para que os mozos se decidan á "aventura" de ter fillos e son necesarias políticas públicas destinadas a favorecer a crianza dos fillos.

"Solo se hai futuro para os mozos é posible activar a fecundidade", resumiu.

Para o director do Foro Económico, Santiago Lago, o problema non é cantos galegos somos, senón a estrutura da poboación, xa que unha sociedade envellecida é menos emprendedora e asume menos riscos, é máis conservadora e, polo tanto, non mira tanto ao longo prazo.

Insistiu en que se trata dun problema que hai que atender, pois pode levar a Galicia a unha "espiral" que reduza a súa capacidade de dinamismo e así verase tamén dende fóra cando, por exemplo, unha multinacional mire onde realizar un investimento e vexa na galega unha sociedade dependente.

Leiceaga considerou que iso supón "unha dinámica terrible" e recordou que hai 30 anos nacían 45.000 persoas ao ano e hoxe menos de 20.000, por debaixo da metade.

Preguntado polo papel dos Gobernos galegos, limitouse a sinalar que tanto este coma o anterior Executivo "conseguiron introducir a demografía na axenda política", o que cualificou de "importante" e necesario para solucionar o problema.

Para o economista, este asunto non se debe afrontar "sobre a base da urxencia" e apostou por políticas que teñan o horizonte do longo prazo, "moi continuadas", o que precisa un amplo consenso político e social.

No curto, expresou, como opinión persoal, que "onde debemos actuar de forma máis decidida é no emprego xuvenil".

Lago demandou unha "planificación estratéxica" da economía, botou en falta unha análise máis rigorosa de cal sería a incidencia das actuacións nas distintas vertentes que afectan á natalidade e considerou que en Galicia hai "un problema moi serio" de programación a longo prazo e evitar localismos e outros factores que a dificultan.

Sobre a maior ou menor eficacia de potenciar os servizos públicos ou centrarse máis nas axudas directas, o autor do informe recoñeceu que non hai estudos concluíntes no ámbito europeo, pero agregou que, dos que coñece, "posiblemente" sexa máis eficaz o equipamento de servizos.

Sobre as consecuencias desta situación "extremadamente regresiva", Leiceaga apuntou que as consecuencias a curto e medio prazo poden ser "leves", pero a gravidade está no dinamismo e o crecemento a longo prazo, polo que "debería ser obxecto de preocupación intenso das autoridades", dixo, e insistiu en que hai que actuar sobre elementos que non son exclusivamente demográficos, como o emprego, o estado de benestar e o uso eficiente dos recursos.

Finalmente, Emilio Pérez Nieto, membro das direccións tanto do Foro coma do Círculo de Empresarios, resaltou a importancia destes debates e a achega que supoñen á sociedade por parte de universidades e empresas.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas