27 de marzo de 2014
O Goberno alemán limitará o acceso dos inmigrantes europeos ás prestacións sociais e restrinxirá os permisos de residencia no país mentres se busca emprego co obxectivo de evitar a fraude, ante o temor de que aumente de forma importante a chegada de cidadáns romaneses e búlgaros. O executivo teutón presentou unha serie de medidas entre as que destaca unha que non deixou indiferente a ninguén; e é que se propón a posibilidade de conceder permisos limitados de residencia -cuxa duración será de entre tres e seis meses- para a procura de emprego.
O ministro do Interior, Thomas de Mazière, e a titular de Traballo, Andrea Nahles, presentaron o mércores en Berlín un informe redactado por un grupo de traballo que estudou o actual marco legal e avanzaron unha serie de propostas que, garantiron, respectan a normativa europea.
Ademais dos permisos de residencia temporais, destaca a pretensión de prohibir temporalmente o reingreso no país a quen teñan cometido fraude ou abuso, como a utilización de documentos falsos e a decisión de castigar penalmente a fraude para conseguir papeis.
A gran coalición de Goberno que dirixe Angela Merkel quere tamén endurecer as condicións para acceder a determinadas prestacións, como as que se cobran polos fillos a cargo, para evitar que os inmigrantes, que poden recibir axudas polos nenos que manteñen fóra de Alemaña, perciban subvencións dobres.
Por outra banda, os Ministerios de Interior e de Traballo propoñen reformas na lexislación laboral para loitar contra a economía mergullada e a explotación dos traballadores inmigrantes.
As reformas legais irán acompañadas do apoio financeiro -200 millóns de euros para asistencia técnica ás diferentes rexións-, xa que o Goberno recoñece a importante carga que soportan neste momento cidades cara ás que se dirixen os fluxos migratorios, como Múnic, Frankfurt, Hamburgo e Duisburgo.
O informe céntrase no posible impacto que pode ter en Alemaña a apertura de fronteiras aos cidadáns búlgaros e romaneses, que desde o 1 de xaneiro non necesitan un contrato de traballo para entrar no país, e intenta acougar aos conservadores bávaros da CSU, partido irmán da CDU de Merkel e membro do goberno de coalición no que tamén están os socialdemócratas.
O número de romaneses (205.026) e búlgaros (118.759) en Alemaña é aínda inferior ao doutras nacionalidades europeas, como polacos (532.375), italianos (529.417) ou gregos (298.254), pero o ministro do Interior destacou o importante incremento que rexistraron nos últimos anos.
O informe subliña que entre o 2012 e o 2014 a chegada de inmigrantes búlgaros e romaneses subiu un 414,5 %.
Segundo os datos do estudo, en 2012 residían en Alemaña 120.231 españois, cifra un 11 % superior á de 2004.
A inmigración española subiu un 206,6 % entre o 2004 e o 2012, ano no que entraron no país 23.345 cidadáns españois.
A española foi, segundo os datos do estudo, a sétima nacionalidade entre os máis de 623.000 inmigrantes que recibiu Alemaña no 2012, tras polacos, romaneses, búlgaros, húngaros, italiano e gregos.
O estudo subliña que a inmigración europea é benvida en Alemaña e o ministro do Interior insistiu nos beneficios que estes cidadáns achegan ao país ao que se desprazan a traballar.
Fixo tamén fincapé, con todo, nos «problemas» que pode carrexar este fenómeno se non se pon couto á fraude, tanto por parte dos inmigrantes como dos empresarios que os explotan.