GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A solidariedade lucense salvou a unha inmigrante dominicana

(25/06/2014)

A solidariedade lucense salvou a unha inmigrante dominicana

Despois de sufrir un grave derrame cerebral, Silveria Ramírez conseguiu recuperarse no HULA e regresou ao seu país natal coa súa familia

 

A historia de Silveria Ramírez está marcada pola adversidade, pero tamén pola solidariedade, a de distintos sectores da sociedade lucense que permitiron a esta inmigrante dominicana reporse dunha grave enfermidade e volver ao seu fogar, cos seus. Silveria chegou a Lugo no ano 2009, como tantos outros dominicanos, en busca dun futuro mellor para a súa familia. Viño soa, mentres na súa terra natal, no humilde barrio de Pai As Casas, esperábanlle o seu fillo e a súa nai.

Na cidade da Muralla estivo a traballar sen cesar, en sectores como a hostalería ou empregada de fogar. Con todo, a mediados do pasado mes de decembro a desventura veu visitala e sufriu un derrame cerebral que a deixou nunha situación crítica, sentenciada a non recuperarse.

No entanto, os seus veciños e amigos lucenses, que fixeron as veces da súa familia, non a deixaron soa. O párroco da igrexa da Milagrosa, José Antonio Ferreiro, parroquia á que pertencía Silveria, organizou unha colecta solidaria. O obxectivo era reunir diñeiro para que o seu fillo puidese viaxar a España e coidar da súa nai.

A resposta foi masiva. A colecta coincidiu ademais coa misa que se celebrou co gallo da festa da Virxe de Altagracia, patroa da República Dominicana. Nela estiveron tamén o bispo, Alfonso Carrasco Rouco, e o cónsul da República Dominicana en Galicia, Emilio Vicente Pérez Fontal.

 

Alegría pola chegada do seu fillo

Precisamente, o cónsul, que estivo pendente da situación desta veciña desde o primeiro momento, destacou que a chegada do seu fillo a Lugo foi como un bálsamo para ela: «Os propios médicos recoñecérono, foi ver ao seu fillo e empezouse a notar a súa melloría, comezou a espertar coa súa chegada».

Con todo, o fillo tivo que regresar ao seu país de orixe, pero os facultativos non autorizaron o traslado da muller dado o seu delicado estado de saúde. Aínda que grazas a esa melloría puido someterse a outra intervención en Santiago de Compostela e logo regresar ao HULA.

Hai uns días déronlle a alta, e o cónsul destaca que este final esperanzador non tería sido posible sen a solidariedade dos veciños, do párroco da Milagrosa, do presidente da compañía aérea Air Europa e, fundamentalmente, de todo o persoal dos hospitais, sobre todo de quen estiveron día e noite con ela no HULA, para darlle para comer, asearla e facerlle compañía, é dicir, médicos, enfermeiros, auxiliares, asistenta social... que se envorcaron na súa recuperación.

O problema é que a muller, por unha serie de circunstancias, quedou indocumentada. Por iso, o cónsul comprometeuse persoalmente con esta veciña e arranxou todo para que puidese regresar á República Dominicana coa súa familia.

 

O cónsul fixo a viaxe con ela

Vicente Pérez acompañouna na viaxe de volta a casa, foi con ela ata Madrid e logo cruzou o Atlántico, porque na súa situación de falta de lucidez e de indocumentación non podería saír do país.

O reencontro cos seus familiares, segundo relata o cónsul, foi moi emotivo, aínda que a familia non deixa de estar marcada polo drama. A nai de Silveria Ramírez ten uns 90 anos, e o seu fillo, aínda que ten traballo nunha panadería, ten tres fillos, un deles con parálise cerebral. Precisamente grazas a Cáritas envióuselle unha cadeira de rodas para o pequeno.

Silveria salvouse grazas a unha cadea solidaria que permitiu a súa recuperación e a súa volta a casa. Pero agora empeza para ela outra época de loita, aínda que rodeada dos seus.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas