GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Destinan dous millóns de euros en axudas individuais a galegos no exterior en situación de alta precariedade

(21/02/2014)

Destinan dous millóns de euros en axudas individuais a galegos no exterior en situación de alta precariedade

Redacción, Santiago | 20 Febreiro 2014 - Crónicas da Emigración

O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición deste xoves, día 20, a resolución pola que se establecen as bases reguladoras das axudas económicas individuais a galegos residentes no exterior para o exercicio de 2014, en réxime de concorrencia non competitiva, e dirixida aos emigrantes de orixe galega, e a determinados familiares residentes no estranxeiro, que acrediten encontrarse en situación de alta precariedade económica.

Estas axudas están destinadas a cubrir as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria, e segundo establece a resolución, e o prazo para poder acollerse a elas finalizará o 30 de novembro. Para a concesión das axudas previstas na disposición destínanse dous millóns de euros, de fondos da Secretaría Xeral de Emigración, que dirixe Antonio Rodríguez Miranda.

Ao longo de 2013, presentáronse un total de 8.029 solicitudes, das que o 95,9 por cento (7.698) recibiron contestación afirmativa por parte da Xunta. O país no que reside o maior número de beneficiarios é Cuba, seguido por Arxentina, Uruguai e Venezuela.



Tipos de axuda

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas que demostren -segundo se recolle na propia resolución- carecer de rendas, ingresos ou patrimonio abondo para a subsistencia, e cumprir os requisitos de necesidade estipulados en cada tipo de axuda.

A convocatoria publicada este xoves considera sete tipos de axuda. As primeiras son aquelas por unidade familiar en situación de precariedade; as segundas, por situación de dependencia ou enfermidade grave do solicitante; as terceiras, por situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar; as cuartas, por invalidez ou enfermidade permanente; as quintas, por cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves cando teñan un custo elevado; as sextas, para as mulleres que sufran violencia de xénero; e as últimas, para paliar unha situación de desemprego na unidade económica familiar.

De xeito xenérico, a contía da axuda mínima estipúlase en 150 euros, e a máxima, en 800 euros, dependendo de diversos criterios de avaliación, e en función de se o país no que reside o emigrante asinou ou non convenio en materia de Seguridade Social con España.

En calquera caso, unicamente poderá solicitarse unha axuda por feito causante, e cada solicitante poderá pedir unha soa axuda por un único suposto. Ademais, as axudas non orixinan ningún dereito subxectivo para os beneficiarios, e estarán condicionadas á dispoñibilidade presupostaria.

As solicitudes, xunto co resto da documentación necesaria para cada caso, poderán presentarse utilizando a sede electrónica da Xunta, (https://sede.xunta.es). Como alternativa, contémplase que tamén se poidan presentar na propia Secretaría Xeral de Emigración (Rúa Basquiños, 2. 15704 Santiago de Compostela), nas delegacións da Xunta en Bos Aires e Montevideo, nas seccións consulares correspondentes, así como en seis entidades colaboradoras de Brasil (4), Cuba (1) e Venezuela (1).



Criterios de valoración

A disposición establece como criterios xenéricos de valoración e baremo o grao de dependencia, a gravidade das enfermidades padecidas, os ingresos económicos, e a idade do solicitante, así como as cargas familiares, todos eles demostrables documentalmente. Estipúlase a documentación xustificativa en cada caso, e un prazo de resolución que en ningún caso poderá superar os seis meses.

Esta resolución publicada é unha mostra máis da aposta do Goberno galego por apoiar e dar impulso, na medida do posible neste contexto de fonda crise económica, a un sector da poboación ao que debe por xustiza histórica especial atención.

nAXUDAS E SUBVENCIÓNS
Consulta as axudas e subvencións mais importantes.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas