GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Case 480.000 galegos viven no estranxeiro

(21/03/2014)

Case 480.000 galegos viven no estranxeiro

Galicia terminou o 2013 con 15.746 emigrantes máis que hai un ano e 95.000 persoas máis que fai cinco

A sangría demográfica que mantén acendidas todas as alarmas avanza sen que ningunha estatística mostre un punto de luz que sustente a esperanza de que a situación é reversible. Galicia non só arrastra un dos saldos vexetativos máis pobres do mundo, senón que sae especialmente castigada desa emigración de novo cuño asociada á prolongada crise económica. Os últimos datos do padrón de residentes no estranxeiro, publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), cifran en 479.558 os galegos asentados noutros países. En cinco anos, coincidindo co derrubamento do emprego, a colonia galega no exterior incrementouse en 95.959 persoas respecto ao padrón do 2009, equivalente á poboación dunha cidade como Santiago.

Dos 383.599 galegos contabilizados no 2009 pasouse aos 479.558 actuais. As provincias da Coruña (166.623 residentes no estranxeiro) e Pontevedra (140.145) achegan os principais continxentes, como corresponde á súa condición de máis poboadas. Pero o peso relativo na colonia exterior é moito maior nas provincias de Lugo (66.088) e, sobre todo, de Ourense (106.702). Nos últimos anos tamén se mantiveron as diferenzas internas sobre os destinos maioritarios. Mentres a que procede das provincias da Coruña e Pontevedra diríxese cara a Europa, a orixinaria de Lugo e Ourense mira máis cara a América.

 

43 asentados ao día no 2013

No último ano fixaron a súa residencia noutros países 5.187 coruñeses, 4.519 pontevedreses, 3.313 ourensáns e 2.727 lucenses. En total, o padrón de galegos residentes no estranxeiro incrementouse en 15.746 persoas respecto ao publicado a principios do 2013, o que supón que cada día se asentaron noutros países unha media de 43 persoas desta comunidade.

Os datos do INE non permiten precisar cantos deses novos integrantes da diáspora galega saíron para buscar traballo. Aínda que só a metade do total figuran no grupo de 16 a 64 anos, que aloxa ás persoas en idade laboral. En todo caso, a emigración exterior, que non aflora no padrón, representa só unha parte do fenómeno, xa que aínda son máis os galegos que buscan o seu futuro noutra comunidade autónoma cando deixan Galicia. No primeiro semestre do 2013, cando a emigración superou por vez primeira á inmigración, o 56 % das saídas foron a outros puntos de España. Outros estudos do INE acreditan que, ademais de man de obra, na nova emigración Galicia perde a xeracións en idade de contribuír á substitución poboacional. No primeiro semestre do 2013, 2.436 mozos de 25 a 39 anos deixaron a comunidade.

 

Emigrantes e nacionalizados

A difusión do padrón de residentes no exterior levou á Xunta a emitir unha nota aclaratoria sobre o cómputo do INE de novas inscricións. Ese parámetro cifra en 22.329 persoas o aumento de galegos no exterior, cifra que difire da comparación directa do último padrón co do 2013, que arroxa os 15.746 referidos. Subliña a Xunta que esas 22.329 novas incorporacións «non deben identificarse co número de persoas que emigran, pois moitos dos primeiros nunca residiron en Galicia». Matiza que só 3.662 estaban inscritas con anterioridade na súa provincia, e que o resto naceron no estranxeiro. Achaca este desaxuste á coincidencia no tempo de dous procesos. Por unha banda, a adquisición da nacionalidade española, e despois da cidadanía galega, como consecuencia da aplicación da lei de memoria histórica. Por outro, polo regreso aos seus países de orixe de galegos de dereito que naceron fose e que viviron durante algún tempo en Galicia. Como é lóxico, esa decisión de retornar pode estar condicionada pola falta de oportunidades nesta terra, aínda que as motivacións non afloran na estatística do INE.

Como proba das distorsiones provocadas polas diferentes realidades que están detrás da incorporación de galegos ao padrón chama a atención sobre o feito de que só 13 dos 4.275 inscritos en Cuba durante o último ano naceron en Galicia. En Arxentina foron 367 de 5.501 novos inscritos.

Os españois que residen noutros países superan xa os dous millóns

 

Maioría galega en América

Tres de cada catro galegos que residen no estranxeiro están en América: 374.269 sobre un total de 479.558 repartidos por todo o mundo. No resto dos países europeos viven 101.641 galegos; en Oceanía, 1.693; en Asia, 1.019; e en África, 936. Segundo os datos do padrón publicado onte polo INE, durante o último ano, a cifra de residentes españois no continente americano aumentou en 87.611 persoas, e a dos que viven noutros países de Europa, en 34.752.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas