GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A escola africana de Angrois

(28/03/2014)

A escola africana de Angrois

Abre en Senegal un centro de educación especial para nenos co nome de Jacobo Romero Rivera, en recordo dunha das vítimas do Alvia

 

Angrois, nos arredores de Santiago de Compostela, e Palmarin, na costa senegalesa, están separados por case 3.500 quilómetros. Desde hai uns días esa distancia é un pouco máis estreita. Polo menos, sentimentalmente están máis cerca. Posiblemente, os habitantes daquela comunidade rural africana xamais oíran falar do accidente de tren que o 24 de xullo levou por diante a 79 persoas na curva da Grandeira, en Angrois. Agora teñen o nome dunha daquelas vítimas na placa da súa escola de educación especial, a que acaban de estrear.

Chámase ese centro Jacobo Romero Rivera en recordo a unha das vítimas do Alvia. A súa noiva, Lucía Arousa Rey , tamén se deixou a vida naquel accidente. A escola é resultado do empeño persoal e a constancia de Begoña Romero , prima de Jacobo, e unha persoa moi vinculada á cooperación. No 2010 estivo na zona nun proxecto da Universidade das Palmas e quedouse coas ganas de consolidar aquela experiencia. Sobre todo polas carencias que detectou na atención a nenos con necesidades especiais. A distancia física entre Galicia e Senegal é medible en quilómetros, pero a distancia en sanidade, educación, infraestruturas... é complexa de calcular. Por abismal.

Comezou a darlle voltas á cabeza. E tras o accidente quixo cristalizar a idea con rapidez e creou unha asociación para xestionar todo o proxecto. Esa oenegué chámase Jaime Rever, xogo de palabras con j?aime rever (amo soñar, en francés, idioma oficial en Senegal). En apenas 9 meses aquela idea callou grazas a centos de colaboracións privadas ( organizáronse tamén torneos, concertos...). E, sobre todo, a achega da propia familia Rivera Romero .

A escola comezará a funcionar ao 100 % a partir de setembro. As súas instalacións xa están listas. Inauguráronse o pasado sábado, nun acto «alegre e emotivo, con música tradicional local, con tamtam senegalés e con caixón español», explica Begoña, que será unha das persoas que traballen nese centro, xunto a outros mestres locais e voluntarios españois (participan xa catro profesores).

Dese aire festivo do sábado contaxiáronse todos. Acudiron familiares de Jacobo Romero , autoridades locais, e 200 nenos da zona, parte dos cales poderán acceder aos servizos deste colexio público. Sobre todo aqueles con dificultades motoras, problemas de linguaxe, atraso mental... Para eses nenos, esta escola é unha realidade soñada durante moito tempo. A cara dunha cruz a 3.500 quilómetros.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas