GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A emigración regresa a México

(31/03/2014)

A emigración regresa a México

Galegos con vínculos con ese país márchanse pola falta de alternativas laborais

 

O 12 de decembro o primeiro tenente de alcalde da Lama, Juan Carlos Piñeiro, fixo as maletas para cruzar o charco rumbo ao estado de Culiacán. Un amigo da infancia ofreceulle un traballo como responsable dun hotel en Sinaloa e, aínda que tiña dedicación exclusiva, non rexeitou a oferta. «Había tempo que xa falaramos de que íamos a ir para alí os dous e bueno agora estou aquí adaptándome porque isto é outra forma de vida», explica a través do teléfono. Piñeiro, natural da parroquia de Seixido, non é o único que se agarrou a ese cordón umbilical que une concellos como o seu da Lama, Avión ou Beariz con México. «Nos últimos meses só de alí marcharon polo menos catro, pero non están aquí. Algúns foron para Cancún, outros para Veracruz, na costa Atlántica», di. Aínda que o tipo de emigración é moi diferente e o fluxo moito menor, parece que ese país norteamericano se suma ao Reino Unido, Alemaña e Suíza como destino dos que escapan das turbulencias que atravesa o mercado laboral galego.

En Seixido, unha das parroquias do concello pontevedrés da Lama con maior número de emigrantes nese país, falan do fenómeno con timidez. Coñecen o caso «do concelleiro», pero a volta dalgúns emigrantes que retornaron fai uns anos descríbeno como algo normal. «Aquí hai moita xente en México, veñen no verán ou por temporadas e logo volven marchar. ¿Que volveran para alá outra vez? Os sobriños deste home que está aí, pero xa andiveran antes por alá. Aquí deberon de botar dous anos», din no bar do pobo.

Os últimos en marchar

Non é fácil buscar a pista dos últimos que se foron. Porque para os veciños do pobo a ida e vinda de persoas nunca parou. A diferenza é que nos últimos meses parece ter aumentado. O propio alcalde da Lama, o popular Jorge Canda, di que máis do 40 % dos que emigraron alí triunfaron e «pasan por aquí tempadas». Por experiencia estima que podería ser que na Lama (2.862 habitantes) haxa censados menos veciños que galegos con dereito a voto no concello hai repartidos por todo México, desde Iucatán ao D.?F. «Teño ido alá pedir o voto e recorrer ata 3.000 quilómetros para poder ir velos a todos», di. Pero a realidade que marcan datos como os recolleitos polo PERE (padrón de españois residentes no estranxeiro) é que en xaneiro deste ano vivían nese país 12.033 persoas nacidas a este lado do charco, 849 máis que no 2012. A esa cantidade habería que sumar os que viñeron ao mundo alá e, despois de ter pasado unha tempada en Galicia, optaron por regresar.

Tras tocar en varias casas do pobo, nunha responde desde a porta unha muller. É a nai dun dos que se marchou ultimamente a Cancún, xunto á turística Riviera Maya. «Non hai traballo e que ía facer. Non vai por gusto. Alí hai traballo e gánase ben, pero está a inseguridade», explica esta muller que en 1968 tamén fixo as maletas para ir a Durango. Emigrou a ese estado norteamericano igual que a súa irmá e como tamén fixeron outros moitos habitantes nas aldeas de ao redor.

En Pigarzos, o último pobo da Lama antes de chegar a Avión, «todas as casas da aldea teñen xente en México». Explícao Enrique Vaqueiro, portavoz do PSOE na Lama. A súa é unha familia de emigrantes. O primeiro en marchar foi o tatarabuelo, que deixou aquí cinco fillos. «Cando o pequeno emigrou, o bisavó José regresou a Pigarzos para coidar da súa nai, que quedara soa no pobo». Logo o seu fillo fixo as maletas para ir a México, país no que naceu o seu pai. E algo parecido ocorreu cos seus antepasados por parte de nai. Por iso Enrique, igual que a súa nai, viño ao mundo alén do Atlántico. E cando tiña 24 anos voaron xuntos a Galicia. Viñan para quedar, pero o mes pasado ela tivo que volver. Aos seus 47 anos resultáballe complicado achar aquí un emprego e aceptou un posto nun hotel de Veracruz. «Foi alá con traballo de aquí. Ademais un tío foise o ano pasado e outro regresou cara alá en xaneiro. A familia quedou aquí e agora están a pensar que fan», explica. E bota contas dos que, segundo recorda, fóronse de Pigarzos no último ano. A lista alcanza os trece.

Pero parece que estes non son os únicos casos. Na Gaiola, outra aldea situada a só uns quilómetros, unha muller que vive en México corrobora o fenómeno: «Coñezo exemplos de retornados cara alá, pero tamén hai os que optan por irse por primeira vez». Van probar sorte, pero da man de alguén que está alá.

 

Un fluxo migratorio diferente ao de Suíza

A nova onda de persoas que están facendo as maletas para refacer a súa vida noutros países de Europa como Suíza, o Reino Unido ou Alemaña é, desde logo, moito maior que o fluxo aos diferentes países de América. Basta con repasar os datos do PERE para comprobar, por exemplo, como en xaneiro deste ano vivían en Suíza 1.641 galegos máis que no 2012. Pero o tipo de emigración que marcha a Europa é moi diferente á que cruza o charco para ir a México. Aínda que moitos dos que van a Estados europeos conservan vínculos familiares derivados dos fluxos migratorios dos anos 50 e 60, hai bastantes que se van cunha man chea de nada e outra cousa de ningunha á caza dun traballo que non teñen. En países como Suíza, por exemplo, achan agora a competencia directa de traballadores do Leste que están dispostos a facer o mesmo traballo a un menor custo. Outra cousa son enxeñeiros ou médicos que marchan a Alemaña para postos que a industria local non logra cubrir.

En México o escenario é diferente. O primeiro fluxo migratorio cara a ese país norteamericano remóntase xa a finais do XIX e moitos dos que marcharon convertéronse en grandes empresarios. Máis aló dos irmáns Vázquez Raña, a maior parte dedicáronse primeiro á industria do moble e agora ao sector hostaleiro e das gasolineiras. O habitual é que estes buscasen en Galicia encargados ou traballadores para as súas empresas. Iso é o que volven facer.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas